Sábado 20 Abril 2024

Unha aplicación galega para ‘activar’ o desenvolvemento motriz desde a infancia

O proxecto de científicos das universidades de Vigo e Santiago medirá o grao de adquisición de habilidades que contribúen a un estilo de vida activo

Aprender a moverse, a correr, saltar ou lanzar unha pelota correctamente durante a infancia pode resultar clave para que as persoas leven un estilo de vida máis activo e saudable na etapa adulta. De aí a importancia que ten a correcta adquisición e desenvolvemento, durante a infancia, das chamadas habilidades motrices básicas, eixo do proxecto de investigación que levará a investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Santiago de Compostela a traballar no deseño dunha aplicación informática que permita avaliar o grao de desenvolvemento destas habilidades en nenos e nenas.

“Existe un nexo de unión entre un estilo de vida saudable e canto de ben se desenvolvesen esas habilidades motrices básicas na infancia”, sinala Ezequiel Rey, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e membro do grupo de investigación Remoss, do que tamén forma parte o docente da USC Cristian Abelairas, integrante así mesmo do grupo Clinirsud, da USC. Ambos exercen como investigadores principais neste proxecto, seleccionado na convocatoria Retos de la sociedad, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, do que tamén forman parte o coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala, e a tamén investigadora do grupo Cristina Varela, xunto coa profesora da USC Carmen Neiro e Geno Rodríguez, investigador do grupo Esculca da institución compostelá.

Publicidade

A alfabetización motriz, entre os 2 e os 9 anos

O proxecto ten como punto de partida o concepto de “alfabetización motriz”, un proceso análogo ao da aprendizaxe dunha lingua. O “piar básico” desa alfabetización constitúeno as chamadas “habilidades motrices básicas, os patróns fundamentais de movemento que temos todos os humanos que non padecemos ningunha patoloxía”, explica Rey. Habilidades como camiñar, correr, saltar, agarrar ou lanzar, que, engade este investigador “non adquirimos polo mero feito de cumprir anos, senón grazas á práctica, ao xogo libre, ás clases de educación física, a unha instrución cualificada e a utilización dun material didáctico adecuado” e se agrupan á súa vez en tres grandes grupos; as locomotrices, “que son as que nos permiten desprazarnos polo espazo”, as manipulativas, “todas aquelas que implican o control de obxectos móbiles”, e as de estabilidade, “aquelas que nos permiten manter ou recuperar o equilibro”.

O proceso de alfabetización motriz é semellante ao da aprendizaxe dunha lingua, mediante a práctica

Entre os 2 e os 9 anos sitúase a etapa “na que máis capacidade temos de lograr aprendizaxes motrices que logo perduren ao longo da nosa vida” e na que os nenos e nenas aprenden estas habilidades “e as perfeccionan ata alcanzar un estadio de madurez”, sinala Rey. De aí que este proxecto poña o foco na infancia, xa que o correcto desenvolvemento destas habilidades contribuirá a xerar “actitudes positivas cara o exercicio físico”. Pola contra, aqueles e aquelas que non as adquiran correctamente “probablemente terán actitudes negativas” cara actividades que impliquen, por exemplo, correr, saltar ou lanzar unha pelota, á vez que terán maiores dificultades á hora de integrarse no xogo infantil. Deste xeito, sinala este investigador, é máis probable que estes nenos e nenas opten por “ocupar o seu tempo de ocio con outro tipo de alternativas que probablemente sexan máis inactivas”, o que á súa vez “ten unha transcendencia sobre a vida adulta, na que é máis probable que esta persoa teña problemas de saúde asociados á inactividade física polo mero feito de que ninguén lle ensinou a moverse ben”.

De aí que o propósito deste proxecto sexa contribuír a traballar na mellora desas habilidades motrices “desde as idades máis temperás”, dotando ao profesorado de Educación Física dunha ferramenta que permita avaliar esas habilidades e, en consecuencia, “programar actividades para a súa mellora”, cando sexan necesarias.

Desenvolvemento da aplicación

“Un dos piares básicos para a mellora destas habilidades é a súa avaliación, coñecer cando se alcanza un grao de mestría, cando se pode considerar que un neno se move correctamente e outro non”, apunta Rey. De aí que a primeira fase deste proxecto, de tres anos de duración, estea centrada nunha “revisión exhaustiva da literatura científica ao respecto” para coñecer que tipo de probas poden empregarse para esta avaliación. O seguinte paso será definir unhas serie de probas que permitan, “dun xeito rápido e áxil”, avaliar e cuantificar o grao de desenvolvemento destas habilidades, para finalmente trasladalas a unha aplicación informática que poida ser empregada por profesorado de primaria nas aulas. “Permitiríalle levar un rexistro e ver a efectividade dos seus programas”, á vez que faría posible a detección daqueles casos de nenos e nenas aos que sería necesario “proporcionar un reforzo nalgunhas habilidades clave”, tendo en conta ademais que “cada unha delas desenvólvese cunha práctica específica”, explica Rey.

Unha vez desenvolta esta aplicación, que, como apunta este investigador, podería ser tamén de utilidade para os técnicos que traballan con escolas deportivas de base, a última fase do proxecto centrarase en pór a proba este sistema “cunha mostra representativa de escolares galegos”. Esta avaliación, apunta Rey, permitirá á súa vez extraer unha serie de conclusións respecto das “idades óptimas de desenvolvemento de cada unha das actividades” e polo tanto, do momento no que “a intervención debería ser practicamente imperativa”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É mellor facer exercicio pola mañá ou pola tarde?

Estudios científicos suxiren que a actividade física vespertina é mellor para a saúde cardiovascular e para controlar o azucre

O solo pelviano, a musculatura esquecida: “Non somos conscientes de como se contrae”

A incontinencia urinaria ou a dor nas relacións sexuais son algúns dos síntomas derivados de non fortalecer esta parte do corpo

Exercicio na casa sen metas milagreiras

Facer deporte no fogar pode ser boa idea para manter a forma, pero é preciso ter coidado cos resultados extraordinarios que prometen as redes sociais

“A expresión corporal mellora a saúde física e psicolóxica das persoas con cancro”

A investigadora da UVigo Noemi Sanmartín experimentou durante cinco anos cun programa de exercicios con pacientes oncolóxicas