Bárbara ten 31 anos e sente angustia de que Galicia deixe de ser verde. Que o fresco e a chuvia que caracterizan a súa terra sexan arramplados por vagas de calor que non son soportables nin baixo a sombra amable dun carballo. As consecuencias das actividades do ser humano que estragan o planeta están chegando moito máis rápido do que a ciencia se esperaba e as mensaxes que recibimos diariamente son catastróficas: temos microplásticos nos pulmóns, estamos vivindo a época máis quente dende que existen rexistros, os científicos recoñecen que “entramos en territorio descoñecido” polo aumento da temperatura do mar e a propagación de virus potencialmente mortais en Europa será unha realidade nos próximos anos. A resposta emocional ante unha ameaza real que pon en perigo o futuro do planeta chámase “ecoansiedade” e cada vez cobra máis protagonismo no ámbito da psicoloxía, máis un día como este martes, o Día Mundial da Saúde Mental.
Segundo a Asociación de Estudos Psicolóxicos e Sociais, o 11% da poboación española sofre ecoansiedade de maneira severa. A psicóloga Melina Sinopoli explica que é unha síndrome, é dicir, un conxunto de síntomas que non afecta a todas as persoas por igual nin se manifesta coa mesma ansiedade. A xuventude é a poboación máis afectada porque é unha xeración máis sensible ao medio ambiente e á natureza. “A mocidade adoita experimentar un sentimento de traizón cara ás xeracións anteriores por non frear a deriva climática. Pero sen súbida, o síntoma máis significativo é un gran sentimento de impotencia por pensar en todo o que ocorre e non podes controlar”, continúa. O cambio climático xa é un dos problemas de saúde máis graves ao que se enfrentan os gobernos mundiais. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), entre 2030 e 2050 o cambio climático causará unhas 250.000 mortes ao ano debido á malnutrición, paludismo, diarrea e estrés calórico.
Sara ten 29 anos e vive en Pontevedra. Cando vai á praia é consciente de que non hai nin a metade de fauna e flora que vía cando era pequena. “Son moi pequena e o problema é moi grande. E non hai marcha atrás. Intento racionalizar, pero sinto angustia por algo do que non teño control“. A psicóloga Sinopoli explica que a ecoansiedade pode abarcar síntomas diversos: trastornos do sono como pesadelos e insomnio, perda de apetito, dores físicas, irratibilidade, ira, tristeza, angustia, sentimento de culpabilidade por non facer o suficiente polo planeta, desesperación, medo polo medio ambiente e medo ao fin da nosa propia existencia. Pon de exemplo os incendios forestais en Galicia e outro tipo de desastres naturais e que a auga estea contaminada ou, directamente, desaparezca. Poden xurdir tamén tensións nas relacións sociais, o que leva á soidade e ao illamento.
“A mocidade adoita experimentar un sentimento de traizón cara ás xeracións anteriores por non frear a deriva climática”
MELINA SINOPOLI, psicóloga
“Nada do que fas, nin reducir residuos, nin reciclar, nin mercar no mercado de segunda man, nin te duchar rapidamente gastando a mínima cantidade de auga posible parece útil para salvar o planeta do seu inexorable final“, apunta Sinopoli. Na actualidade, a tipoloxía das mensaxes que máis se difunden nos medios de comunicación e nas redes sociais van relacionadas ca calor. En só nove días, Galicia bateu dous récords históricos por calor en máis de setenta concellos. É outubro e o tempo outonal aínda non se deixou ver. Este acontecemento sorprendeu os científicos que intentan explicar que é o que está pasando para que ás veces non se poida predicir o tempo. Sobre a calor récord de setembro, a científica climática do Imperial College de Londres Friederike Otto alegou: “Non é unha cifra meteorolóxica, é unha sentenza de morte para os ecosistemas“.
Informarse si, pero con cautela
Estes son algunhas das informacións que se difundiron nos medios de comunicación nos últimos tempos: sete dos nove umbrais que permiten a vida no planeta xa foron sobrepasados; a actividade humana podería estar mudando o ritmo de rotación da Terra; a Sociedade Española de Epidemioloxía advirte da relación entre cambio climático e zoonoses; xa hai varias especies extintas polo cambio climático e segundo un informe do Fondo Mundial para a Natureza (WWF polas súas siglas en inglés), a poboación de animais silvestres caeu nun 69% en medio século; o quecemento do subsolo pon en perigo edificios e estruturas. Esta última información foi unha das últimas que leu Bárbara: “Penso en que se tivese fillos, nos meus sobriños, en que mundo imos vivir”. A psicóloga explica que ler todo este tipo de informacións “pode levar a un proceso de toma de conciencia de forma profunda e, como consecuencia, a responder ante a ameaza climática coa ecoansiedade”.
“Hai especialistas que atoparon similitudes entre os sentimentos experimentados nas fases do dolo, neste caso, ante a morte da vida na terra”
MELINA SINOPOLI, psicóloga
Para Sinopoli, hai que empezar poñendo o foco en que unha persoa non pode asumir toda a responsabilidade. “Hai especialistas que atoparon similitudes entre os sentimentos experimentados nas fases do dolo, neste caso, ante a morte da vida na terra”. Na súa opinión é importante moderar as expectativas do impacto que a título individual pode ter unha persoa e realizalas igualmente sen caer na desesperanza. “A mensaxe que temos que transmitir na infancia e adolescencia é a de esperanza, traballando o amor e respecto por todas as formas de vida e a natureza”. Esta posición axudará a non caer en depresión ou na pasividade, para fortalecer a resiliencia e desenvolver estratexias de regulación emocional para previr as crisis de ecoansiedade. Tamén, tomar un descanso das redes sociais e a prensa funciona para protexerse, á vez que se aposta por realizar actividades na natureza. “Participar do activismo ambiental é unha excelente maneira de non caer na pasividade e combater o sentimento de soidade e impotencia”. De non conseguir reducir o malestar, é necesario acudir a unha terapia psicolóxica para axudar a lidiar coa ecoansiedade. Sinopoli agarda que, nos vindeiros anos, aparecerán en consulta moitas persoas afectadas por esta síndrome.














