Cinco concellos, con peche perimetral a partir do luns en Galicia

Carballeda de Valdeorras, Cualedro, A Pobra do Caramiñal, O Grove e Vilanova de Arousa. quedan no nivel máximo, e outros 33 concellos, en nivel alto ou medio

Dentro da situación “estable”, en palabras dos responsables da consellería de Sanidade, o lixeiro aumento da transmisión da Covid-19 en Galicia levou ao subcomité clínico reunido na mañá do venres a establecer un novo mapa de restricións nos concellos que entrará en vigor na medianoite do domingo 25 ao luns 26. Cinco concellos (Carballeda de Valdeorras, Cualedro, A Pobra do Caramiñal, O Grove e Vilanova de Arousa) estarán durante a semana que vén con peche perimetral, prohibición de reunións de persoas non conviventes e peche dos locais da hostalaría, entre outras restricións. Nestes cinco municipios, aínda que a tendencia é distinta na última semana, a incidencia sitúase por riba de 250 nos últimos 14 días. Co novo mapa, todos os municipios da contorna da ría de Arousa, un dos lugares onde se está a constatar maior transmisión, estarán en niveis maiores de limitacións cá meirande parte de Galicia.
A medida chega no día no que o Sergas notificou 226 casos confirmados mediante PCR entre as 18 horas do mércores e o xoves, o que supón a maior cifra do último mes. Ademais, despois de semanas por baixo dos 200 casos diarios, os positivos comezan a superar este limiar na última semana. A incidencia acumulada no conxunto de Galicia, segundo datos do Ministerio de Sanidad, é 93,20 casos/100.000 habitantes a 14 días e de 44,93 a unha semana.

Niveis alto e medio

Ademais dos cinco concellos en nivel máximo, os municipios de Lobeira, Muiños, Petín, O Barco de Valdeorras, Meira, Ribeira, Cambre, Marín, Meis, Meaño, Ribadumia e Ponteareas ficarán no rango de restricións “altas”. Isto supón o peche do interior dos locais da hostalaría e a capacidade máxima do 50% no exterior, ademais doutra serie de medidas contempladas na normativa que entrou en vigor despois dos novos pasos na ‘desescalada’ (máis información aquí).

Publicidade

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos concellos de Cartelle, Lobios, Cortegada, Padrenda, Verín, Chantada, Boiro, Rianxo, Carnota, Carral, Catoira, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Poio, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, e Vigo.

Nos outros 275 concellos manteranse as medidas fixadas no nivel medio baixo. Isto é, entre outras restriccións, as terrazas dos locais de hostalaría estarán ao 75% e o interior, ao 50% da súa capacidade. Como en todo o territorio, rexerán os límites de reunións para catro persoas non conviventes en interiores e seis en exteriores, o peche perimetral da comunidade autónoma e o confinamento nocturno entre as 23 e as 6 horas.

Publicidade

Así quedará, por tanto, o mapa a partir do luns:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño