É unha evidencia: os microplásticos están en todas partes. En marzo detectábanse por primeira vez no sangue. E agora un equipo de investigadores da Universidade de Hull, en Reino Unido, descobren pequenas partículas deste material nas seccións máis profundas dos pulmóns. Os efectos deste fenómeno aínda son descoñecidos, pero é unha cuestión cada vez máis investigada e con máis interese científico. Segundo o portal de noticias ScienceAlert, consumimos, de media, 74.000 partículas de plástico ao ano.
No que respecta ao estudo, os investigadores atoparon 39 partículas microplásticas —de polo menos tres micrómetros de tamaño— en 11 das 13 mostras de tecido pulmonar humano que analizaron. Amais disto, apareceron máis dunha docena de diferentes tipos de polímeros, que se atopan en obxectos de uso tan común como bolsas e paquetes, resinas de pintura, estradas, neumáticos ou incluso na roupa que usamos.
Presentes nas seccións inferiores
Outro dos aspectos que salientan da investigación é que, malia que os microplásticos se atoparon en pequenas cantidades, estaban presentes nos pulmóns. E canto máis abaixo se analizaba o tecido pulmonar, maior era a contaminación en xeral. En ScienceAlert, onde se recollen declaracións dos autores do traballo, sinálase que as partículas de plástico eran “inesperadamente grandes”.

“É sorprendente porque as vías respiratorias son máis pequenas nas partes inferiores dos pulmóns, e esperabamos que as partículas destes tamaños se filtraran ou quedaran atrapadas antes de chegar tan abaizo”, sinala unha das autoras, tamén da Universidade de Hull, Laura R. Sadofsky. Amais, ela sinala que estes datos proporcionan “un avance importante” no campo da contaminación do aire, os microplásticos e a saúde humana.
Finalmente, os resultados da investigación suxiren que a inhalación é unha ruta regular de exposición a microplásticos para os humanos, e que podemos estar respirando partículas máis grandes do que se pensaba. “A caracterización dos tipos e niveis de microplásticos que detectamos agora poden servir para os experimentos de exposición en laboratorio co obxectivo de determinar os impactos na saúde”, conclúe a investigadora.
Referencia: Detection of microplastics in human lung tissue using μFTIR spectroscopy (Publicado en Science of the Total Environment)














