Os estudos coinciden en apuntar a posibilidade de que a exposición a algúns coronavirus 'benignos' causantes da catarreira poidan activar unhas maiores defensas fronte ao SARS-CoV-2.
Os estudos coinciden en apuntar a posibilidade de que a exposición a algúns coronavirus 'benignos' causantes da catarreira poidan activar unhas maiores defensas fronte ao SARS-CoV-2.

Vaite defender aquela catarreira dunha infección máis grave da Covid-19?

Varios estudos abordan a posibilidade de que a exposición previa a outros coronavirus xere protección fronte á nova doenza

O termo coronavirus vaise converter nunha das palabras que ficará nos libros de historia contemporánea despois do que viviu a humanidade nos últimos meses. Pero non é un tipo de virus novo e descoñecido polos científicos centrados no estudo destes axentes infecciosos. Ademais do SARS-CoV-2, coñécense decenas de patóxenos da familia Coronaviridae que causan doenzas máis ou menos graves en seres humanos e outros animais. Algúns deles, moito máis leves, provocan, por exemplo, de parte dos síntomas de  catarreira que calquera persoa era susceptible de coller na época pre-Covid-19. E as últimas investigacións realizadas sobre o papel dos linfocitos T (un tipo de célula que participa na resposta inmune dos organismos ás infeccións, destruíndo ás células infectadas) botan a vista cara a atrás, xa que contemplan a posibilidade de que algunhas persoas que aínda non pasaron pola infección do SARS-CoV-2 poderían ter xa no seu corpo defensas que axudarían a superar o proceso no caso de que se infecten. É dicir, que reaccionan de forma máis eficaz ante a infección, neutralizando algúns dos compoñentes do novo coronavirus, antes de que esta empeore e poida converterse en grave, ou mesmo irreversible.

O último dos traballos, publicado a semana pasada na revista Cell, pon sobre a mesa unha posible “inmunidade cruzada” de persoas que se tiveran contaxiado dalgún dos coronavirus ‘benignos’ que provocan as diversas variantes de catarreira. A investigación, realizada por científicos do Instituto de Inmunoloxía de La Jolla, en California (Estados Unidos), apunta a que “a detección de células T reactivas ao SARS-CoV-2 en arredor do 50% das persoas non expostas suxire o recoñecemento destas células (…) entre os coronavirus circulantes da catarreira común e o SARS-CoV-2″, o que “podería influír na susceptibilidade á Covid-19”, expón un dos autores, Shane Crotty.

O equipo, dirixido polo inmunólogo Alessandro Sette, analizou mostras de persoas que superaran a Covid-19 e, por outra banda, mostras de doadores recollidas entre 2015 e 2018 que, polo tanto, non puideron estar expostas ao novo coronavirus. E detectaron que, ademais dos anticorpos específicos xerados contra o virus, existía unha resposta dos linfocitos T ao SARS-CoV-2 en entre o 40 e o 60% das mostras recollidas en anos anteriores, o que suxire “un certo grao de reactividade cruzada nalgúns individuos”.

Posibles diferenzas xeográficas?

Na información difundida polo instituto La Jolla, Crotty engade que os individuos aos que corresponden estas mostras si estiveran expostos aos coronavirus da catarreira común. Os resultados poderían axudar tamén a interpretar posibles diferenzas xeográficas no impacto do SARS-COV-2, aínda que é un detalle que “aínda non está claro se a reactividade cruzada orixina algún nivel de inmunidade previa ante o novo coronavirus. Engade o científico, que “dada a gravidade da actual pandemia, calquera grao de inmunidade cruzada co coronavirus podería ter un impacto substancial no curso da crise, e é un detalle clave a ter en conta para os epidemiólogos á hora de determinar como de severa vai ser á afectación da Covid-19 ás diferentes comunidades nos vindeiros meses”, apunta Crotty.

A investigación está a espertar interese entre a comunidade científica internacional. Nun encontro celebrado este martes pola Fundación Alternativas, a científica do CSIC Margarita del Val expuxo que se trataba dun “traballo moi sólido” que ofrece “esperanzas” tamén de cara a vacina”. Engadiu Del Val que “adoitamos infectarnos de coronavirus ‘benignos’ que producen arrefriados”, e que esta exposición previa “podería axudar a que a infección polo SARS-CoV-2 sexa máis ‘benigna. Pode que a vantaxe sexa moi pequena, pero pode habela”, apuntou. Porén, os propios autores do estudo non descartan a posibilidade de que esta reacción cruzada poida ser negativa, ao producir o organismo unha resposta menos efectiva.

O estudo publicado en "Cell" analizou 3.000 fragmentos do virus para determinar cales eran recoñecidos polo sistema inmune, Foto: Instituto de Inmunoloxía de La Jolla.
O estudo publicado en “Cell” analizou 3.000 fragmentos do virus para determinar cales eran recoñecidos polo sistema inmune, Foto: Instituto de Inmunoloxía de La Jolla.

En declaracións a Next, outros investigadores implicados na investigación do SARS-CoV-2 apuntan a que esta “inmunidade cruzada” podería estar detrás de parte das persoas que pasan a infección sen apenas darse conta. “Sería unha das posibles explicacións dos pacientes asintomáticos ou moi leves”, di María Montoya, inmunóloga do Centro de Investigacións Biolóxicas do CSIC.

Con todo, as incertezas por agora son moitas para constatar a relación directa entre catarreiras pasadas causadas por outros coronavirus e a inmunidade ao novo patóxeno. Con todo, algúns achados apuntan a que se trata dunha vía de investigación moi interesante. O mesmo artigo de Next expón os resultados de análises realizadas no Hospital Clínic de Barcelona no que as mostras de plasma de pacientes non expostos ao SARS-CoV-2 reaccionaron fronte a el través das células T.

“Un bo augurio”

Ademais do artigo publicado en Cell, unha investigación publicada nun repositorio en formato de preprint (á espera de revisión) dirixida polo inmunólogo alemán Andreas Thiel identificou que o 34% dunha mostra de pacientes non afectados pola Covid-19 tiña unha resposta das súas células T dirixida contra o novo coronavirus, o que reforza a idea dunha protección maior e preexistente nalgúns casos.  A revista Science tamén se fixo eco na súa edición dixital dos achados dos equipos de Thiel e Sette, que cualifica como “un bo augurio” para a inmunidade a longo prazo fronte á Covid-19. “Son datos alentadores”, declara a Science a viróloga Angela Rasmussen, da Universidade de Columbia. Do mesmo xeito, exponse a posibilidade que estes achados poidan axudar nun desenvolvemento máis eficaz da futura vacina contra a enfermidade.

Con todo, os investigadores implicados nestes estudos e outros alleos aos mesmos insisten en non establecer unha relación directa de causalidade, senón expoñer a posibilidade para guiar as futuras investigacións. Ningún dos traballos puido establecer, por tanto, que por ‘norma xeral’, as persoas con “inmunidade cruzada” vaian ter formas menos graves de Covid-19.


Referencias:

Targets of T cell responses to SARS-CoV-2 coronavirus in humans with COVID-19 disease and unexposed individuals (Publicado en Cell).

Presence of SARS-CoV-2 reactive T cells in COVID-19 patients and healthy donors (Publicado no repositorio MedRxiv).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.