Xoves 28 Marzo 2024

Mortes por calor extrema en Galicia: a partir de 26 graos na Coruña fronte a 36 en Ourense

Un estudo do Instituto Carlos III revela un limiar de 34 en Lugo e 30 en Pontevedra, frente ao máximo estatal de Córdoba con 40

As altas temperaturas e o aumento da mortalidade son dous factores que cada vez están máis relacionados debido ao progresivo aumento da intensidade e frecuencia das vagas de calor, relacionadas cos efectos do cambio climático. Varios estudos epidemiolóxicos mostran un aumento significativo da mortalidade por riba dun determinado limiar térmico. Isto significa que a partir de certa temperatura, aumenta o risco de mortalidade asociada coa calor nunha localización concreta.

Neste contexto, o Plan Nacional de actuacións preventivas dos efectos do exceso de temperaturas sobre a saúde de 2022, publicado polo Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), determina que o limiar máximo de temperatura máis baixo de toda España é o da Coruña, onde a partir dos 26 graos aumenta a posibilidade de morte asociada coa extrema calor. No resto das capitais galegas o límite é notablemente máis alto, como é o caso de Ourense, con 36 graos, Pontevedra con 30 graos e Lugo con 34. A máxima española sitúase en Córdoba, Málaga e Sevilla, onde o risco aumenta cando se superan os 40 graos.

Publicidade

Entre o 10 e o 18 de xullo de 2022 en Galicia houbo ata 84 mortes asociadas coa calor, 81 delas de maiores de 75 anos

Cabe salientar que A Coruña é a única capital de provincia que baixa dos 30 graos. Os seguintes limiares máis baixos tamén se atopan no norte do país, con Asturias, Bizkaia, Gipuzkoa e Pontevedra situadas, precisamente, nos 30 graos. O limiar máximo aumenta en Cantabria, ata chegar aos 32, mentres que Navarra se sitúa nos 36, igual que Ourense. Chama a atención que este limiar é incluso máis alto que o de Madrid, que se sitúa nos 34 graos. Unha temperatura máxima coa que coincide Lugo, así como outras capitais españolas, como son Álava, Burgos, Cuenca, Huesca, Murcia, Salamanca, Segovia, Soria, Valencia e tamén Ceuta.

Estes datos demostran que as temperaturas extremadamente altas inciden directamente sobre a saúde e que, en cada vez máis casos, poden chegar a causar a morte derivada, sobre todo, de enfermidades cardiovasculares e respiratorias. De feito, nas últimas vagas de calor rexistráronse cifras altas de mortalidade asociada á temperatura máxima e, tendo en conta que os expertos indican unha tendencia en aumento da temperatura nos próximos anos, estes datos débense ter en conta.

Segundo cifras publicadas no rexistro da Unidade de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) do Instituto de Salud Carlos III de Madrid (ISCII) sobre a mortalidade notificada, observada, esperada e atribuíble a temperatura; no período entre o 10 o 18 de xullo de 2022 en Galicia houbo ata 84 mortes asociadas coa calor. Estes datos tamén revelan que 81 dos falecidos foron persoas maiores de 75 anos e que 55 delas foron mulleres. Polo tanto, durante a última vaga de calor houbo un maior risco de mortalidade en persoas maiores e, especialmente, en mulleres.

En que se basea o limiar de temperatura?

Segundo indica o Plan Nacional de actuacións preventivas dos efectos do exceso de temperaturas sobre a saúde de 2022, o criterio para establecer os limiares de referencia baséase nas temperaturas “de disparo” da mortalidade máximas en base ás máximas e mínimas para cada unha das 52 capitais de provincia españolas e aquelas zonas isotérmicas que estean dispoñibles. A asignación destas temperaturas baseouse en series temporais de máximas e mínimas proporcionadas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e en series de mortalidade por causas orgánicas nos municipios de máis de 10.000 habitantes do Instituto Nacional de Estadística (INE).

Limiares máximos e mínimos das capitais de provincia. Crédito: ISCIII

O obxectivo de Sanidade de analizar e controlar a mortalidade é o de mellorar a capacidade de prevención e de resposta no futuro, neste caso, en próximas vagas de calor. Neste ano, o limiar máximo detectado foi en Córdoba, Málaga e Sevilla con 40 graos. Neste contexto, en Andalucía, durante a vaga de calor, rexistráronse un total de 114 mortes atribuíbles á temperatura. Outra zona española cun limiar bastante alto é Estremadura, onde Badaxoz e Cáceres teñen ambas unha máxima de 38 graos. Nesta comunidade, rexistráronse 76 mortes por extremas temperaturas durante a onda de calor.

Galicia, pola súa parte, ten o limiar máximo máis baixo de toda España, con 26 graos na Coruña. De feito, o número de mortes asociadas á vaga de calor na provincia foron 21 persoas, cifra moi alta tendo en conta que a temperatura máxima da comunidade galega en verán non adoita superar os 30 graos na maioría de provincias. Estes datos demostran a baixa tolerancia á calor que ten a poboación galega, en comparación con outras comunidades onde están máis habituados a experimentar temperaturas por riba dos 40 graos.

Os riscos das altas temperaturas

Dende o Ministerio de Sanidade indican que durante los períodos de temperaturas excesivas e ondas de calor aumentan, en termos xerais, tanto a mortalidade como o número de ingresos hospitalarios. Isto débese a que as altas temperaturas incrementan os niveis de ozono e outros contaminantes do aire que agravan enfermidades cardiovasculares e respiratorias. Así mesmo, os niveis de pole e outros aeroalérxenos son máis elevados con altas temperaturas, o que pode desencadear episodios de asma.

A partir dos 37 graos prodúcese unha reacción fisiolóxica de defensa no noso corpo

O Ministerio de Sanidade alerta de que a calor pode provocar unha resposta fisiolóxica insuficiente do sistema termorregulador e pode alterar as nosas funcións vitais cando o organismo é incapaz de compensar as variacións de temperatura corporal. Unha temperatura moi elevada produce perda de auga e electrólitos, necesarios para o funcionamento dos órganos. Normalmente un individuo san toleraría unha variación da súa temperatura interna de aproximadamente 3 graos, sen que as súas condicións físicas e mentais sexan alteradas. Porén, a partir dos 37 graos, prodúcese unha reacción fisiolóxica de defensa no noso corpo.

As temperaturas extremadamente altas son causa directa dun incremento de mortalidade sobre todo en persoas maiores. Isto débese a que teñen reducida a sensación de calor e, polo tanto, a capacidade de protexerse, esencialmente cando sofren enfermidades neurodexenerativas. A isto súmase a situación dos anciáns. Tal e como indican as cifras publicadas en MoMo, ata 751 mortes foron atribuíbles ás altas temperaturas que sufriu en España durante a pasada vaga de calor.

Programa de atención de persoas máis vulnerables

O número de noites e días calorosos e das ondas de calor fixéronse máis frecuentes nas últimas décadas e, segundo indica o último informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), continuarán aumentando ao longo deste século. En España, as previsións do aumento das temperaturas é incluso maior que no resto de Europa. Por este feito, o Ministerio de Sanidade lanza anualmente un Plan de Actuacións Preventivas coa fin de paliar os efectos do exceso da temperatura sobre a nosa saúde. Este documento indica as accións previstas para a prevención e control, estruturadas segundo o risco alcanzado como consecuencia do incremento das temperaturas; información preditiva sobre temperatura ambiental e sobre os cambios cuantitativos da mortalidade asociados a sobreexposición á extrema calor, así como recomendacións e consellos para a poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.