Sábado 20 Abril 2024

Un descubrimento da Universidade de Santiago achega o tratamento da obesidade

O grupo de investigación de NeurObesidad, que dirixe o profesor Miguel López, acaba de descubrir o mecanismo polo que o estradiol –a hormona sexual feminina por excelencia- actúa sobre o hipotálamo para incrementar a capacidade do tecido adiposo pardo para “queimar graxa”. Como explican os investigadores, iníciase así un novo camiño para definir posibles dianas terapéuticas e novos fármacos contra a obesidade, o control da masa corporal e as alteracións de peso que caracterizan á menopausa.

O grupo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), adscrito ao IDIS e ao CIBERobn, realizou estes achados en colaboración con investigadores da Universidade de Córdoba e o Instituto Maimónides de Investigación Biomédica de Córdoba (IMIBIC), dirixidos polo profesor Manuel Tena-Sempere, e das universidades de Ámsterdam e de Iowa.

Publicidade

Segundo os ensaios realizados, Miguel López explica que a administración de doses mínimas de estradiol directamente no hipotálamo “foi suficiente para incrementar de modo moi potente a temperatura corporal dos animais e reducir a súa masa corporal, como resultado dunha estimulación da produción de calor polo tecido adiposo pardo”. Ao contrario, a deficiencia de estradiol, unha situación similar á que se produce na menopausa en mulleres, diminúe a activación do tecido adiposo pardo, o que leva consigo a un acumulo de graxa e ao característico incremento de peso.

Acción do estradiol

A publicación de maior impacto en todo o mundo no campo da Endocrinoloxía e Metabolismo, a revista Cell Metabolism, publica na súa edición dixital o artigo titulado Estradiol Regulates Brown Adipose Tissue Thermogenesis via Hypothalamic AMPK. O equipo de Miguel López demostra que a acción do estradiol sobre poboacións neuronais do hipotálamo regula el encima AMPK e, como consecuencia deste efecto, produce unha activación do tecido adiposo pardo, que incrementa a súa capacidade para “queimar graxa”, estimulando o gasto calórico e a diminución da masa corporal. Unha das particularidades deste tecido é que non almacena lípidos (ao contrario que a graxa branca), senón que os “queima” para obter enerxía, que á súa vez se disipa en forma de calor. Así, a activación do tecido adiposo pardo polo estradiol axudaría a queimar máis calorías e producir calor corporal a partir das graxas.

Estes datos explican o interese que este tecido esperta como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, como sinala Miguel López, “os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento no cerebro non son de todo coñecidos polo que é determinante comprendelos”. En calquera caso, o mecanismo descrito polos investigadores do CIMUS, comparte similitudes cos mecanismos de acción doutras hormonas, como as hormonas tiroideas e o BMP8B, descritos tamén polo grupo compostelán, e incluso a nicotina, indicando que “se trata dun mecanismo básico de regulación da masa corporal, o cal é moi atractivo dende o punto de vista terapéutico”.

Esta investigación foi financiada polo Programa Starting Grant do European Research Council, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e Competitividade e o Instituto de Salud Carlos III e forma parte das teses dos doutores Pablo Blanco e Ricardo Lage, dirixidas polos profesores Miguel López y Carlos Diéguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Non só engorda o que comemos: estes compostos químicos fan que aumentes de peso

Presentes en diferentes substancias e no ambiente, certos compostos químicos son capaces de alterar o funcionamento do noso organismo