Xoves 28 Marzo 2024

Só a gripe de 1918 supera o exceso de mortaldade da covid-19 en España

Un estudo sitúa á pandemia no 2020 como a causante da segunda catástrofe relacionada con infección máis mortal desde principios do século XX en Europa

1890, 1918, 1957, 1968, 1977 e 2009. Nos últimos 140 anos, Europa ten experimentado varias pandemias. Entre elas, a gripe de 1918, a epidemia mellor documentada e investigada, mais tamén a causante da maior cantidade de defuncións, sendo responsábel de aproximadamente 2,6 millóns de mortes en exceso en Europa. Agora, un estudo sitúa á pandemia de covid-19 no 2020 como a causante da segunda catástrofe relacionada con infección máis mortal desde principios do século XX. Polo menos en España, Suíza e Suecia.

O obxectivo da investigación conxunta entre as Universidades de ZúrichBerna e Oslo foi avaliar a dimensión histórica da crise sanitaria no ano 2020 en 3 países, a partir de datos fiables de reconto de mortes durante un período ininterrompido de máis de 100 anos. Os autores recolleron os datos mensuais de mortes por todas as causas de cada país e utilizaron datos anuais sobre o tamaño da poboación e a estrutura de idade para contabilizar os cambios demográficos ao longo do tempo.

Publicidade

O que indica o exceso de mortalidade

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estimou que polo menos 3 millóns de mortes no mundo en 2020 foron atribuíbles á pandemia de covid-19. Unha cifra que supera en 1,2 millóns o número do que se informou oficialmente. Xunto a esta, outras estimacións mundiais evidenciaron que o exceso de mortalidade superou substancialmente as mortes oficiais notificadas por covid-19. Datos que reforzaron a relevancia deste índice ao examinar o impacto xeral de mortaldade dunha pandemia como a actual.

Aplicado a nivel tanto temporal como rexional, o exceso de mortalidade compara os valores esperados e observados. O número esperado de mortes derívase do pensamento contrafáctico e idealmente recolle o que tería sucedido baseándose na extrapolación de observacións de anos anteriores. Estas estimacións poden proporcionar información sobre a carga de mortalidade vinculada ás epidemias, incluídas as mortes indirectamente relacionadas con elas. Logo, son usadas con frecuencia para avaliar o impacto xeral das pandemias históricas, incluíndo comparacións entre países para pandemias específicas e comparacións históricas de diferentes pandemias dentro de cada país.

Tres casos de estudo singulares

No caso desta investigación europea, a comparativa levouse a cabo para Suíza, Suecia e España. Estados teoricamente neutrais militarmente e non combatentes —de forma oficial— en ningunha das dúas guerras mundiais polo que, con excepción da Guerra Civil española, non se viron afectados polo exceso de mortalidade derivado da guerra. Logo, a recollida de eventos vitais e censos continuou sen problemas de calidade dos datos, como os si esperados nos países en guerra. Por outra parte, e desde finais do século XIX, tampouco viron modificadas significativamente as súas fronteiras. Tres casos raros, nos que as estatísticas mensuais de mortes por todas as causas están dispoñibles durante máis de 100 anos sen interferencias importantes, pero especialmente axeitados para unha perspectiva de exceso de mortaldade ao longo do tempo.

En xeral, a calidade das series de datos históricos avaliouse como moi boa e comparable, tanto no tempo como entre países. Nos tres, o inicio destas series coincidiu co establecemento de oficinas estatísticas nacionais oficiais. Logo, en España, as cifras mensuais de defuncións de 1941 a 2019 estaban accesíbeis desde o Instituto Nacional de Estatística (INE), mentres que os datos de 1908 a 1940 tiveron que transcribirse a partir dos informes históricos facilitados na súa páxina web. O número mensual de mortes por todas as causas en Suíza (1877 a 2020) e en Suecia (1851 a 2020) proporcionouno a Oficina Federal de Estatística Suíza e Statistics Sweden, respectivamente.

Picos de mortaldade históricos

Na investigación levouse a cabo un modelado conxunto das series continuas de mortes rexistradas por todas as causas mensualmente desde o pimeiro ano dispoñíbel —1877 para Suiza, 1851 no caso de Suecia e 1908 en España— xunto con recontos anuais de mortes por grupos de idade e poboación total. Os modelos de binomios e multinomios negativos empregados explicaron as tendencias temporais e a variabilidade estacional dos anos prepandémicos. Todo, co obxectivo de estimar o número esperado de mortes nun ano pandémico para un escenario non pandémico, así como a diferenza de mortes observadas e esperadas acumuladas ao longo do ano.

Cuantificando o número absoluto de mortes en exceso por cada 100.000 persoas, 2020 deu lugar a un exceso de mortalidade histórico nos tres países avaliados: do 12,5% en Suíza, do 8,5% en Suecia e do 17,3% por cento en España. Cifras que indican que, entre os anos da pandemia máis mortíferos considerados, só a epidemia de 1918 foi marcadamente máis grave. Neste senso, o número de mortes en exceso por cada 100.000 persoas foi de seis a sete veces maior en 1918 que en 2020.

Con todo, e a nivel mensual, durante a pandemia de covid-19, os tres países analizados rexistraron picos históricos de exceso de mortalidade por todas as causas. Estes foron superiores á maior parte do exceso mensual desde a pandemia de gripe de 1918, incluíndo moitos picos debidos á gripe estacional e ás ondas de calor durante ese período. Un dato que enfatiza a dimensión histórica da pandemia de 2020.

Anos diferentes, efectos diferentes

A análise detallada dos 4 anos pandémicos máis mortíferos nos últimos 140 anos (1890, 1918, 1957 e 2020) revela que a pandemia de gripe de 1890 provocou un marcado exceso de mortalidade en Suecia e Suíza só durante xaneiro. E a de 1957 causou só un excesomoderado nos últimos 2 ou 4 meses do ano nos tres países. Pola contra, o exceso de mortes foi moi elevado no outono durante a pandemia de gripe de 1918 nos tres países, especialmente en España. En Suíza houbo dúas ondas entre xullo e decembro de 1918, e en Suecia e España houbo ondas únicas significativas no último trimestre de 1918.

Xa no 2020, a pandemia de covid-19 consistiu en dúas ondas que afectaron aos tres países de forma diferente segundo a época do ano. Aínda que en España o exceso de mortalidade foi maior durante a vaga de primavera que na de outono, en Suíza observouse o contrario. Suecia rexistrou un exceso de mortes similar na primavera e no outono de 2020. Xa no 2021, en España e Suíza aínda se rexistrou un exceso de mortalidade en xaneiro. En Suíza, seguiu unha mortaldade lixeiramente inferior á esperada en febreiro antes de que os valores volveran ao rango esperado.

A variación xeográfica parece ser unha característica xeral das pandemias, como se observou anteriormente en 1890, 1918, 1957, 1968 e 2009. Segundo o que se desprende do estudo, España foi o país máis afectado en 1918, 1957 e 2020, aínda que se contabilizaron as diferenzas no tamaño da poboación e na idade. Pola contra, na pandemia de 1918 atopouse un gradiente xeral norte-sur de exceso de mortalidade en toda Europa, se ben as causas son incertas.

O que revelan os datos históricos

Os datos históricos poden axudar na planificación e a preparación para as pandemias actuais e futuras, evitando así o significativo paralelismo entre as epidemias de 1918 e 2020 na xestión vacilante e descentralizada das autoridades nas ondas posteriores. Porén, os investigadores indican que as comparacións con pandemias anteriores deben facerse con precaución, debido a que presentan diferenzas substanciais. Non só porque as condicións de vida cambiaron de forma notoria ao longo do tempo, senón porque os virus responsábeis de cada pandemia teñen características biolóxicas e epidemiolóxicas diferentes, incluíndo os patróns de mortalidade.

No relativo estes patróns históricos da gripe pandémica nos tres países estudados, a pandemia de 1918 segue sen parangón. Con todo, os investigadores sinalan que durante as pandemias de 1890 e 1957 houbo un uso limitado de intervencións non farmacéuticas, en contraste con 1918 e 2020. Nesta liña, o exceso de mortalidade en 2020 podería ser aínda maior se non fose polas intervencións en saúde pública en todo o mundo. Así, as primeiras estimacións suxiren que a vacinación tería evitado aproximadamente 470.000 mortes en persoas de 60 anos ou máis en 33 países europeos entre decembro de 2019 e novembro de 2021. Non obstante, e debido a que a pandemia actual aínda está en curso, haberá que esperar unha avaliación máis concluínte do seu impacto. Só o tempo dirá cal foi o efecto a longo prazo da covid-19.


ReferenciaHistorically High Excess Mortality During the COVID-19 Pandemic in Switzerland, Sweden, and Spain (Publicado en Annals of Internal Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade