Xoves 25 Abril 2024

Inmunizados sen máscara, nalgúns casos: primeiros pasos cara á relaxación de medidas

O Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades expón aos países membros os escenarios diante do avance da campaña de vacinación

O avance da campaña de vacinación en Europa e noutros países, como Reino Unido ou Israel, comeza a ser patente nas cifras de casos graves en boa parte deles e na redución da transmisión. En Israel a máscara xa non é obrigatoria na rúa, despois de que preto do 60% da súa poboación xa recibise as dúas doses. E no Reino Unido, despois de meses de severas restriccións, o Goberno está a levantar as limitacións sociais. E na Unión Europea, cun ritmo de inmunización bastante semellante en todos os países, as autoridades sanitarias xa traballan en como abordar este relevante paso cara á chamada, tantas veces, ‘nova normalidade’. Unha guía de recomendacións publicada esta semana polo Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) abre a porta a que os colectivos que xa completaron a súa inmunización poidan desprenderse do que se coñecen como “intervencións non farmacéuticas”, isto é, a distancia social e o uso de máscara, sempre que compartan espazos con persoas vacinadas ou con grupos de poboación sen risco de desenvolver formas graves de Covid-19.

Cando podería quitarse a máscara?

A mensaxe do ECDC amósase, porén, como recomendación, e deberán ser os países membros os que avancen ou non nestas decisións. O propio organismo advirte que, a pesar do avance da vacinación, con case 120 millóns de doses administradas en Europa, “a circulación viral na UE segue sendo alto, e a vacinación é aínda baixa na poboación maior de 18 anos, aínda que máis alta en grupos específicos prioritarios, como os traballadores sanitarios e as persoas maiores de 80 anos”.

Publicidade

Este escenario leva, por tanto, a que o risco de desenvolver Covid-19 grave nas persoas novas e de mediana idade xa vacinadas sexa “moi baixo”, e “baixo” nas persoas maiores ou con patoloxías que poidan complicar a enfermidade. E por outra banda, o perigo de desenvolver formas severas da infección polo SARS-CoV-2 é “entre moi baixo e baixo” nas persoas novas e de mediana idade que puideran estar en contacto con persoas inmunizadas, mentres que é moderado en persoas maiores ou con factores de risco.

Tengo en conta isto, o ECDC establece “situacións específicas” nas que as “intervencións non farmacéuticas” poden levantarse:

  • Cando persoas inmunizadas se encontren con outras persoas inmunizadas, o uso de máscaras e a distancia social pode relaxarse.
  • Cando persoas non vacinadas que sexan conviventes ou estean na mesma burbulla social se encontren con xente inmunizada “se non hai factores de risco de enfermidades graves ou efectividade das vacinas nalgún dos presentes (por exemplo, idade avanzada, inmunosupresión e outras condicións subxacentes)”, estas medidas de prevención tamén poderán relaxarse.

O ECDC apóiase nas evidencias que amosan que as persoas inmunizadas, aínda que se infecten, teñen menos probabilidades de seren transmisoras do SARS-CoV-2 aos seus contactos aínda non vacinados. Con todo, debido á incerteza da información dispoñible neste momento, e á espera de evidencias máis sólidas, recomenda manter as prevencións na medida do posible. É por iso que, “no contexto epidemiolóxico actual”, recoméndase manter o uso da máscara e a distancia social en espazos públicos e aglomeracións importantes de persoas, incluíndo as viaxes.

En canto ás posibles decisións dos países, o ECDC apunta que “deben ter en conta” a dispoñibilidade de acceso a vacinas da poboación para avanzar na relaxación de medidas. Neste sentido, remítese á experiencia de Israel ou o Reino Unido, que achegan “unha indicación de como a transmisión do virus pode reducirse coa aplicación coidadosa e ‘desescalada’ das medidas de prevención da saúde pública, mentres a vacinación se estende o máis rápido posible na UE”. En España, por agora, o Ministerio de Sanidad non contempla dar pasos inmediatos neste sentido, toda vez que a cobertura vacinal é escasa e a incidencia mantense en valores de risco en moitas áreas do territorio estatal.

A mensaxe do organismo comunitario vai na liña coas recomendacións emitidas pola entidade equivalente nos Estados Unidos, o CDC. Nun documento difundido a comezos de abril, expoñía as recomendacións para as persoas que xa recibisen a vacina completa:

Fonte: CDC.
Fonte: CDC.

A decisión está agora na man de cada país da UE e, en parte, en cada comunidade autónoma. No caso de Galicia, por exemplo, a Xunta adiantouse a establecer a obrigatoriedade do uso de máscara en todo momento, agás no propio domicilio, mesmo ao practicar deporte en espazos abertos. Porén, desde comezos de abril permítese non usala cando non se estea preto doutras persoas na actividade deportiva exterior, así como ao permanecer en espazos abertos como praias, piscinas, e outras zonas de baño, sempre que non se realicen desprazamentos. No resto dos supostos, a máscara segue sendo obrigatoria en zonas públicas, agás para o momento exacto do consumo nos locais de hostalaría.

É probable, por tanto, que nas vindeiras semanas, e a través de ferramentas como os certificados de vacinación, desenvolvidos tamén en Galicia pola Xunta, se continúen dando pasos cara a unha ‘nova normalidade’, facilitando a mobilidade das persoas que xa estean protexidas contra o SARS-CoV-2. Pero, por agora, a mensaxe é de precaución. Falta menos, pero aínda non se chegou ao final.


Máis información (en inglés): Interim guidance on the benefits of full vaccination against COVID-19 for transmission and implications for non-pharmaceutical interventions.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea