Despois de case tres meses coas instalacións pechadas ao público debido á pandemia da Covid-19, aínda que a actividade se mantivo para coidar aos animais que habitan nel, o Aquarium Finisterrae volve abrir este luns para recibir visitas, tendo en conta todas as medidas de precaución establecidas para impedir a propagación do SARS-CoV-2. Tal e como informaron nestes días desde os Museos Científicos Coruñeses, todas as persoas que visiten a Casa dos Peixes deberán gardan unhas normas de seguridade, como usar de forma obrigatoria a máscara durante toda a visita e manter a distancia de dous metros entre persoas que non convivan. Ademais deberase evitar tocar calquera obxecto ou superficie, de feito deshabilitaronse os elementos interactivos do museo. Os outros dous museos, a Casa das Ciencias e a Domus, permanecen polo momento pechados.
Nos tres primeiros días desta semana (8, 9 e 10 de xuño), darase prioridade nas visitas ás persoas que non deben abonar a entrada: titulares de tarxetas de entrada anual (Tarxeta Vente e Tarxeta Vente Mini), menores de 4 anos, persoal docente, alumnado da Universidade da Coruña, persoas con discapacidade ou membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.
Limitacións, descontos e cita previa
Ante a situación xerada polas medidas hixiénicas e de seguridade, a dirección do Aquarium Finisterrae estableceu unha serie de limitacións nalgúns espazos. Así, o acceso á sala Nautilus poderá realizarse cada 20 minutos en grupos de tamaño reducido e acompañados dunha persoa do centro. Para compensar esta redución da oferta e outras restricións que o público atopará durante a visita, reduciuse o prezo da tarifa xeral de 10 a 4 euros, para as visitas para partir do 11 de xuño.
O horario de visitas será de luns a domingo de 10:00 a 18:00 horas, en grupos dun máximo de 20 persoas cada 20 minutos. Para visitar as instalacións haberá que realizar previamente unha reserva por internet, con ata 3 días de antelación, a través desta ligazón. Poderán reservarse un máximo de 5 entradas por persoa, elixindo día e tramo horario segundo dispoñibilidade.
Co fin de orientar sobre a reapertura habilitáronse durante esta fin de semana os teléfonos 981 189 840 e 981 189 846 en horario de 10 a 14 h.
A Casa dos Peixes
O Aquarium Finisterrae cumpriu 21 anos o pasado 5 de xuño, xa que foi inaugurado no Día Mundial do Medio Ambiente de 1999. Conta con diversas estancias que abranguen desde distintas perspectivas o mundo do mar e a relación da humanidade con el. A sala Maremagnum, o núcleo educativo da instalación, dispón de varios acuarios e diversos paneis divulgativos; a sala Isabel Castelo acolle exposicións temporais sobre natureza e medioambiente, así como a sala Humboldt, con grandes mostras temporais monográficas.
Especial atención merece a sala Nautilus, deseñada para ofrecer unha experiencia inmersiva, xa que está rodeada dunha gran gran piscina de cinco millóns de litros de capacidade, cunha decoración que lembra á do gabinete do Capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus. Ao redor da sala nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as quenllas, corvinas, seriolas, douradas, robalizas e meros. Tamén hai bancos de caballas e xurelos. Periodicamente, en sincronía cunha música composta especificamente para esta sala por Luís Delgado, ilumínase a zona central, que alberga unha colección de diversos obxectos antigos relacionados co mar.
As terrazas exteriores completan a oferta da Casa dos Peixes. Nelas exponse a áncora do buque petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 encallou fronte á Torre de Hércules provocando unha marea negra; o Xardín Botánico, con plantas do litoral galego; o Paraíso Mariño, que recibe auga directamente do mar e onde viven 5 machos de Phoca vitulina, e o Piscinarium, outra piscina de gran volume onde se atopan 9 femias da mesma especie de foca.