Instalacións do ICM en Lugo. Foto: Bioga.
Instalacións do ICM en Lugo. Foto: Bioga.

O ICM de Lugo aumenta a súa capacidade para facer 3.000 PCR diarias

O laboratorio, único centro privado validado polo Instituto Carlos III para as probas de detección do SARS-CoV-2, incorpora dous robots de última xeración

A compañía galega Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM), con sede en Lugo, é un dos tres centros galegos validados ata o momento polo Instituto Carlos III para a detección do SARS-CoV-2 a través das probas PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa), e o único de xestión privada. Ante isto, o ICM afrontou no que vai de ano un investimento de máis dun millón de euros en tecnoloxía de vangarda que lle permite incrementar a súa capacidade diagnóstica de rutina e que, en caso necesario, permitiría procesar ata 3.000 test cada día de diagnóstico da Covid-19.

A empresa biotecnolóxica socia da Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias dá Vida (Bioga), que naceu en 1997 na Coruña como o primeiro laboratorio privado de xenética en España a iniciativa dun grupo de profesionais médicos, realizou ao día ata 1.000 probas de PCR para detectar o coronavirus durante as seis semanas de máximo impacto da pandemia do coronavirus (marzo e abril de 2020) tanto para a sanidade galega como para as comunidades autónomas de Madrid e Canarias.  ICM é a empresa española de servizos xenéticos con máis capacidade diagnóstica propia, segundo expón o seu director xeral, Alfonso Alba, que destaca o labor da súa compañía durante a recente crise sanitaria e explica o papel que xogou a empresa como apoio e asistencia ao sistema de saúde de Galicia: “ICM fixo un gran labor cando o Sergas tivo a necesidade urxente de realizar test masivos” para controlar a crise sanitaria do coronavirus. “Cando o Sergas necesitou capacidade de produción por falta de medios propios chamounos e propúxonos montar a detección da  Covid-19 para reforzar as áreas sanitarias de Lugo, Ourense e Ferrol”, lembra Alfonso Alba. Así, “ás 48 horas da solicitude fomos capaces de empezar a producir ata 500 test diarios”. Unha semana despois desa proposta do Sergas, e co apoio do Laboratorio de Produción Animal de Galicia (Lasapaga), “xa estabamos en condicións técnicas de procesar máis de 3.000 test diarios nas nosas instalacións”, engade Alfonso Alba, quen destaca que a única limitación vén imposta pola garantía de abastecemento de reactivo de extracción de mostra.

Alfonso Alba, director xeral de ICM.
Alfonso Alba, director xeral de ICM.

Sobre a acreditación do ISCIII, Alba explica que “é un recoñecemento á nosa capacidade, ao noso persoal e á calidade dos nosos procesos”, destaca o director xeral da compañía na que traballan a día de hoxe un equipo de vinte persoas de elevada cualificación profesional.

Equipamento

Segundo explica a empresa, ante a pandemia da Covid-19 decidiuse investir case dous millóns de euros na compra de dous robots, un xenotipador e un novo  secuenciador, que se suman ao tres xa existentes. “Para o manexo da Covid-19 incorporamos un robot  MGISP-960, de fabricación chinesa e tecnoloxía de Estados Unidos idéntico ao que adquiriu o Goberno de Francia, e tamén adquirimos outro robot á compañía americana  Hamilton  Robotics, deseñado e fabricado en Estados Unidos, para reforzar os outros tres robots que xa estaban a pleno rendemento e así duplicar a capacidade de análise xenética na nosa rutina diaria”. Con estes equipamentos, Alba salienta que a compañía “está preparada, por se fixese falta, para volver reforzar á sanidade pública se houbera un rebrote” da Covid-19 nos próximos meses ou anos.

Ademais dos robots, ICM incorporou nos últimos anos tecnoloxía de última xeración en  secuenciación masiva e xenotipado que a sitúan á vangarda diagnóstica de enfermidades xenéticas. Xa están operativos os cinco robots xa mencionados de gran capacidade para o procesado masivo de mostras, un secuenciador de ADN DB400, dos que unicamente operan outros dous en España, e un sistema dual de xenotipado (iScan e GeneTitan). “Esta tecnoloxía converte a  ICM no maior hub europeo de xenotipado xunto con Dinamarca e Reino Unido e sitúanos mesmo por diante, en capacidade automatizada, do Centro Nacional de Xenotipado (Cegen-ISCIII) e do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO)”, afirma Alfonso Alba.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.