Unha hormona sexual feminina para controlar a obesidade?

O grupo NeurObesidade da Universidade de Santiago de Compostela acaba de describir por vez primeira, nun artigo publicado na revista Cell Reports, o mecanismo polo cal o estradiol –a principal hormona sexual feminina– actúa sobre o hipotálamo para controlar de xeito remoto a ‘queima’ da graxa parda. Este tecido adiposo non almacena lípidos, ao contrario que a graxa branca, xa que os consome a través da termoxénese, un proceso polo que se xera calor.

A graxa parda non acumula lípidos, senón que os ‘queima’ mediante a termoxénese

Segundo explica o primeiro autor do artigo, Ismael González García, “demostramos como o estradiol regula os niveis de ceramidas (a familia de lípidos que forman parte das membranas celulares) no hipotálamo”, a zona do cerebro que regula o estado enerxético de todo o organismo. A hormona estradiol produce unha redución das ceramidas. E, á súa vez, provoca tamén unha diminución do estrés do retículo endoplasmático, un orgánulo situado no interior das células. Este proceso é unha alteración celular que ocorre cando se acumulan proteínas mal pregadas no interior do citado retículo.

Publicidade

Segundo os investigadores composteláns, a capacidade reguladora das ceramidas sobre a materia graxa é posible porque a actividade do tecido adiposo pardo é controlada en grande medida polo sistema nervioso central, ao que a graxa parda se proxecta a través de conexións neuronais, posibilitando así a regulación da actividade termoxénica.

A termoxénese prodúcese, por exemplo, cando o sistema nervioso central interpreta que o organismo se atopa nun ambiente frío desencadea como resposta unha activación da termoxénese da graxa parda para incrementar a temperatura corporal.

Publicidade

A hormona estradiol e o peso

Cando o organismo deixa de ‘queimar graxa’, porque diminúe o proceso de termoxénese a causa do estrés do retículo endoplasmático, as calorías que se deixan de ‘queimar’ producen un incremento no peso corporal aínda que non se inxiran máis alimentos. Como aclara Ismael González, os animais “gañan peso comendo o mesmo”. A presenza de estradiol, pola contra, revirte os niveis de ceramidas e diminúe o estrés de retículo endoplasmático no hipotálamo, producindo a activación de termoxénese no tecido adiposo pardo e normalizando o peso corporal.

Molécula de estradiol.
Molécula de estradiol.

As hormonas estroxénicas actúan no hipotálamo modulando diversas vías moleculares, entre elas a regulada pola proteína AMPK (descrita en 2014 polo grupo NeuroObesidade) ou a regulada por mTOR (tamén descrita este ano polo mesmo grupo da USC). En opinión do doutor González, o estudo contribúe a explicar o interese da graxa parda como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, engade, “os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento no cerebro non son de todo coñecidos polo que é determinante seguir investigando para comprendelo”.

O metabolismo na menopausia

O traballo tamén representa un “pequeno paso máis na longa travesía de entender as patoloxías metabólicas asociadas coa menopausia”. A hormona estradiol “ten un efecto anoréxico, de diminución da inxesta de alimentos, ao tempo que tamén produce un incremento da termoxénese da graxa. Ambos factores propician en último termo unha diminución da masa corporal. Na súa ausencia, como por exemplo durante a menopausia, este efecto desaparece polo que é habitual que esta etapa se vexa asociada a incrementos de peso corporal e a unha maior prevalencia de patoloxías metabólicas”.

A ausencia de estradiol induce un incremento de peso, aínda que non se aumente a inxesta de alimentos

Este traballo foi realizado no grupo de NeurObesidad, dirixido por Miguel López e con financiación da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o MINECO e o Programa Starting Grant do ERC. O traballo recolle parte dos estudos realizados na tese de doutoramento de Ismael González García, dirixida por Miguel López e Carlos Diéguez. Ismael González García atópase na actualidade realizando os seus estudos posdoutorais no Helmholtz Zentrum de Munich.

NeurObesidad ten realizado nos últimos anos destacados avances na loita contra a obesidade e outras doenzas asociadas, como a diabetes. Demostraron, por exemplo, un mecanismo para perder peso sen necesidade de comer menos, ademais de estudos previos sobre a influencia do estradiol en ratos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estas son as luces e sombras do xaxún

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts apunta a que esta abstinencia axuda ás células nai intestinais a rexenerarse e curar lesións, pero tamén aumenta o risco de cancro en ratos

Mira o que comes e como o envolves: “Hai interaccións de sustancias entre os envases e a comida”

Un investigador do CITIC presenta unha proposta para identificar biomarcadores de enfermidades gastrointestinais e analizar a influencia de determinadas substancias na microbiota

‘Come san, come sostible’: o xogo da USC para aprender a coidar a saúde e o medio ambiente

Un equipo de Santiago deseña un novo recurso didáctico para alumnado de Primaria baseándose na alimentación e na pegada de carbono

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’