Todos os días, e practicamente a todas horas, nalgún lugar da costa galega, a forza do mar anótase un tanto fronte a terra firme. A suba do nivel do mar, acelerada polo cambio climático e a presenza de temporais intensos, desgasta centímetro a centímetro o litoral, mesmo ás veces provocando o peche de estradas. Porén, chama máis a atención cando estes sucesos teñen lugar, como aconteceu nos últimos días, no que, segundo diversas fontes, é o segundo lugar máis visitado de Galicia despois da catedral de Santiago de Compostela: a praia das Catedrais de Augas Santas, en Ribadeo.
“Hai caídas de pedras practicamente a diario, sobre todo despois de temporais, pero moitas veces quedan cubertos rapidamente pola area e as mareas; e préstase máis atención cando se trata dun derrubamento de tamaño considerable, como o desta semana, ou cando acontece en temporada alta, como o pasado verán”, explica Luis Medina Rodríguez, profesor Titular de Enxeñaría Xeotécnica da Universidade da Coruña. Medina foi o coordinador nun dos estudos máis completos sobre o espazo, encargado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural de la Xunta de Galicia despois do tráxico suceso acontecido na Semana Santa de 2018, no que unha moza faleceu pola caída de rochas nunha das furnas do Monumento Natural. O proxecto tiña por obxectivo afondar no coñecemento do complexo e propoñer medidas de seguridade para os visitantes.
Na investigación, realizada a través da Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia, tomaron parte oito científicos expertos en xeotecnia, enxeñaría mariña e costeira, bioloxía, xeoloxía e topografía, que estableceron unha completa radiografía de Augas Santas a distintos niveis. E deste traballo saíron diversos artigos en revistas científicas internacionais, que se están publicando nos últimos meses, onde se aborda a cuestión. “Non se ten constancia de que se realizase anteriormente un estudo desta envergadura en ningunha parte do mundo”, destaca Medina.
Tres planos superpostos do espazo
O traballo aborda a situación das Catedrais desde diversos puntos de vista. “É sabido que a ondada é o factor principal que modela as praias abertas e os seus cantís”, apunta o investigador da UDC. “E tamén é preciso ter en conta as condicións xeolóxicas, como a litoloxía, a fracturación e o buzamento das rochas presentes nel”.
Por unha parte, para o estudo xeolóxico, “dúas xeólogas, Cristina Riesco e Ana Mª Plaza, estiveron traballando durante meses para estudar ao milímetro a situación dos cantís, percorrendo a praia metro a metro”. Nestes traballos realizáronse preto de 500 fotos de alta resolución tomadas desde drones para detectar zonas inestables. No estudo xeolóxico-xeotécnico tamén participaron o catedrático de Xeotecnia Jose Mª Rodríguez Ortiz e o profesor Jesús Fernandez Ruiz.

Por outra banda, o catedrático de Enxeñaría Marítima e Costeira, o galego Gregorio Iglesias, que traballa na Universidade de Cork, en Irlanda, estudou o impacto das ondas, a topografía e a batimetría da auga desenvolvendo, entre outros resultados, “un modelo pioneiro de xeración de ondas”, que tiña en conta tamén a influencia do vento e que establecía modelos a 5, 10, 50 e 100 anos de como a ondada ía afectar aos cantís.
Nesta aproximación estudouse tamén a mecánica das rochas mediante programas de modelización numérica cos que se puido reproducir as condicións de inestabilidade das cuñas, o retroceso dos cantís ou a distancia da caída de bloques á praia.
Finalmente abordouse, segundo explica Medina, un enfoque biolóxico. “Coa colaboración do catedrático de Bioloxía Javier Cremades, quixemos saber que tipo de especies medraban na zona dos cantís. Tiñamos en conta, por exemplo, se viamos que se trataba de especies con vida curta, isto levábanos a deducir que a zona onde se asentaban se renovaba constantemente; e se eran máis lonxevas, viamos que aí a erosión non era tan intensa. E tamén se analizaron outros factores como a salinidade ou a insolación”, continúa o investigador da UDC.
E os resultados foron concluíntes: “Os tres planos practicamente coinciden”, expón Medina. Con esta cartografía, o equipo desenvolveu un mapa do risco de todo o litoral, en catro niveis e e cores (verde-baixo, amarelo-medio, vermello-alto e negro-extremo).
O arco onde se produciu o desprendemento do 30 de novembro está nunha zona vermella, como apunta a imaxe baixo estas liñas, cedida por Luis Medina, que engadiu un círculo blanco para sinalar a zona do suceso. Atópase, segundo o enxeñeiro, “nunha zona alta do cantil que se atopaba en voladizo debido á socavación da parte infeiror por causa da ondada”. Como esta, as zonas de maior risco están, por tanto, nas covas, furnas, bufadoiros, arcos e corredores, boa parte do Monumento. E o risco é extremo nalgunha das panorámicas máis retratadas de Augas Santas, a da illa de Xangal.

O traballo que recolle esta cartografía viu a luz, casualmente, o día despois do último gran desprendemento na revista Science of The Total Environment. E establece tamén propostas para reducir o risco de incidentes que afecten a visitantes: “Unha das ideas, por exemplo, é que se faga algún tipo de balizamento nas zonas de maior risco e desprendementos máis frecuentes para garantir en todo momento a seguridade dos visitantes e paseantes”. Lembra Medina que, aínda que os cupos se establecen durante a Semana Santa e o verán, a praia tamén recibe visitas tanto de turistas como da veciñanza da zona durante todo o ano, momentos nos que hai menos vixilancia e, polo tanto, poden producirse situacións de risco. E avoga por destacar os puntos de maior vulnerabilidade de forma especial, evidenciando que hai risco real dun suceso que pode ser fatal.
Outra das ideas é establecer algúns sendeiros a maiores polos cantís que permitan observar o monumento desde lugares seguros e, por outra banda, facilitar o acceso a persoas con diversidade funcional ou que, simplemente, non chega ao lugar nas horas de marea baixa nas que é posible descender á area.
Unha degradación acelerada
O estudo constata tamén que o cambio climático xa está acelerando o retroceso dos cantís. “A degradación é máis rápida, e vaino ser máis. É probable que a unha escala da cronoloxía humana poidamos presenciar como se deteriora notablemente”, advirte Medina. Porén, os novos farallóns poderán dar paso, á súa vez, a novas formas igualmente espectaculares. “A composición terra adentro é moi semellante, como acontece en boa parte da rasa cantábrica, e bastante cha, polo que probablemente xurdirán novas furnas, pontes e corredores”.
Con todo, ademais do risco de danos persoais, os expertos consideran que a presenza humana masiva e descontrolada nalgunhas áreas, fundamentalmente na parte superior del cantil, podería acelerar a degradación do Monumento. En consecuencia, nesta parte superior os visitantes só deben pasear polas sendas habilitadas, para evitar a destrución e desaparición da coberteira vexetal. Ademais, en todo o Monumento Natural é moi importante respectar a sinalización existente. Por outra parte, “debería aumentarse o nivel de vixilancia e cumprimento das sinalizacións, e contemplar a posibilidade de incluír sancións económicas a quen non respecte” as mesmas ou as indicacións do persoal que vixía a zona.
Referencias:
– Multi-criteria characterization and mapping of coastal cliff environments: A case study in NW Spain (Publicado en Science of the Total Environment).
– Coastal cliff exposure and management (Publicado en Ocean & Coastal Management).