Este equipo da Coruña, na vangarda contra as doenzas inflamatorias asociadas ao envellecemento

O grupo CellCom, dirixido por María Mayán, obtén 500.000 euros para desenvolver novos fármacos no marco dun proxecto europeo de 3,5 millóns

Un equipo do Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (Inibic) acaba de entrar no selecto grupo de científicos que tomarán parte nos proxectos Future and Emerging Technologies (FET Open)  impulsados polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea. Son iniciativas de vangarda que xiran arredor de “tecnoloxías de futuro radicalmente novas”, cun enfoque rompedor e de alto risco, pero tamén con esperanzas enormes de cara ao beneficio que poida obter a sociedade. O grupo CellCom, que dirixe María Mayán Santos desde A Coruña, tomará parte nunha das selectas investigacións que abordará “o desenvolvemento de novos fármacos anti-inflamatorios con capacidade rexenerativa para tratar patoloxías inflamatorias nas que, en maior ou menor medida, hai relación coa dexeneración do tecido ou órgano afectado”, explica Mayán.

A coordinadora do CellCom (que tamén traballa desde hai meses nunha patente para frear a artrose) está moi satisfeita polo que implica a entrada neste proxecto en termos científicos, pero tamén a nivel de recursos. “Estes proxectos son moi competitivos e xeran novos postos de traballo de forma directa a través dos fondos recibidos, e a medio-longo prazo tratan de fomentar a nivel local a xeración de coñecemento, facendo unha aposta real pola investigación científica, (no noso caso de 3,5 millóns de euros dos que uns 500.000 son para Galicia) que esperemos se poda explotar a longo prazo a nivel económico no ámbito biomédico e biotecnolóxico, e así reverter os beneficios na sociedade”.  Estas convocatorias FET Open teñen un índice de éxito do 7,5%; é dicir, de case 100 propostas presentadas, só se financian pouco máis de 7.

Publicidade

Así, grazas a este financiamento, explica María Mayán, poderase realizar “a contratación de persoal investigador altamente cualificado, en concreto utilizaremos estes fondos para contratar un/unha posdoutoral, un/unha técnico e un/unha investigador/a predoutoral, así como para a compra de aparellos especiais dos que non dispoñemos actualmente e necesitamos para desenvolver este proxecto, e a compra de reactivos e materiais necesarios para levar a cabo os experimentos propostos”.

Científicos galegos preparan unha patente para frear a artrose

Proxecto de vangarda

Publicidade

O conxunto do proxecto, no que tamén participan investigadores de Bélxica e Suíza, está baseado en novas dianas terapéuticas de dúas familias de proteínas de membrana, dependendo da patoloxía que estuda cada un dos grupos. Mentres que en Galicia se abordará a problemática das doenzas inflamatorias nas articulacións, como a artrose, desde Bélxica abordaranse enfermidades hepáticas e desde Suíza, patoloxías cardiovasculares como a ateroesclerose.

“Esta proposta vai abrirnos moitas portas, e estamos desexando cruzalas para curar estas patoloxías”

Debido á relevancia das investigacións, o equipo coruñés aínda non pode explicar o proxecto con detalle, pero xa está espertando atención por parte de importantes fondos de investimento que amosaron o seu interese nos resultados xa coñecidos e futuras investigacións do laboratorio. Con todo, María Mayán xa adianta: “Está claro que esta proposta vai abrirnos moitas portas, e estamos desexando cruzalas para axudar a curar e resolver patoloxías inflamatorias onde este proceso de inflamación estea participando no avance da enfermidade, como son decenas de patoloxías asociadas á idade, e con potencial aplicación a outras patoloxías como algúns tipo de cancro ou Alzheimer”.

Está previsto que a proposta bote a andar en xaneiro de 2020, coa colaboración dunha compañía española, xa que outro dos obxectivos da convocatoria FET Open é o de “fomentar a creación de novas tecnoloxías ou desenvolvemento de novos tratamentos rupturistas co obxectivo de contribuír a próxima xeración de industrias europeas“, segundo explica Mayán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

A UDC propón unha combinación de fármacos contra unha das bacterias máis resistentes aos antibióticos

O equipo investigador identificou unha molécula como unha candidata prometedora para actuar contra infeccións intracelulares

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás