A crise climática provoca máis precipitacións pola humidade oceánica

O traballo do grupo Ephyslab foi publicado na revista do grupo Nature 'Climate and Atmospheric Science'

No marco dun contexto de cambio climático, a humidade oceánica é cada vez máis importante nas precipitacións continentais, especialmente nas rexións tropicais. Esta é unha das principais conclusións dun traballo realizado por Luis Gimeno, Raquel Nieto e Rogert Sorí, investigadores do grupo Ephyslab CIM-UVigo (Environmental Physics Laboratory). O estudo foi publicado recentemente en Climate and Atmospheric Science, revista on-line e de acceso aberto publicada polo grupo Nature en colaboración co Center of Excellence for Climate Change Research.

Sobre a relevancia da temática abordada neste artigo, os investigadores do Campus de Ourense-Campus da Auga, explican como a precipitación que cae nos continentes “define o alcance e a natureza dos ecosistemas terrestres e a actividade humana neles”. Esta precipitación, lembran, é subministrada pola humidade que provén directamente do océano ou posteriormente dos propios continentes e tanto os procesos que controlan a evaporación como os principais mecanismos de transporte de humidade difiren claramente entre o océano e o continente. Tendo en conta estas consideracións, engaden, “no contexto dun clima cambiante, pódese agardar que a relación entre a precipitación de orixe oceánica e terrestre varíe global e rexionalmente así como a influencia destes dous compoñentes básicos da precipitación total nas tendencias de precipitación global e rexional, especialmente nas zonas tropicais”.

Publicidade

Incremento dun 0,51% por década

Segundo explican os autores do traballo, “a aceleración do ciclo hidrolóxico co cambio climático, apoiándose en argumentos termodinámicos, leva a unha intensificación do transporte de humidade desde as principais fontes, é dicir, rexións xeralmente oceánicas onde a evaporación excede á precipitación, cara os principais sumidoiros sobre as zonas continentais onde a precipitación supera a evaporación”.

Luis Gimeno e Raquel Nieto durante a elaboración do estudo.

A intensificación deste transporte de humidade, engaden, “implica que a fonte de humidade oceánica para a precipitación continental medrará en importancia en comparación coas fontes terrestres”. Particularmente, matizan os membros de Ephyslab, “naquelas rexións onde as precipitacións están máis ligadas ao transporte de humidade, como nas rexións tropicais, as tendencias de precipitación deben ser controlas polo tanto dende a súa orixe nos océanos”.

Publicidade

No estudo realizado, detallan os seus responsables, aplicaron un enfoque baseado nunha técnica lagranxiana para estimar a precipitación nunha rexión obxectivo dadas as proporcións de humidade transportadas desde as dúas fontes (océano e continente). Este método, comentan, permítelles dividir a orixe das precipitacións entre a humidade procedente dos océanos e a humidade de orixe continental “para demostrar que a porcentaxe de precipitación con orixe oceánica xa ten aumentado no clima actual (1980-2016) a un ritmo de 0,51% por década en termos globais, sendo especialmente importante o aumento nas rexións tropicais, chegando ata un 1,15% por década”.

O seu traballo, engaden, “tamén mostra unha relación estatística entre a precipitación e a porcentaxe de precipitación de orixe oceánica en rexións tropicais, na que ambas experimentaron tendencias importantes”. Froito do seu estudo subliñan que “podemos concluír que a contribución das fontes oceánicas para as precipitacións globais está a aumentar, o que está a controlar as tendencias das precipitacións nas zonas tropicais”.

Aquí podes ler a nota de prensa orixinal no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día