E ti, por que tes dúbidas, ou non, da vacina contra a Covid-19?

A comunidade científica e as autoridades sanitarias amosan a súa preocupación diante das enquisas que amosan reservas sobre a vacinación

A enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicada este venres, na que se abordaban os efectos e consecuencias da pandemia do coronavirus SARS-CoV-2, ofreceu varios datos que tiveron unha notable repercusión, sobre no todo no referente á vacinación. A espera de que comecen as primeiras campañas masivas de inmunización a finais deste ano e comezos de 2021, con varios proxectos nas súas últimas fases de ensaios clínicos e á espera da autorización das axencias sanitarias, as dúbidas que rodean as vacinas, claves para que a sociedade volva a recuperar de forma progresiva a súa vida cotiá previa a marzo de 2020, seguen sendo elevadas.

Un 55% das persoas entrevistadas polo CIS amosan algunha reserva sobre a vacina, apuntando que “preferirían esperar a coñecer os efectos”, á pregunta de se estarían dispostos a vacinarse inmediatamente, mentres que un 8,4% non estaría disposto a poñela en ningún caso. E un 32,5%, por outra banda, sostén que si estaría disposto a inmunizarse en canto fose posible e sen reservas.

Publicidade

Outra das respostas á enquisa expón as dúbidas que permanecen a pesar das indicacións sanitarias. Mentres un 37,9% expón que se vacinaría inmediatamente se o recomenda o seu médico/a polo risco de contaxiar a familiares próximos, un 16,7% di que non o faría en ningún caso.

Dúbidas entre a xente nova

Sempre segundo os datos do CIS, as dúbidas parecen máis presentes nos rangos de idade máis baixa. As porcentaxes de persoas que non estarían dispostas a vacinarse en ningún caso superan o 10% na franxa de 25 a 44 anos. E as persoas que preferen esperar a coñecer so efectos superan o 60% entre os 18 e os 34 anos, chegando ao 72,3% no caso dos 18 a 24.

Publicidade

Cales son as dúbidas?

Tanto Galicia como España amosan algunhas das taxas de inmunización máis altas (arredor do 95%) derivadas da vacinación fronte a enfermidades infecciosas que hai pouco máis de 50 anos xeraban decenas de miles de falecementos ou importantes secuelas, como a poliomielite, o sarampelo, a varíola, a rubéola ou as papeiras. Porén, nos últimos anos, as mensaxes dos movementos contra as vacinas están a causar importantes problemas nalgúns países de Europa, cos rebrotes de doenzas como o sarampelo.

E diante da inminente vacina contra a Covid-19, as dúbidas de parte da poboación poden supoñer un importante problema social, toda vez que non afectan só a quen decide non vacinarse (en caso de que non sexa obrigatorio), senón ao resto da cidadanía que, á espera de recibir a súa inmunización, poida desenvolver formas graves da infección ou transmitila a outras persoas, ao non acadar a inmunidade de grupo necesaria.

Diante disto, e durante as vindeiras semanas e meses, e ante o comezo das campañas de vacinación en Galicia e España, GCiencia consultará a persoas expertas en disciplinas como a viroloxía, a inmunoloxía, a epidemioloxía ou a microbioloxía para que respondan as dúbidas máis habituais dos lectores sobre a inmunización fronte á pandemia.

Podes enviar a túa consulta a través das redes sociais de GCiencia, ao enderezo redaccion@gciencia.gal, nos comentarios a esta información ou a través deste formulario.

← Atrás

Grazas pola túa resposta. ✨

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Zendal completa a vacinación de máis de 7.000 bebés no ensaio da súa vacina contra a tuberculose

O proxecto internacional avaliará se MTBVAC protexe mellor fronte á enfermidade en comparanción con BCG, a única aprobada actualmente para vacinar os recentemente nados

Unha vacina contra o melanoma? Que hai realmente detrás do anuncio de Merck e Moderna

Aínda non se coñecen os resultados completos da fase III do ensaio no que participaron máis de 1.000 persoas. Por Cristina Penas Lago

Unha vacina do rotavirus na infancia podería previr cancros gastrointestinais na idade adulta

Unha investigación do IDIS formula a hipótese de que unha vacina contra a infección, que causa o 5% das mortes infantís globais, podería reducir o risco de contraer cáncer no estómago, páncreas e colon

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana