Domingo 28 Abril 2024

Un estudo galego explica como inflúe o fútbol na percepción social da inmigración

Os investigadores Carlos e Ignacio Lago analizan a percepción social dos futbolistas estranxeiros en función dos resultados dos equipos

O éxito dun club de fútbol, ben sexa gañar a liga, ben sexa acadar un rendemento superior ao agardado polo seu orzamento, sumado a un maior porcentaxe de minutos disputados por xogadores estranxeiros, contribúe a unha mellor percepción sobre os inmigrantes e a inmigración da cidadanía na comunidade autónoma do equipo en cuestión. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado polo catedrático da Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade de Vigo Carlos Lago xunto ao seu irmán Ignacio Lago, catedrático de Ciencias Políticas da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

A súa análise ten como base a combinación das opinións da cidadanía recollidas en oito edicións do European Social Survey cos resultados deportivos acadados polos equipos da máxima categoría do fútbol español, e foi seleccionada nunha convocatoria aberta polo Observatorio Social de La Caixa para a divulgación de investigacións sobre inmigración.

Publicidade

O estudo dos irmáns Lago Peñas, investigadores asociados ao grupo GEN (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, foi un dos oito seleccionados nesta convocatoria. A súa análise partiu dos datos recollidos, entre os anos 2002 e 2016, pola European Social Survey, unha enquisa que se fai cada dous anos nos diferentes países da UE e que reúne unha serie de datos “sobre a percepción que a cidadanía ten sobre moitos aspectos sociais”, como explica Carlos Lago.

O estudo recolle as opinións de máis de 15.500 españois entre 2002 e 2016

Concretamente, os investigadores centráronse nas opinións recollidas a máis de 15.500 españois nas oito edicións analizadas dunha enquisa que, explica, pregunta á cidadanía “a súa opinión sobre se a vida cultural vese enriquecida ou non polos inmigrantes ou se a inmigración é boa ou mala para a economía do país”. Estes datos cruzáronse á súa vez cos resultados da liga española nas diferentes tempadas que abrangue o período de estudo, tendo en conta, como explica o investigador, tanto a clasificación final como a relación desta co orzamento do equipo, así como o número de estranxeiros de cada equipo e os minutos disputados por estes.

A percepción da inmigración depende dos resultados

“O que atopamos é que cando os equipos teñen éxito, ben porque gañan a liga, ben porque teñen un rendemento máis alto do esperado polo seu orzamento, e ademais xogan moitos xogadores inmigrantes nese equipo, mellora a percepción positiva sobre a inmigración”, sinala Carlos Lago. Concretamente, os investigadores detectaron como a “percepción positiva” sobre a inmigración era máis elevada entre a cidadanía dunha comunidade autónoma cando un dos seus equipos gañaba a liga, algo que no período analizaron lograron o FC Barcelona, o Real Madrid, o Atlético de Madrid e o Valencia CF.

“E esta é aínda maior cantos máis estranxeiros hai nun equipo e máis minutos xogan”, sinala Lago, que explica que esta mesma correlación detectouse tamén cando o factor analizado era o rendemento dos clubs, concretamente se o posto no que remataban a tempada era superior ou inferior ao que lles correspondería se os equipos se ordenasen en función do seu orzamento. Pola contra, Carlos e Ignacio Lago tamén detectaron o efecto contrario, xa que “cando un equipo non gaña ou obtén un rendemento peor do esperado e hai moitos xogadores inmigrantes que disputan moitos minutos, a percepción sobre os beneficios da inmigración cae”.

O fútbol, “termómetro social”

España, lembran os investigadores no artigo, “é o terceiro país da Unión Europea con maior número de inmigrantes”, preto de 415.000, segundo Eurostat, no ano 2016, o último analizado nesta investigación. Ao mesmo tempo, o fútbol é “seguramente o produto de ocio máis relevante” nun país no que, segundo unha enquisa do Centro de Investigaciones Sociológicas, o 67% das persoas, preto do 78% dos homes e o 57% das mulleres, declárase seguidor dun equipo.

A isto súmaselle ademais que conta cunha liga cunha elevada porcentaxe de xogadores estranxeiros, que na última tempada analizada, a 2015-2016, disputaron, como recolle o estudo, preto do 42% do total de minutos xogados. De aí que tentasen observar “como o fútbol regula ou modifica a percepción que se ten sobre os aspectos positivos da inmigración”, como apunta Carlos Lago, que, a raíz dos resultados, pon o acento no papel deste deporte como un “termómetro social”, que, máis aló do deportivo, “permite entender moitos aspectos da nosa vida cotiá”. De aí que defenda este deporte como “un grande espazo para a investigación”, ao tempo que recoñece “a dificultade” que ten atopar ese “punto de encontro, neste caso entre aspectos sociais e fútbol”, que marcou esta investigación. O artigo resultante, que será proximamente publicado nunha revista científica, foi un dos oito estudos seleccionados polo Observatorio Social de La Caixa, “nunha convocatoria moi esixente, xunto a traballos de gran calidade”, como sinala Carlos Lago, que destaca a vontade de transferencia do coñecemento desta iniciativa que implica a adaptación da investigación nun artigo divulgativo.


Referencia: The Glories of Immigration: How Soccer Wins Shape Opinion on Immigration.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o ‘baixón’ no rendemento dos futbolistas a partir dos 30 anos

O investigador da UVigo Ezequiel Rey é un dos autores dun traballo internacional que recolleu datos de 419 xogadores de Primeira e Segunda División

A actividade física reduce a mortalidade prematura nas persoas con obesidade

A obesidade é un problema de saúde global, que afecta a...

Reino Unido recomenda aos nenos non rematar de cabeza por posibles danos cerebrais

As federacións de fútbol de Inglaterra, Escocia e Irlanda do Norte vetan a práctica nos adestramentos aos menores de 11 anos

Premio estatal para o traballo dun monfortino sobre exercicio acuático e disfunción renal

A Sociedade Española de Medicina do Deporte recoñeceu a investigación de David Rodríguez, da Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra