É unha crenza que se perde na noite dos tempos. E que posiblemente, como tantas outras veces, acabe tendo moitas e diversas explicacións por parte da ciencia. Pero por agora, é difícil atopar unha resposta ou, polo menos, un argumento que consiga confirmar o que apenas son indicios, díxomedíxomes e suposicións: existe relación entre determinados tipos de vento e a aparición de problemas de saúde mental que poidan desencadear circunstancias como un maior número de suicidios ou crimes, máis problemas físicos de saúde ou alteracións do estado de ánimo?
En Galicia falábase dos aventados cando se dicía que unha persoa perdía a razón sen causa aparente, nun tempo no que os prexuízos cara ás persoas con trastornos de saúde mental eran enormes. A lingua, por tanto, suxire unha certa relación entre determinados refachos que poderían ser nocivos para a mente. E nalgunhas zonas ventosas, sobre todo preto do mar, escóitase aínda hoxe quen di que algúns días de temporal do nordés, as persoas adoitan estar máis irascibles. Son iso, crenzas e contos detrás das que apenas hai datos contrastables.
Porén, hai científicos buscando respostas. Disciplinas como a biometeoroloxía, que estuda as relacións entre os seres vivos e os fenómenos atmosféricos, investiga posibles puntos de encontro entre o que acontece na atmosfera e o que pasa nas cabezas das persoas. Un dos máis coñecidos e citados é o efecto Foehn, un acontecemento que recibiu o seu nome nos Alpes, pero que se pode atopar tamén na península Ibérica, en cordilleiras como a Cantábrica ou os Pireneos, e que en resumidas contas, ocasiona que unha parte das montañas reciba aire frío e húmido, mentres que na outra a situación é máis seca e cálida, xerando notables contrastes de temperatura e humidade entre as dúas partes.
E isto, segundo parece, xera susceptibilidades con consecuencias na saúde mental das persoas, pero posiblemente non sexa causa directa. Mesmo existe un nome: Foehnkrankenheit (literalmente, enfermidade de Foehn), un amplo, e suposto, abano de síntomas e circunstancias relacionadas con estes episodios atmosféricos, que medrou no imaxinario dos habitantes dos Alpes, e tamén noutros lugares, e trouxo consigo unha longa lista de remedios e rituais para combatelo. E tamén algúns boatos amplamente difundidos, como o feito de que o Foehn era considerado como atenuante nos crimes en Suíza ou California.
O que é certo, e sinxelo de demostrar, é que o desprazamento súbito de masas de aire e as variacións na carga iónica e na presión da atmosfera poden influír na saúde das persoas. É a coñecida como meteorosensibilidade. A situación máis habitual, tal e como moita xente sabe, é a que ten que ver coas doenzas reumáticas e musculoesqueléticas: os cambios de presión atmosférica poden afectar ás articulacións e, por tanto, xerar máis dor. E pode pasar, por tanto, que as situacións de dor física, nalgúns casos, acaben afectando ao estado de ánimo. Do mesmo xeito, varias investigacións da USC e MeteoGalicia constatan a relación entre os factores meteorolóxicos e o risco de padecer determinadas doenzas víricas, como a gripe, e de hospitalización.
Pero tamén hai estudos, como o publicado en 2005 por científicos cataláns, no que se apunta que os ingresos por ataques de pánico nos hospitais se triplicaban cando sopraba o vento de poñente. Nos Estados Unidos, por exemplo, algúns traballos afondaron na relación entre as vagas de calor e o aumento da criminalidade, por exemplo. Pero a maioría dos traballos semellantes engaden o mesmo matiz: “Precísanse máis investigacións”. Detrás do aumento do crime, ou dos ingresos por patoloxías mentais, pode estar o tempo, pero tamén pode haber moitas outras causas que deberían ser tidas igualmente en conta.
E o vento e os suicidios?

As altas taxas de suicidio en Galicia levan a especular en moitas ocasións con que o clima pode estar detrás destes datos (poucas horas de sol, vento, chuvia, etc). Pero o abano de factores socioeconómicos (por exemplo, unha poboación avellentada cando a maior parte dos suicidios ten lugar en maiores de 50 anos), a situación e circunstancias persoais de cada individuo que toma a decisión de acabar coa súa vida e a presenza de variables que rachan con isto é tan grande que suxerir unha causalidade alén da correlación é demasiado aventurado. Ata agora, aínda que son numerosos os estudos realizados na procura de explicación, ningún constatou de xeito inequívoco que determinados episodios meteorolóxicos incrementen a taxa de suicidio nun determinado rango temporal.
Así, a dificultade científica para desentrañar as causas que están detrás dunha decisión tan persoal levan a establecer o principio de precaución e, por tanto, evitar establecer causalidades. Por tanto, os expertos e expertas aconsellan, ante calquera problema de saúde mental, acudir a especialistas canto antes.