A Comisión Europea impulsa a vacina da Covid-19 deseñada en Galicia

O organismo comunitario financiará os ensaios en animais de experimentación co método ideado polo grupo de José Martínez Costas no CiQUS

O grupo que dirixe o profesor da USC José Martínez Costas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) recibe un novo pulo no deseño dunha vacina contra a Covid-19 a través de microesferas. O equipo, que foi o primeiro en Galicia en recibir o apoio do Instituto Carlos III (ISCIII) a través do Fondo Covid-19, acaba de recibir a noticia de que a Comisión Europea lle concedeu financiamento específico para a realización de probas preclínicas moi completas en animais de experimentación que permitirán, se os resultados son satisfactorios,  “chegar ata a fase clínica de ensaios en humanos”, sostén Martínez Costas. O apoio do organismo comunitario súmase tamén ao que achegou o Banco Santander e a asociación CRUE Universidades españolas, en colaboración tamén co grupo de Luis  Enjuanes e Isabel Sola do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC).

Con este financiamento, o grupo de Martínez Costas poderá avanzar na investigación que están desenvolvendo xunto ao equipo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidade Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (CISA-INIA), onde está previsto facer os ensaios con animais.

Publicidade

José Martínez: “Temos un sistema para buscar a vacina que ninguén máis ten”

Deste xeito, o camiño na procura da vacina deseñada en Galicia, iniciado en abril coa liña de axudas do ISCIII, recibe “un importante impulso“, en palabras do líder do grupo do CiQUS. O candidato a vacina está baseado nunha nova metodoloxía, ideada no propio centro e patentada pola USC,  que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.

Esta liña de traballo, como explica o Profesor Martínez Costas, permite producir vacinas contra calquera patóxeno. “Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos”. Así, estas partículas “purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado”, argumenta o investigador. Durante estes meses, “fixemos varias versións das microesferas. Agora imos caracterizalas utilizando soros de pacientes que nos foron cedidos dende o  HULA”, engade.

Publicidade

No proxecto, ademais do CiQUS e o CISA, tamén participa o centro alemán especializado en investigación de infeccións HZI. Esta nova fase acelerarase grazas ao financiamento da Comisión Europea, que “nos levará á seguinte fase de probas clínicas, se os resultados son satisfactorios, o cal constitúe un importantísimo avance”, segundo o investigador. “Mentres se desenvolvan estes ensaios iremos facendo probas alternativas nos laboratorios do CISA-INIA e desenvolvendo outras posibles versións do preparado vacinal”, conclúe Martínez Costas.

Equipo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidade Animal que realizará os ensaios coa vacina deseñada no CiQUS.
Equipo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidade Animal que realizará os ensaios coa vacina deseñada no CiQUS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas