Avalia-t, garantía do valor das novas tecnoloxías sanitarias

A unidade integrada en Acis informa da toma de decisións para incorporar innovacións ao sistema de saúde galego

Membros do equipo da Unidade de Asesoramento Científico-Técnico Avalia-T. Foto: Víctor Bustelo.

Dende o ano 1999, Galicia conta cunha unidade encargada de avaliar as novas tecnoloxías que son susceptibles de incorporarse ao sistema sanitario galego e rastrexar os avances que se están a producir neste terreo ante a posibilidade de ter que analizalos. A Unidade de Asesoramento Científico-Técnico (Avalia-t) que actualmente depende da Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis) dá soporte cara á incorporación dos novos avances tecnolóxicos en campos moi diversos da sanidade revisando a mellor evidencia dispoñible.

A xefa de servizo da unidade, María José Faraldo, explica que as novas tecnoloxías só deben incorporarse ao sistema sanitario se existe un estudo previo sobre elas que avalíe a súa idoneidade. “A avaliación é un proceso multidisciplinar sistemático e transparente encamiñado a valorar as novas tecnoloxías en comparación coas existentes. Inclúe aspectos clínicos e tamén aspectos económicos, organizativos éticos ou sociais”, indica Faraldo.

As novas tecnoloxías só deben incorporarse ao sistema sanitario se existe un estudo previo que as avalíe

As innovacións que deberán ser avaliadas teñen unha natureza moi diversa xa que poden consistir en novos métodos de diagnóstico, terapias, dispositivos e equipos médicos, fármacos, métodos de rehabilitación e prevención ou modelos de sistemas organizativos. En cada caso, a unidade procura o asesoramento dos profesionais máis axeitados.

Despois dun longo camiño iniciado en 2018 o regulamento europeo sobre avaliación de tecnoloxías sanitarias está a piques de aprobarse. A regulación supón unha cooperación permanente entre os países da UE para avaliar conxuntamente as innovacións sanitarias dende o punto de vista clínico. O obxectivo final é que a cidadanía europea poida beneficiarse o antes posible das mellores tecnoloxías do ámbito da saúde. A entrada en vigor dunha normativa europea neste ámbito é un paso moi importante xa que permitirá reducir considerablemente os trámites para a incorporación das innovacións sanitarias nos distintos países.

As innovacións que deberán ser avaliadas teñen unha natureza moi diversa

As novidades a estudar por parte de Avalia-t proceden na súa maioría do plan de traballo anual da Red Española de Agencias de Evaluación de Tecnologías Sanitarias (RedETS), financiado polo Ministerio de Sanidad, que dá cobertura ás necesidades de avaliación do sistema nacional de saúde. As tecnoloxías avaliadas a nivel autonómico proceden da Comisión Asesora para a incorporación de tecnoloxías ao sistema sanitario público de Galicia, que fai chegar propostas que proceden das sete áreas sanitarias galegas.

Detecta-t e biblioterapia

Ademais, Avalia-t conta cun sistema chamado Detecta-t (no que se integran ata 32 especialidades) que serve para identificar as tecnoloxías chamadas emerxentes, que poderían incorporarse no futuro ao sistema e sobre as que é de interese contar con todos os datos posibles antes da súa avaliación.

A unidade tamén traballa na elaboración de guías e outros produtos baseados na evidencia científica para clínicos e para a cidadanía. Entre os proxectos que tiveron máis eco na sociedade atópase Biblioterapia, que foi desenvolvido por Acis en colaboración con profesionais do sistema sanitario galego e que contou co financiamento do laboratorio Lundbeck para a compra dos libros.

Entre os proxectos que tiveron máis eco na sociedade atópase a biblioterapia

A idea xurdiu durante o desenvolvemento da guía de práctica clínica para o manexo da depresión infantil e xuvenil. Na mesma as familias participantes expuxeron o interesante que sería dispor de lecturas dirixidas tanto ás familias como aos máis novos para entender mellor e aprender a xestionar este tipo de trastornos. Na actualidade existe unha base de datos de libros de auto-axuda relacionados con diferentes temáticas do ámbito da saúde mental, dispoñibles nas bibliotecas das sete áreas sanitarias. O seguinte paso será ampliar esta listaxe con novas lecturas recomendadas.

Pritectools e repositorio Covid-19

Outro dos proxectos desenvolvidos dende a unidade é Pritectools, unha ferramenta web que axuda a establecer prioridades tanto nas tecnoloxías a incorporar aos sistemas sanitarios como nas tecnoloxías obsoletas (é dicir, que hai que retirar dos sistemas). É unha ferramenta multicriterio na que se introducen as características das tecnoloxías e das condicións de saúde ás que van dirixidas, e a ferramenta ordénaas de maior a menor importancia para o sistema. Pritectools é utilizada polo Ministerio de Sanidad para decidir as tecnoloxías a avaliar dentro dos plans de traballo anuais da RedETS. A versión web atópase actualmente en probas pero agárdase que estea operativa antes de final de ano.

Agárdase que a versión web de Pritectools estea operativa antes de final de ano

Outro dos proxectos emprendidos nos últimos tempos tivo relación coa pandemia do Covid-19. Avalia-t colaborou co servizo de avaliación de Canarias (SESCS) para alimentar un repositorio de evidencia sobre esta enfermidade. Deste xeito podía seguirse dunha forma sinxela as publicacións sobre a Covid-19 clasificadas por temas (epidemioloxía, microbioloxía, manexo da enfermidade…). O repositorio podía atoparse dentro da páxina do Covid-19 da Consellería de Sanidade.

Faraldo conclúe que o obxectivo principal da unidade é dar resposta ás diversas necesidades de avaliación existentes no sistema de saúde galego e tamén traballar de xeito coordinado con outras unidades semellantes en toda España, a través de RedETS para dar cobertura ao sistema nacional de saúde no seu conxunto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.