Imaxe de derrubamentos nun dos arcos das Catedrais. Fonte:
Imaxe de derrubamentos nun dos arcos das Catedrais. Fonte: "Estudio de las posibles consecuencias del ascenso del nivel del mar en los procesos erosivos de los acantilados en el monumento natural de la Playa de As Catedrais".

“Nas Catedrais puido haber un colapso que matase a máis persoas”

Nestes últimos días, a raíz da morte dunha moza na praia das Catedrais, as achegas de expertos como Augusto Pérez Alberti e Juan Ramón Vidal Romaní e de entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural, lembraron os reiterados avisos sobre os riscos de desprendementos no areal de Augas Santas.

“Coido que para a Xunta existe unha visión estática do relevo”, sinala Pérez Alberti

Sobre a morfoloxía e composición das rochas, Alberti explica que na costa cantábrica de Galicia “aflora unha sucesión de cuarcitas e lousas cambricas”, no que é posible observar as catro etapas do proceso erosivo que xera os arcos mariños como os da praia das Catedrais, e tamén outras formacións como furnas, ollos e illotes. “Nas partes altas dos cantís aprécianse moi ben os compoñentes que en maior medida facilitaron a xénese dos arcos rochosos máis coñecidos: a foliación tectónica, a rede de pequenas fracturas verticais e a presenza de salientables zonas de falla”.

Os riscos nas Catedrais

Fotografía: Pedro M. Martínez Corada – CC BY-SA 3.0

Estes tres elementos son unha evidencia de que a paisaxe litoral das Catedrais vai mudando co tempo e a erosión, a propia responsable das formas que atraen a milleiros de turistas. Unha erosión que se acelera nos períodos de intensas precipitacións, debido á infiltración da auga da chuvia nas estruturas, xa de por si delicadas.

Porén, Pérez Alberti di: “Coido que existe unha visión moi estática do relevo. Para moitos, e polo visto para a Administración galega tamén, o relevo costeiro non é o resultado inestable dunha historia marcada pola inestabilidade”. Parécelles, engade, “un escenario estático que estivo aí sempre e aí vai seguir eternamente”.

O informe dos xeólogos Juan Ramón Vidal Romaní e Tania Cotelo Vila, que leva por nome Estudio de las posibles consecuencias del ascenso del nivel del mar en los procesos erosivos de los acantilados en el monumento natural de la Playa de As Catedrais, sinálase que a estabilidade do Monumento Natural “parece estar garantida para os próximos 100 a 200 anos”.

Con todo, a pesar da “estabilidade” na que se baseou a Xunta de Galicia para non restrinxir o acceso ao interior das furnas de maior risco, o informe mencionado fala de “risco extremo“, segundo recolle Praza Pública. Esta mesma semana, despois do suceso do venres, Vidal Romaní afirmou que tiña recomendado o uso do casco na praia, aínda que esta medida non se tomou en ningún momento por parte das autoridades nin está contemplada no informe.

O mapa de risco sinala a práctica totalidade do areal como “zona máis susceptible de sufrir riscos, tal e como se pode ver baixo estas liñas.

O mapa de risco nas Catedrais abrangue case toda a extensión do areal. Fonte: Estudio de las posibles consecuencias del ascenso del nivel del mar en los procesos erosivos de los acantilados en el monumento natural de la Playa de As Catedrais.
O mapa de risco nas Catedrais abrangue case toda a extensión do areal. Fonte: Estudio de las posibles consecuencias del ascenso del nivel del mar en los procesos erosivos de los acantilados en el monumento natural de la Playa de As Catedrais.,

A isto hai que engadir, segundo sinala Pérez Alberti, un risco maior nos arcos e nas furnas, debido á maior inestabilidade, “especialmente nos teitos, onde se poden producir colapsos de xeito inesperado”. Con estes datos, a respecto deste informe, o pasado 12 de xaneiro, o catedrático da USC publicou en Twitter:

“Desde o momento no que se da acceso a un lugar no que se sabe que hai riscos, quen dá permiso de acceso é responsable do que poida pasar”, engade Augusto Pérez. A este respecto, lembra casos semellantes, como o que tivo lugar en 2009 no Algarve portugués, onde morreron sepultadas cinco persoas por un desprendemento de rochas. “Podería terse producido un colapso do teito da furna que matase a máis persoas“. Así o corrobora, segundo o xeógrafo da USC, a experiencia dos veciños da zona, testemuños da erosión durante os últimos decenios, e que advertían xa de que “calquera día vai haber unha desgraza“.

Como solución, Pérez Alberti propón a elaboración dun novo estudo “pormenorizado” da costa. “É preciso contar con persoas do eido da enxeñaría, capaces de levar a cabo un estudo xeotécnico moi riguroso dos cantís verticais, e moi especialmente das furnas”. E antes disto, como acontece noutros lugares semellantes, habería que “ter moi ben sinalizadas as zonas de risco”, e incluso “prohibir o paso” nos lugares máis delicados.

SGHN: un “risco anunciado” nas Catedrais

Tamén a Sociedade Galega de Historia Natural lembrou, a raíz da morte do pasado sábado, as advertencias sobre os riscos da erosión para as persoas. A entidade explica que en 2014 presentou un documento de alegacións ao plan de conservación das Catedrais, no que daba conta das continuas caídas de rochas nos arcos e columnas da praia, e falaba dunha estabilidade que “podería estar comprometida”.

Alén disto, sinalaba a SGHN que o plan de conservación “carece dunha mínima diagnose” respecto aos “compoñentes xeolóxicos e xeomorfolóxicos” do lugar. Para protexer a integridade dos visitantes, a entidade recomendaba elaborar “unha análise sobre a estabilidade dos distintos elementos, identificando os problemas que inciden sobre eles, os posibles riscos, os posibles efectos que poderían repercutir no uso público do espazo, e as medidas concretas para asegurar a súa preservación e estabilidade”.

Conclúe a entidade que, “como en tantas ocasións anteriores, as suxerencias e alegacións de SGHN foron completamente ignoradas“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.