Investigadores da UVigo descobren unha nova especie de libélula

O profesor Adolfo Cordero é un dos autores do artigo que describe á ‘Philogenia gaiae’, atopada na estación de bioversidade ecuatoriana de Tiputini

A cor negra do seu corpo e o seu voo, rápido e poucos centímetros por riba da vexetación, fan que sexa difícil atopar e distinguir, no medio da selva amazónica, á Philogenia gaiae, a especie de libélula que o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal e responsable do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), Adolfo Cordero, descobreu nas selvas amazónicas xunto con investigadores da Universidade de São Carlos brasileira e da Universidad San Francisco de Quito ecuatoriana.

As características desta especie, á que deron o nome de gaiae en homenaxe á filla de Adolfo Cordero, Gaia, son descritas nun artigo publicado na revista científica Zootaxa. Neste, tamén describen por primeira vez á femia da Philogenia macuma, outra das especies deste xénero endémico do Amazonas, da que só se coñecían os machos ata a data.

Publicidade

Xunto a Cordero, asinan este estudo os investigadores Diogo Silva Vilela e Rhainer Guillermo Ferreira, do Laboratorio de Estudos Ecolóxicos en Etoloxía e Evolución da Universidade de São Carlos, e a investigadora Andrea C. Escalada, do Instituto Biosfera da Universidad San Francisco de Quito.

Adolfo Cordero, á dereita, xunto a varios dos autores deste artigo.

Os traballos de campo que deron lugar a este descubrimento foron realizados no ano 2012 na estación de biodiversidade Tiputini, no Ecuador, a carón do parque nacional Jasuni, “un dos espazos máis importantes no mundo no referido á conservación da biodiversidade” e no que os autores e a autora deste estudo prevén que podería estar tamén presente esta especie.

Publicidade

A partires deste traballo de campo, comezou o posterior labor de análise dos exemplares atopados e comparación con outras especies morfoloxicamente similares do xénero Philogenia, no que contaron coa colaboración do investigador estadounidense Rosser Garrison, que foi o entomólogo xefe do Departamento de Agricultura do Estado de California, “un experto neste grupo, que nos enviou imaxes dalgunhas especies ás que non puidemos acceder”, apunta Cordero.

Nas zonas sombrías da selva amazónica

No artigo, os investigadores presentan tamén as principais diferencias desta nova especie respecto do seu conxénere máis similar, a Philogenia minteri, e que se atopan fundamentalmente no cerco, “os apéndices anais dos machos, que empregan para agarrar á femia polo pescozo” durante a cópula. Estes, explica Cordero, “son normalmente moi distintos entre especies e moi parecidos entre os machos dunha mesma especie” e neste caso fixeron posible diferenciar dúas especies que, como sinalan no artigo, “poden confundirse facilmente no campo, pola súa similar coloración”.

As Philogenia gaiae, explica Cordero, son libélulas de cor negra, “cunha franxa esbrancuxada no estremo final do abdome, que é o que máis se ve cando voan no ambiente escuro da selva”, e que se caracterizan por “ser animais de voo rápido, bastante a ras do chan, e que prefiren esas zonas escuras, o que fainas difíciles de atopar e de seguir”.

O traballo de campo realizado en Tiputini, no marco dun proxecto de investigación que o grupo EcoEvo desenvolvía co financiamento do Ministerio de Economía, permitiu así mesmo fotografar unha das poucas cópulas que ata a data se puideron rexistrar do xénero Philogenia. “Ese é outro dos misterios que temos por resolver, saber cando se aparean”, recoñece Cordero, que explica á súa vez que non atoparon exemplares desta especies en zonas próximas a ríos ou arroios. “Cremos que só irían á zona do río á ovipositar, pero non puidemos atopar ningunha información sobre as larvas”, engade.

Un xénero do que apenas se coñecen femias

37 especies, divididas en seis grupos, integran este xénero de libélulas presente en diferentes países de América central e América do sur. Entre elas, atópase tamén a Philogenia macuma, descrita por Dunkle en 1986, e da que Cordero, Vilela, Ferreira e Encalada describen por primeira vez unha femia neste artigo.

Trátase, de feito, da quinta femia de Philogenia descrita ata a data e que neste caso foi atopada, no ano 2014, na estación biolóxica de Jatun Sacha, tamén no Ecuador.

Morfoloxicamente similar á femia da Philogenia gaiae, foi atopada nun espazo próximo a Tiputini, “a uns 70 quilómetros en liña recta e que pertence tamén ao sistema fluvial do río Napo”, explica Cordero, que engade que se trata dun xénero pouco estudado e do que “seguramente aínda hai algunha especie por descubrir”. De feito, diferentes investigadores, entre os que se atopan as e os integrantes do grupo EcoEvo, traballan na actualidade na análise da información molecular das Philogenia, o que podería servir “para confirmar que este xénero é tan singular que constitúe unha familia de especies”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo con selo galego, pioneiro na análise da única libélula que se reproduce de noite

Un equipo no que participou o investigador da UVigo Adolfo Cordero recolleu os primeiros datos sobre o comportamento da especie Phylolestes ethelae

Un evento climático extremo do pasado afectou ás fronteiras submarinas de Galicia

Investigadores da UVigo analizan por primeira vez a resposta a este fenómeno de alteracións ambientais no monte submarino Vigo e revelan que a presenza de árbores con froito deuse en Galicia antes que noutras zonas do planeta

Combinar exercicio e realidade virtual mellora os síntomas do párkinson

O proxecto ReViPark da UVigo avalía os efectos do exercicio feito con simulación en pacientes de párkinson

500 minutos semanais de exercicio moderado reducen o risco de doenzas cardiovasculares 

O investigador da Universidade de Vigo Adriano Sánchez pon o foco na realización de actividade física en períodos curtos