Falece o primeiro paciente en recibir un corazón de porco

O hospital continúa investigando para coñecer a causa do pasamento, aínda que tamén recoñece os episodios infecciosos que atravesaba David Bennet

O 7 de xaneiro David Bennett, de 57 anos, foi operado para implantarlle un corazón dun porco modificado xenéticamente, demostrando por primeira vez que un corazón animal podía sobrevivir nun humano sen un rexeitamento inmediato. O 8 de marzo, o paciente, que fora considerado non apto para un transplante en humanos, faleceu.

O procedemento cirúrxico xerara esperanzas de que os avances na implantación de órganos entre especies poderían algún día resolver a escaseza crónica de órganos humanos dispoñíbeis e, polo momento, non hai identificada unha causa obvia para este falecemento. Voceiros do Centro Médico da Universidade de Maryland afirman que os médicos continúan realizando unha revisión que será publicada nunha revista científica.

“Hai moitísima incerteza co transplante de corazón de porco en pacientes a longo prazo”

Por outra banda, Muhammad Mohiuddin, director do programa de xenotransplante cardíaco da universidade comunicou as dificultades que existían para manter o equilibrio entre a inmunosupresión e o control dos episodios infecciosos que estaba atravesando Bennet.

O proceso cirúrxico

David Bennett ingresara no hospital universitario en outubro de 2021, despois do cal quedou postrado na cama e conectado a unha máquina de soporte vital de emerxencia. Polas malas condicións de saúde subxacente, considerouse que non era elixible para un transplante humano, polo que decidiron recorrer a este novidoso procedemento como a última opción dispoñible para o paciente.

Dous meses despois da cirurxía, a saúde do paciente comezou a deteriorarse

Despois da cirurxía, o corazón transplantado funcionou correctamente durante varias semanas sen mostrar signos de rexeitamento. Así, Bennett pasou tempo coa súa familia e inclusive recibiu sesións de fisioterapia.

A súa condición comezou a deteriorarse uns días antes do seu falecemento. Cando quedou claro que se atopaba nunha situación irrecuperable, o hospital doulle coidados paliativos e facilitoulle a comunicación coa súa familia durante as súas últimas horas.

Innovación

No comunicado ofrecido polo director do programa, este explicaba que a experiencia permitira ao equipo obter unha serie de coñecementos de incalculable valor, polo que continúan sendo optimistas e planean persistir co seu traballo en futuros ensaios clínicos.

Se ben é certo que a cirurxía de Bennet foi a primeira en axudar a un paciente que sobreviviu despois do procemento, xa se levaran a cabo outras similares en receptores con morte cerebral como experimentos para probar o concepto.

Estes xenotransplantes, a implantación de órganos entre especies, son un interese crecente na ciencia médica, interesada en satisfacer a demanda existente, aínda que os experimentos arredor da cuestión poden rastrexarse ata o século XVII.

A dia de hoxe, as cifras oficiais mostran que arredor de 110.000 estadounidenses agardan actualmente un transplante de órganos e máis de 6.000 pacientes morren cada ano antes de recibir un.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Manuel, Celso e Abel: os galegos que loitaron con EEUU na Segunda Guerra Mundial

O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín participa en tres estudos que poñen o foco en emigrantes galegos que combateron no conflito internacional dende América

Nova polémica científica de Trump: vincula o autismo coa toma de paracetamol no embarazo

O Goberno estadounidense proporá, segundo o Washington Post, a leucovorina como posible cura a pesar do escepticismo da comunidade científica

A empresa galega Alén Space culmina con éxito o lanzamento do seu novo satélite dende California

O obxectivo do aparello creado en Nigrán é abrir unha nova era no sector marítimo e contribuír á súa dixitalización

Tres mortes por sarampelo en EEUU: causas e síntomas dunha doenza sen tratamento

O número de defuncións xa é igual ao total dos anteriores 24 anos e a cifra de contaxios é maior que en todo o 2024