Venres 11 Outubro 2024

Un coronavirus estacional? O risco engadido da pandemia no inverno

A comunidade científica advirte do rápido incremento do número de infeccións e as evidencias crecentes de que o tempo inflúe na transmisión do SARS-CoV-2

O 60% da poboación galega vive desde esta fin de semana novas limitacións de mobilidade e reunión por mor do avance do coronavirus SARS-CoV-2. O aumento no número de infeccións e a ocupación nos hospitais avanzan, segundo advirten as propias autoridades sanitarias, semanas complicadas por diante. O peche das actividades non esenciais, nomeadamente da hostelería, preocupan polo seu impacto económico. Porén, boa parte de España e Europa, en moitos casos cunhas incidencias acumuladas meirandes cá de Galicia, están xa a tomar medidas ante o escenario que se avanza no inverno. Xa o advertía a Consellería de Sanidade hai case un mes, cando se decidiu limitar as reunións a 10 persoas en toda Galicia, apuntando que a maior permanencia de persoas en espazos pechados e a posible coinfección co virus da gripe poderían complicar a situación. E aínda que, por motivos obvios, non existe evidencia científica suficiente sobre o comportamento estacional do novo coronavirus, ao non completar un ano desde a súa propagación polo planeta, cobra forza a idea de que se trata dun virus (como outros coronavirus xa coñecidos), que se resiste e transmite mellor a temperaturas baixas e con pouca humidade.

A gran cantidade de estudios científicos publicados ao longo de 2020 xeraron, en ocasións, bastante ruído e confusión na sociedade, pouco habituada a seguir na información diaria o funcionamento interno da ciencia e os criterios de revisión e publicación de artigos. Moitos traballos analizaron as condicións que causaban unha maior ou menor transmisión do SARS-CoV-2: o contexto socioeconómico, o uso do transporte público, a precariedade laboral, os hábitos sociais en distintas culturas, as medidas tomadas polos gobernos, o clima de cada rexión… Pero en ocasións eran análises baseadas en simples correlacións, ou traballos pendentes de revisión, que acadaron unha importante relevancia.

Publicidade

Mais nada impediu neste outono que o virus estea superando rexistros da primeira onda en moitos países. A pesar de que a cidadanía coñece e usa, na súa meirande parte, as medidas de prevención que respalda a ciencia, as infeccións baten récords. É por isto que, ante as cifras, xorde con forza a posibilidade de que o SARS-CoV-2 sexa un virus estacional e que o risco de contaxio nestas semanas no hemisferio norte sexa agora maior có que se podía vivir no verán cando o resto de condicións eran semellantes.

Por que pode ser un virus estacional?

Na primeira onda, coa chegada das altas temperaturas e a maior radiación ultravioleta a finais da  primavera, xa se falou de que os coronavirus, como os que causan catarreiras todos os invernos, e como tamén acontece co da gripe, eran menos viables nestas condicións. “Son infeccións que se difunden mellor con temperaturas e humidades baixas (0 a 17 °C e <9 g/m3)”, explica o doutor Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.

Publicidade

Mais isto non afecta só ao propio virus, senón ao seu hóspede e aos aerosois, as partículas en suspensión que poden transmitir a infección a varios metros de distancia. “As baixas temperaturas diminúen a inmunidade innata, ao alterar as defensas moleculares e celulares das vías respiratorias superiores, favorecendo a invasión das células polos virus; e a baixa humidade favorece a formación de aerosois ao captar o aire rapidamente a humidade das pingas, impedindo a súa rápida sedimentación e favorecendo a formación de finas partículas (aerosois) que permanecen mais tempo flotando no aire”, continúa Gestal.

Os propios laboratorios de Microbioloxía están percibindo tamén nas últimas semanas que a medida relativa da carga viral das mostras analizadas para as probas PCR estaba a aumentar. Nisto tamén insistía hai dúas semanas nunha entrevista con GCiencia a investigadora María Tomás, portavoz da da Sociedad Española de Enfermidades Infecciosas y Microbiología Clínica (SEIMC), que traballa no Hospital da Coruña. “Parece que o SARS-CoV-2 ten un enorme potencial para manterse viable mediante aerosois en zonas interiores, e estes aerosois vense afectados por unha maior cantidade de raios do Sol e unha maior temperatura e humidade”. Así, a pesar de que se produciran casos durante o verán “a cantidade de partículas virais que entraba no organismo e infectaba ás persoas era menor, en xeral”.

María Tomás: “É moi perigoso subestimar a infección por Covid-19”

A historia recente tamén pode achegar pistas sobre o que está por vir. “No caso do virus respiratorio sincitial e dos virus da gripe, a estacionalidade é clara”, continúa o doutor Gestal. E o antecedente do SARS-CoV-2 tamén seguiu o mesmo patrón. “O virus do SARS, responsable da pandemia de 2002-2003, presentouse no outono-inverno e logo desapareceu, e outros coronavirus como o MERS e os responsables do catarro común teñen unha variación estacional”.

E a pesar de que a primeira onda, por agora, non é suficiente para establecer a evidencia estacional, observáronse detalles interesantes. “No caso do SARS-CoV-2, nun principio afectou á zona das isotermas de 4 a 12°C (China, Irán, Turquía, Italia, España, Estados Unidos…) e na primavera, a medida que o clima se foi quentando, estendeuse ao norte (Reino Unido, Alemaña, Europa do leste, Rusia e América do Norte). A chegada do verán non levou unha grande diminución no Hemisferio Norte, quizais fixo que a propagación fose mais lenta, pero non a detivo, e no Hemisferio Sur observouse unha importante afectación no outono-inverno”, resume o profesor emérito da USC.

Mapa elaborado polo Copernicus Climate Change Service (C3S*) que amosa os lugares con máis mortes no mes de marzo e a temperatura media en cada rexión. Imaxe extraída de https://climate.copernicus.eu/coronavirus-and-climate-c3s-helps-health-experts
Mapa elaborado polo Copernicus Climate Change Service (C3S*) que amosa os lugares con máis mortes no mes de marzo e a temperatura media en cada rexión. Imaxe extraída de https://climate.copernicus.eu/coronavirus-and-climate-c3s-helps-health-experts

Así, resume Gestal, “a afectación foi maior nos países máis fríos e secos, nos que a enfermidade amosou un crecemento exponencial, pero tamén se afectaron os países máis cálidos e húmidos, aínda que cun crecemento mais lineal”. En xeral, “as zonas con incidencias mais baixas foron as que están entre as latitudes 30º N e 30º S, e a menor afectación nos trópicos atribúese a maior radiación ultravioleta”.

No caso da Península Ibérica, a transmisión no verán foi menor a pesar de que durante estes meses se relaxaron en certo grao as medidas básicas de prevención, sobre todo en contextos sociais. O feito de celebrar encontros ao aire libre, en ambientes cálidos e solleiros, puido diminuír as infeccións a pesar dos comportamentos de risco. Galicia mantívose durante semanas, ata que xurdiron os primeiros surtos, como o da Mariña, por debaixo dos 10 casos diarios en todo o territorio. Para o profesor Gestal, aquela foi unha oportunidade perdida. “O problema vén de atrás, de cando deixamos o confinamento tan ás présas, sen agardar a que desaparecese a transmisión comunitaria como se fixo en Wuhan, e non se organizou ben o rastrexo para localizar ás persoas asintomáticas. E  a todo iso hai que xuntarlle a falta de coordinación e dun plan de control a nivel nacional”, expón.

“Winter is coming”

Agora achégase o inverno. Así, citando á frase que fixo célebre Xogo de Tronos, titúlase unha revisión de artigos publicada no International Journal of Environmental Research and Public Health, e que Juan Gestal menciona ao ser preguntado por este tema. Este traballo analiza 45 artigos revisados por pares e outros 80 pre-prints, e conclúe que “a investigación ata a data non logrou amosar evidencia convincente da modulación ambiental da Covid-19, suxerindo un efecto de modulación débil” no refente ao posible compoñente estacional.

Esta revisión contaba, como advertían os propios autores, cun “forte sesgo” do hemisferio norte, xa que no caso do hemisferio sur, as condicións socioeconómicas do hemisferio sur debilitaban a evidencia sobre a influencia do clima na transmisión do virus. Ademais, apuntaban que, de existir unha diferenza estacional, non sería evidente ata o 2021 e anos posteriores.

O problema engadido co SARS-CoV-2 é, ademais, que se trata dun virus novo, cunha grandísima porcentaxe da poboación que non desenvolveu inmunidade contra el e que, por tanto, é susceptible de transmitilo. “As evidencias preliminares suxiren que o clima pode modular a transmisión do SARS-CoV-2; porén, non está claro se as variacións estacionais e xeográficas poden alterar substancialmente a traxectoria da pandemia, xa que a alta susceptibilidade é un factor fundamental”, resumía un artigo publicado en xullo en Science no que se advertía de que as medidas de prevención eran necesarias para evitar o crecemento da pandemia, mesmo en climas húmidos e cálidos. Isto é o que advertía tamén a revisión sobre o compoñente estacional do virus, ao constatar que a transmisión era igualmente alta en contornas cálidas e húmidas onde non se mantiñan medidas de prevención básicas.

A alta susceptibilidade de gran parte da poboación segue sendo un factor fundamental de risco para a transmisión do SARS-CoV-2

Hai dúas semanas, a revista Nature analizou nunha reportaxe o escenario que se abría co aumento de infeccións ao chegar o outono ao hemisferio norte. O texto menciona algunhas investigacións en condicións de laboratorio nas que se observou como o SARS-CoV-2 se ve favorecido por un tempo frío e seco, sobre todo se non está exposto á luz do Sol, ao constatar que a radiación ultravioleta artificial podía desactivar as partículas do novo coronavirus en superficies e en aerosois.

Mais non parece probable que haxa unha resposta rápida á conxunción de factores epidemiolóxicos e sociais que inflúen na transmisión dun virus. “A gripe leva séculos propagándose polo mundo, e o mecanismo específico polo cal hai picos no inverno aínda se descoñece en gran medida”, explica a Nature Kathleen O’Reilly, matemática experta en epidemioloxía da Escola de Hixiene e Medicina Tropical de  Londres.

Parece claro que as medidas de prevención en todas as situacións poden decantar a balanza durante os meses nos que o virus se transmite con máis facilidade. Como se ten constatado no hemisferio sur, rexistráronse menos casos de gripe por mor do comportamento social fronte á pandemia da Covid-19.

Medidas e danos colaterais

A incerteza, a pesar do aprendido nestes meses, mantense diante dun longo inverno por diante. Juan Gestal avoga pola anticipación á hora de afrontar o previsible aumento da incidencia. “En Galicia agora acaban de aprobarse unhas medidas mais restritivas, que ao parecer funcionaron na vila do Carballiño. Terán os mesmos resultados nesas contornas moito máis poboadas?”, pregúntase o experto en Saúde Pública. Por se acaso, eu sería mais partidario de aplicar medidas que xa amosaron ser efectivas, e que están comezando a aplicar os países veciños”.

Aínda que a pandemia non volva saturar o sistema asistencial, un aumento das hospitalizacións pode complicar a atención a outras patoloxías que seguen presentes e, moitas veces, desatendidas

Alén disto, como xa aconteceu na primavera, o incremento da carga asistencial e o risco de infeccións nos centros sanitarios está a afectar a atención a outras patoloxías que seguen xurdindo, en maior medida no caso dunha poboación máis avellentada como a galega. “Para min non só é moi preocupante que se poda colapsar o sistema sanitario, senón tamén todos os casos de enfermidade e de mortes que se están a producir pola Covid-19, aínda que non colapsen o sistema sanitario, e pola falta da adecuada atención sanitaria noutras enfermidades como cancros, enfermidades cardiovasculares, etc., que tamén deben poñerse na balanza da saúde-economía”.

O profesor Gestal conclúe cunha lectura que aínda lembra dos seus comezos de formación en Saúde Pública: “Está a xente caendo dunha montaña; que é mellor? Construír un hospital abaixo para atender aos que caen ou poñer unha cerca arriba para que non caian?”.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación