Xoves 25 Abril 2024

O veterinario Juan Rof Codina, científico galego do ano

Modernizador do sector agropecuario galego, a súa figura deu nome á unha fundación da USC e ao Hospital Veterinario Universitario de Lugo

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará este 2022 ao veterinario Juan Rof Codina como Científico Galego do Ano, decisión que se anunciou no acto de apertura do curso académico 2022 o pasado 22 de febreiro. A Academia valorou detidamente a figura de Rof Codina e salientou a súa contribución á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos. Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 6 de outubro co gallo do Día da Ciencia en Galicia, programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.

Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Cataluña, 31 de agosto de 1874-Lugo, 31 de agosto de 1967) foi un dos principais impulsores da veterinaria en España. Terceiro fillo dunha modesta familia catalá, na que seu pai, Pablo Rof Xirinachs, tiña un taller de ferrería e de labores de cerralleiro, Rof viuse obrigado a deixar a escola para axudalo no taller. Animado pola súa nai, Micaela Codina Portillo, desprazouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Veterinaria, traballando primeiramente de mancebo nunha farmacia para costearse os gastos.

Publicidade

Rof Codina traballou arreo a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX

Obtivo o posto de tenente veterinario militar en 1898 e foi destinado a Lugo, onde naceu o interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor neste ámbito foi o veterinario Ramón Carballo, co que estableceu unha relación máis que profesional ao casar coa súa filla Concepción Carballo Lameiro. Xunto a outros técnicos agropecuarios da época, Rof Codina traballou arreo a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora substancial do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.

A súa presenza na Galicia rural permítelle familiarizarse coas enfermidades máis difundidas na época, como o gripo – glosopeda ou febre aftosa– e a nacida –carbunco bacteriano–, converténdose no primeiro divulgador dos traballos de Pasteur sobre estas enfermidades. En canto a aspectos organizativos, foi tamén un decidido agrarista e participou en varias iniciativas destinadas a difundir o asociacionismo agrario, axudando, por exemplo, na creación de sociedades de seguros mutuos.

Primeira clínica veterinaria de España no seu xénero

En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, é trasladado a Granada, pero conseguirá regresar a Lugo ao ano seguinte e, despois de ascender ao grao de capitán, solicitou a excedencia. Así, xunto ao seu cuñado Jesús Carballo, tamén veterinario, abriu en 1905 a primeira clínica veterinaria galega, que foi tamén a primeira do Estado no seu xénero, chamada a Gran Clínica Veterinaria de Lugo, que conseguiu a representación exclusiva das vacinas do Instituto Pasteur para Galicia e Asturias. Así, liderou as campañas de vacinación chegando a vacinar el mesmo a 250 cabezas de vacún nun só día.

Juan Rof Codina.
Juan Rof Codina.

Sería tamén un dos máis destacados participantes do famoso faladoiro do Hotel Méndez Núñez, xunto a outros recoñecidos lucenses como Ánxel Fole, Luis Pimentel ou Manuel María. En 1909 obtivo o posto de Inspector Provincial de Hixiene Pecuaria e trasladouse á Coruña, onde exerceu o cargo durante máis de vinte anos. Foi organizador de concursos de gando, para o que inventou o Compás ou Bastón Rof (unha especie de pé de rei) para lograr unha máis perfecta medición nestes certames. Publicou a monografía La raza bovina gallega, un estudo no que se sentaron as bases do morfotipo do que logo sería a Raza Rubia Galega.

Defensor do patrimonio natural e cultural galego, foi decisivo para preservar a Muralla de Lugo fronte a unha iniciativa para o seu derrubo

Juan Rof foi, asemade, un defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia. O seu papel foi decisivo para preservar a Muralla romana de Lugo, fronte a unha iniciativa para o seu derrubo co propósito de “favorecer o crecemento da cidade”. O material de pedra, segundo o proxecto, sería empregado en obras como os portos da Coruña ou Ferrol. Os seus argumentos culturais e técnicos (o cálculo detallado dos carros tradicionais que serían necesarios para levar a cabo a operación) foron fundamentais para desbotar a idea.

En 1932 pasou a dirixir a Inspección Xeral Veterinaria en Madrid. Desde ese posto, centrouse no desenvolvemento e dignificación da gandería. Trala Guerra Civil Española, o réxime franquista abriulle un expediente e foi condenado ao desterro en Tenerife, illa na que permanecerá ata 1941, data na que regresou de novo a Lugo. Na súa cidade de adopción xubilouse en 1944, aínda que permaneceu activo a través da Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia, que el mesmo creara, ata a data da súa morte aos 93 anos. Nos seus últimos anos, foi nomeado Lucense do Ano (1964) e concedéuselle a Medalla de Ouro da Asociación Nacional Veterinaria (1965).

Unha inxente cantidade de artigos

Ao longo de toda a súa vida escribiu unha inxente cantidade de artigos destinados a difundir as novas teorías nos terreos da agricultura e a gandería. Entre as súas obras destacan Galicia Pecuaria (1927), El color de la yema de huevo de gallina (1951), La avicultura en Galicia (1952) ou Nociones de avicultura (1962). A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aínda que actualmente o Fondo Rof Codina está na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC.

Juan Rof Codina dá nome á Fundación Rof Codina –creada en 1994 e vinculada á USC– e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, así como a unha rúa nesta cidade, a outra en Monforte de Lemos e a uns xardíns na súa localidade natal en El Prat de Llobregat (Barcelona). Outro dos seus fillos foi o prestixioso médico e ensaísta Juan Rof Carballo (Lugo, 11 de xuño de 1905 – Madrid, 12 de outubro de 1994), pai da medicina psicosomática e membro da Real Academia Española, encadrado na chamada Xeración do 36.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha placa rende homenaxe a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

Está situada no Parque das Ciencias, onde a Academia fixo honores anteriormente a outras personalidades da nosa comunidade

A RAGC homenaxea cunha placa a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

O acto terá lugar o vindeiro luns no Parque das Ciencias ás 12:30 horas, ao que asistirá a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín

O economista Manuel Colmeiro y Penido, nomeado Científico Galego do Ano

A Academia destaca a súa contribución ao cambio económico e social en Galicia e España e a súa influencia en xuristas e historiadores

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia