A desinfección de espazos públicos foi moi habitual durante o confinamento en numerosos concellos galegos. Foto: Concello de Lousame.
A desinfección de espazos públicos foi moi habitual durante o confinamento en numerosos concellos galegos. Foto: Concello de Lousame.

A desinfección masiva de superficies, o gran esforzo inútil da pandemia?

A revista "Nature" advirte nun editorial do excesivo gasto destes recursos para evitar contaxios, a pesar da falta de evidencias ao respecto

A primeira onda da pandemia da Covid-19 deixou moitísimas imaxes para o recordo. Toda unha xeración afrontando por primeira vez unha crisis sanitaria que mudou de súpeto a vida cotiá de miles de millóns de persoas. O desconcerto, a gravidade da situación e a alarma xerada levou a recorrer a todo tipo de estratexias para diminuír a transmisión do virus. A propia sociedade, diante da tardanza na resposta das institucións, decidiu buscar o xeito de protexerse no medio de mensaxes contraditorias e escaseza de recursos. Sen dúbida, unha das fotografías máis repetidas a gran escala foi a de operarios ataviados con traxes de protección desinfectando, ás veces con sulfatadoras, as rúas desertas para eliminar o SARS-CoV-2 das superficies, desde os colectores de residuos ata os pomos das portas. Meses despois, coa evidencia científica recollida neste tempo, cada vez parece máis claro que boa parte deste esforzo non tiña moito sentido, a pesar das propias mensaxes lanzadas polas autoridades na primavera de 2020, na que insistían na desinfección ao tempo que desaconsellaban o uso de máscara nos espazos públicos.

Un editorial que publica esta semana a revista Nature reflexiona sobre unha práctica na que se investiron moitos millóns no mundo. O texto fai mención ás cifras que manexa a Autoridade do Transporte Metropolitano de New York, onde se estima que os costes anuais de hixiene para facer fronte á Covid-19 estarían preto dos 380 millóns de dólares ata 2023. Fronte a isto, o editorial pon o acento en que “poderían estar dedicándose máis recursos a enfatizar a importancia da máscara e investigando para mellorar a ventilación”.

Son numerosas as investigacións que nos últimos meses constataron que a gran maioría das infeccións se producen pola emisión directa de pingas respiratorias das persoas infectadas e, noutra importante porcentaxe, a través das micropingas de menor tamaño coñecidas como aerosois. A pesar disto, as institucións sanitarias internacionais, como a OMS, seguen poñendo o acento nas medidas de desinfección de superficies, aínda que o contaxio a través dos fómites, isto é, os obxectos nos que caen partículas virais e que posteriormente ingresan nun organismo a través do contacto, parece bastante minoritario. E menos en espazos abertos, nos que se segue realizando un esforzo importante de desinfección. O que non quita, por exemplo, segundo advirten os expertos, a recomendación de manter unha frecuente hixiene de mans, vía máis probable de contaxio polo posible contacto con outras persoas, ou a limpeza estrita en contornas como os hospitais e outros centros sociosanitarios. Mais coa limpeza masiva das superficies é posible que se chegase á esaxeración, expoñen.

En Galicia puideron verse algunhas ideas impulsadas con diñeiro público que chamaron a atención, como a instalación de arcos desinfectantes para vehículos, un sistema instalado en Pontecaldelas que a Xunta de Galicia obrigou a retirar. Xa en abril, aínda en confinamento, o epidemiólogo Juan Gestal advertía da ineficacia da meirande parte destas medidas en espazos abertos: “Non entendo por que se están a desinfectar as rúas, non lle atopo fundamento”. En novembro, un dos científicos e divulgadores máis activos para destacar a importancia da transmisión por aerosois do SARS-CoV-2, José Luis Jiménez, destacaba nun encontro organizado polo Colexio de Médicos de Ourense que “hai que insistir moito máis en ventilar que en desinfectar”. Porén, para moitas institucións, os labores de desinfección foron un xeito de poñer o seu gran de area contra a pandemia e visibilizar diante da veciñanza que se estaba traballando, na medida das súas posibilidades, para conter a transmisión do virus nun momento de gran impacto para a sociedade.

Arcos desinfectantes instalados en Pontecaldelas na primavera de 2020. Foto: Concello de Pontecaldelas.
Arcos desinfectantes instalados en Pontecaldelas na primavera de 2020. Foto: Concello de Pontecaldelas.

Por tanto, a viabilidade do SARS-CoV-2 para infectar a outras persoas a través de superficies é moi limitada, segundo advirten as análises que se veñen facendo desde a segunda metade de 2020. Non foi ata maio, por exemplo, cara os Centros de Control e Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos actualizaron a súa información sobre o contaxio mediante superficies, indicando que “non se cre que sexa a forma principal de transmisión” despois de advertir o risco desta vía de contaxio. A OMS actualizou este aspecto o 20 de outubro, reducindo tamén a importancia da vía dos fómites.

Nun comentario publicado en agosto en The Lancet Infectious Diseases, o microbiólogo Emmanuel Goldman apunta a que as investigacións realizadas nun primeiro termo sobre o papel dos fómites se desenvolvían en condicións de laboratorio notablemente distintas das da vida cotiá, onde a viabilidade do virus é moito menor: “Na miña opinión, a posibilidade de transmisión a través de superficies inertes é moi pequena, e só en casos nos que unha persoa infectada tuse ou esbirra sobre a superficie e alguén toca ese punto pouco tempo despois”, dicía Goldman, que matizaba: “Non quero deixar de ser cauteloso, pero a situación pode levarnos a extremos non xustificados cos datos dispoñibles”.

Neste sentido, Nature apela a entidades como a OMS ou os Centros de Control e Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos (CDC) a “actualizar as orientacións baseándose no coñecemento actual”, centrando os esforzos na “mellora da ventilación, a instalación de purificadores de aire rigurosamente probados” e, sobre todo, extremar as precaucións co uso de máscara e o mantemento da distancia de seguridade.

Con todo, a hixiene non pode deixar de ser unha medida lóxica para evitar a transmisión do coronavirus e calquera outra enfermidade causada por patóxenos, tal e como amosa a historia da medicina.


Máis información:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.