O novo estudo reforza a idea de que a exposición previa a outros coronavirus pode mellorar a inmunidade do organismo fronte ao SARS-CoV-2.
O novo estudo reforza a idea de que a exposición previa a outros coronavirus pode mellorar a inmunidade do organismo fronte ao SARS-CoV-2.

Un estudo reforza a idea da inmunidade ao SARS-CoV-2 por mor doutros coronavirus

Científicos alemáns constatan que persoas non expostas ao novo virus teñen células protectoras contra a infección da Covid-19

Un estudo aceptado para a súa publicación, e que difundiu este xoves a revista Nature, reforza unha posibilidade da que xa se leva meses falando, e que pode ter importantes implicacións no impacto da pandemia do SARS-CoV-2 na poboación mundial: científicos alemáns constataron que algunhas persoas que non estiveron expostas ao novo coronavirus poderían ter inmunidade fronte á Covid-19 pola súa exposición previa a outros coronavirus estacionais, algúns dos cales causan todos os anos as catarreiras comúns que afectan a unha parte importante da poboación. O estudo está liderado por Andreas Thiel, do hospital universitario Charité de Berlín, e nel participa tamén, entre outros, Christian Drosten, un dos principais asesores do goberno alemán durante a crise.

A investigación aborda o papel das células T, un tipo de glóbulos blancos que son clave para a resposta inmunitaria do organismo a diversas infeccións. Os autores deste traballo atoparon que unha de cada tres persoas que non tivo exposición previa ao SARS-CoV-2 tiña, a pesar disto, células T que eran capaces de recoñecer o novo coronavirus e ‘estimular’ a inmunidade. Aínda que os factores implicados nisto poden ser moitos e moi variados, os científicos manexan que unha das razóns sexa que a estrutura do SARS-CoV-2, ao ser semellante a outros coronavirus do arrefriado común, fomente tamén a reacción destas células T.

Vaite defender aquela catarreira dunha infección máis grave da Covid-19?

Método

Os resultados obtivéronse despois de illar as células inmunitarias do sangue de 18 persoas afectadas pola Covid-19 que foron atendidas no hospital Charité, con PCR positiva para o SARS-CoV-2. Á vez, illáronse as células inmunitarias doutras 68 persoas que non estiveron expostas ao novo coronavirus, e estimularon cada unha das mostras usando pequenos fragmentos sintéticos das proteínas spike do SARS-CoV-2, as protuberancias en forma de espícula que facilitan a entrada do virus nas células humanas para poñer en marcha os mecanismos de replicación e, finalmente, a infección.

A continuación, comprobouse se as células-T se activaban en contacto con estes fragmentos. Como agardaban, as células do sistema inmune das persoas que xa pasaran a Covid-19 reaccionou ante o virus, e amosou a reacción in vitro en 15 dos 18 casos (85%), segundo explica Claudia Giesecke-Thiel, unha das autoras. Sobre o feito de que non todos os casos xeraran reacción de inmunidade, Giesecke-Thiel explica que “probablemente se deba a que as células T non poden activarse fóra do corpo humano durante unha fase aguda ou particularmente grave dunha enfermidade”.

Mais o principal achado apareceu cando se analizaron os casos das persoas que non estiveran expostas á Covid-19. Nas mostras de 24 dos outros 68 individuos (35%) observouse que as células T reaccionaron diante das espículas do SARS-CoV-2, cun detalle relevante: no caso destes individuos sans, as células T actuaron, sobre todo, en seccións das proteínas das espículas que tiñan semellanza cos coronavirus da catarreira común. “Isto suxire que as células T de persoas sas reaccionan ao SARS-CoV-2 porque estiveron expostas anteriormente aos coronavirus do arrefriado”, engade a doutora Giesecke-Thiel, que engade: “Unha das características de las células T é que non só son activadas por un patóxeno con un axuste exacto, senón tamén por aqueles cunha semellanza suficiente”.

Este fenómeno, coñecido como reactividade cruzada, pode ter tamén efectos adversos nalgúns casos, segundo destaca outro dos investigadores, Leif Erik Sander: “Neste caso, un episodio recente do arrefriado común probablemente resultaría en síntomas máis leves se hai unha infección por mor do SARS-CoV-2. Porén, tamén é posible que a reacción da inmunidade cruzada produza unha resposta inmunitaria mal dirixida, e efectos potencialmente negativos no curso clínico da Covid-19″.

Estudo a maior escala

Con todo, os autores advirten das limitacións dos achados obtidos ata o momento, e avanzan que se precisarán evidencias máis sólidas para soster a existencia dunha inmunidade cruzada a gran escala na poboación. Para isto, o hospital Charité xa puxo en marcha un ensaio, financiado polo Goberno alemán, no qeu recollerán mostras de sangue dun mínimo de 1.000 pacientes recuperados da Covid-19 e, por outra banda, a persoas que nalgún momento durante os últimos anos estiveran expostas aos coronavirus da catarreira común, como 229E, C43, NL63 o HKU1.

Segundo lembra Andreas Thiel, os coronavirus son responsables todos os anos dun 30% das catarreiras. “Se asumimos que estes son capaces de conferir un certo nivel de inmunidade contra o SARS-CoV-2, isto significaría que as persoas expostas a eles deberían ter unha maior protección”. Tal e como conclúen no propio artigo de Nature, “a presenza de células T con reactividade cruzada nunha parte importante da poboación pode afectar á dinámica da pandemia actual, e ten importantes implicacións no deseño e análise dos ensaios da vacina da Covid-19”.


Referencia: SARS-CoV-2-reactive T cells in healthy donors and patients with COVID-19 (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.