Domingo 28 Abril 2024

Galicia ten só sete concellos con transmisión comunitaria de Covid-19

A incidencia acumulada nas últimas dúas semanas, con menos de 10 casos diarios nos últimos días, baixa a maior velocidade que en España

Os datos difundidos este martes polo Ministerio de Sanidad e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven constatar a mínima circulación actual do coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia, canto menos en canto ao seguimento realizado polas autoridades sanitarias. Ademais, por terceiro día desde o comezo da crise, o luns non se rexistrou ningún falecemento por mor da Covid-19. En España, as mortes diarias soben de 59 a 83, pero seguen por baixo do centenar despois de tres días. Un dos datos relevantes deste martes foi o difundido polos responsables do Sergas, que presentaron ante os medios o informe co que solicitarán ao Ministerio de Sanidad o pase á fase 2 da desescalada: dos 313 concellos galegos, só sete rexistran casos de transmisión comunitaria nos últimos tres días. Porén, ao non facilitar a Xunta datos municipais, non se coñece cales son estes municipios.

No que atinxe aos novos casos confirmados mediante proba PCR, Galicia só notificou este martes dous positivos, segundo a última actualización do Ministerio (que esta semana comezou a difundir a súa actualización diaria ás 17 horas, con datos consolidados á medianoite do día anterior, para facilitar o contraste dos mesmos durante a mañá). En canto ás altas (epidemiolóxicas, hospitalarias e domiciliarias), xa son 9.281 as persoas que superaron a doenza en Galicia (77 máis ca onte), do total de 11.024 infeccións confirmadas.

Publicidade

A incidencia acumulada das últimas dúas semanas está baixando a gran velocidade nos últimos datos en Galicia. A cifra é, segundo a actualización do martes, de 6,56 casos/100.000 habitantes, fronte ao 18,36 da media de España. O número reprodutivo básico instantáneo (promedio de casos secundarios que cada suxeito infectado pode chegar a contaxiar), baixou en Galicia ao 0,56, fronte ao 0,8 de España.

Casos activos

En canto aos casos activos,  hai 1.136 segundo a última información de Sanidade. 283 están na área da Coruña-Cee, 72 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 190 na de Ourense-Verín-O Barco, 56 na de Pontevedra-Salnés, 328 na área de Vigo, 176 na de Santiago-Barbanza e 31 na de Ferrol. As cifras baixan en todas as áreas agás en Coruña, onde hoxe hai sete casos activos máis. Así está a situación:

En canto á situación nos hospitais, actualmente hai 15 persoas na UCI e 92 noutras unidades, (107 en total) o que supón tres menos có luns. Nas últimas horas (sen ter en conta as altas) rexistrouse un novo ingreso, polos datos que indica o Ministerio de Sanidad. O resto das persoas que estaban consideradas casos activos na noite do domingo, 1.029 (un 90,58% do total), están no domicilio. Así evolucionou a situación nos hospitais:

E así se amosa a evolución do total de casos detectados:

Destes casos activos, 266 están vinculados a residencias de maiores e centros de discapacidade (155 usuarios e 111 profesionais). Son o 23,41% os afectados por Covid-19 en Galicia. No referido aos falecementos, a cifra de óbitos por Covid-19 mantense en 607, dos que 270 foron usuarios de residencias de maiores (44,48%). 

Probas diagnósticas

En canto ás probas realizadas, Sanidade informou de que se levan feitas 127.359 PCR, 601 máis có luns. Con todo, tal e como manifestou o conselleiro de Sanidade este martes, os laboratorios de Microbioloxía dos hospitais galegos teñen capacidade para realizar 6.500 análises ao día se a situación o require. A mínima cifra de positivos respecto ao total de probas realizadas é outro dos sinais optimistas sobre a evolución da pandemia, polo menos a curto prazo. Este martes (día no que se recollen os datos do luns), só 2 persoas foron diagnosticadas a través desta técnica, a máis ‘fiable’ para confirmar a infección. A elas hai que sumar outros 40 positivos por por tests de anticorpos (neste caso, non son necesariamente infeccións novas ou recentes).

Tal e como explicou na súa comparecencia diaria Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, o novo sistema de vixilancia epidemiolóxica respecto á pandemia está a reducir o tempo que transcorre entre o inicio de síntomas, a consulta médica e a confirmación de casos detectados, o que está xerar ao mesmo tempo algunha revisión das series temporais nas diferentes comunidades autónomas.

Desde o comezo da crise, diagnosticáronse en Galicia 11.024 positivos por Covid-19. Deles, 9.058 detectáronse mediante PCR e 1.966, por tests de anticorpos. Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo. Neste sentido cobran relevancia resultados do estudo de seroprevalencia do ISCIII, que estiman que algo menos de 60.000 galegos puideron ter desenvolvido anticorpos.

Cambios de criterio

A serie temporal das cifras da Covid-19 en Galicia experimentou nos últimos días novos cambios, debido á revisión de casos derivada dos cambios de criterio indicados polo Ministerio de Sanidad. Segundo informou o domingo a consellería do ramo, ao informarse na actualización diaria un descenso d total de casos confirmados por PCR, “cando se trate de probas diagnósticas que precisen confirmación por PCR non procedería abrir caso á espera do resultado de PCR”, polo que desta forma “procede deixar de considerar casos activos aqueles anteriores á devandita instrución nos que se comprobou que xa existe unha PCR negativa posterior á proba diagnóstica”. Este feito provocou que o número de casos totais detectados a través desta técnica en Galicia baixase entre o venres e o sábado pasados de 9.323 a 9.041.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica