Case 10.000 persoas deron o paso para vacinarse contra a Covid-19 no último mes en Galicia

Finalizada a campaña de vacinación masiva, a cobertura avanza paseniño, pero miles de menores de 40 anos decidiron recibir a picada nas últimas semanas

A parte da poboación mundial que tivo maior acceso ás vacinas contra a Covid-19 xa se dispoñía a afrontar un inverno de certa calma e volta a unha relativa normalidade. Pero as repuntas que están a xurdir no centro e leste de Europa, xunto á aparición da variante ómicron (a nova cadea de mutacións no SARS-CoV-2 que elevou a alerta en medio mundo) volven axitar as pantasmas de confinamentos, restricións de mobilidade e dereitos fundamentais. España e Portugal, que están entre os países con maior cobertura vacinal de Europa, parecen librarse en parte desta nova vaga. E dentro das comunidades autónomas, Galicia segue liderando as taxas de vacinación: o 93,5% das persoas que podían vacinarse (maiores de 12 anos) xa o fixeron.

Deste xeito, parece superado un importante chanzo en Galicia respecto a outras áreas nas que apenas se rebasa o 70% de cobertura e, polo tanto, preto dun terzo da poboación segue exposta á infección sen o efecto protector das vacinas. Pero é que ademais, nestas últimas semanas miles de persoas, a meirande parte delas menores de 40 anos, están a acudir a vacinarse coa primeira das doses ou ben a completar a pauta recomendada polas autoridades sanitarias. Así o constatan os datos difundidos diariamente polo Ministerio de Sanidad:

Publicidade


Nas primeiras etapas da campaña chegouse de forma case que universal aos grupos prioritarios de maiores de 60 anos, que no caso galego acadaron case o 100% de protección. Por iso agora acoden menos a recibir as súas doses (no gráfico superior non se inclúen as doses de reforzo (que xa teñen o 65,6% das persoas que a deben recibir).

Mais salientable é o caso dos grupos de menor idade. Percíbese un avance que, aínda que máis lento ca nos momentos da vacinación masiva, suma miles de persoas protexidas en poucas semanas, que no seu momento non recibiran, por diversos motivos, a súa dose da vacina.

Publicidade

O avance máis notorio no último mes percibiuse no grupo de 12 a 19 anos, que incrementou máis do 1% a súa cobertura con pauta completa. Xa chegan ao 92%, polo que apenas quedarían 10.800, segundo os datos do INE, por completar a inmunización. E tamén hai un certo progreso nas persoas de 20 a 39 anos, nos que aínda non se chegou ao 85% do censo coa pauta completa. Así está a cobertura por grupos de idade. Á espera de que se comecen a administrar as doses no grupo de 5 a 11 anos despois da autorización da Axencia Europea do Medicamento (probablemente poida facerse no Nadal), xa hai un 85% do total da poboación coa pauta completa.

Un 65% de non vacinados nas UCIs en Galicia

Esta semana, coincidindo co incremento da incidencia da Covid-19 en España, o Ministerio de Sanidad difundiu por primeira vez os datos de incidencia e gravidade dos casos das últimas semanas en función do estado de vacinación, amosando as notables diferenzas neste aspecto.

Non se difundiron máis detalles por comunidades autónomas, pero este venres a Xunta expuxo outra cifra clave. Tal e como avanzou Praza, na orde na que se instauraba o certificado COVID en locais de hostalaría, a Consellería de Sanidade detallou a porcentaxe de persoas non vacinadas ingresadas en coidados intensivo. "Segundo os datos de que se dispón en Galicia, a porcentaxe de persoas non vacinadas entre os ingresados nas unidades de críticos é de máis do 65%", di Sanidade, isto é, 2 de cada 3. Esta alta porcentaxe contrasta co apenas 16,5% da poboación (incluíndo os menores de 12 anos, cun risco moi pequeno de desenvolver formas graves da enfermidade), que aínda non está vacinada.

Con estes datos, a Consellería de Sanidade lembra que "no grupo de 12 a 34 anos, o risco de ingreso é 14 veces máis elevado ca nos vacinados; no grupo de idade de 35 a 64 anos o risco é 18 veces máis elevado, e no grupo de 65 e máis anos é de 9 veces máis, pero tamén teñen 9 veces máis risco de falecemento".

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas