Un ano e medio. Ese foi o tempo que unha muller, que presenta unha enfermidade neurodexenerativa, permaneceu prostrada na súa cama. Agora, grazas a un dispositivo de estimulación electrónica que se lle implantou directamente na médula espiñal foi capaz de levantarse e volver camiñar. O avance, que vén da man dun equipo de científicos de Suíza, acaba de ser publicado na revista New England Journal of Medicine. Máis en detalle, o implante é capaz de reactivar as neuronas que regulan a presión arterial —a doenza da paciente fai que as perda—, permitíndolle manterse en posición vertical.
A investigación estivo liderada por Jocelyne Bloch, neurocirurxiá do Hospital Universitario de Lausana, e por Grégoire Courtine, neurocientífico da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL). O seu equipo, do centro NeuroRestore, xa ocupou espazo mediático en febreiro, cando saíu á luz outro dos seus estudos na revista Nature. Nese caso, os científicos suízos conseguiran que tres doentes con parálise volveran camiñar grazas a implantes eléctricos na médula espiñal.
A enfermidade provoca a perda das neuronas que regulan a presión arterial
A atrofia multisistémica
O implante é semellante ao que se lle colocou a esta paciente, a primeira doente de atrofia multisistémica de tipo parkinsoniano (MSA-P) que se somete a este procedemento. Agora, ela xa é capaz de camiñar ata 250 metros. Segundo explican na Agencia SINC, a súa enfermidade afecta a varias partes do sistema nervioso, incluíndo o sistema nervioso simpático. É máis, a súa doenza fai que se perdan as neuronas que regulan a presión arterial, provocando que descenda de maneira moi drástica cando os pacientes se colocan en posición vertical. O problema tamén se coñece como hipotensión ortostática. Polo tanto, as persoas que teñen esta enfermidade ven a súa calidade de vida moi reducida, posto que deben permanecer en posición reclinada. Ademais, a doenza pode acurtar a súa esperanza de vida.
Impulsos eléctricos na médula
En relación ao implante, este funciona a base de electrodos conectados a un xerador de impulsos eléctricos que se adoita empregar para o tratamento da dor crónica. Ao implantalo na médula, o equipo de investigadores constararon que o organismo melloraba a súa capacidade de regular a presión arterial. Isto permitiu que a doente pasara máis tempo en posición vertical e que, incluso, puidese comezar a fisioterapia para volver camiñar. De feito, para Bloch, isto abre un camiño por explorar en todo o relativo aos avances clínicos no tratamento das enfermidades neurodexenerativas.
A tecnoloxía estaba inicialmente pensada para o alivio da dor
“Xa vimos como este tipo de terapia se pode aplicar a pacientes cunha lesión medular. Agora podemos explorar as aplicacións no tratamento das deficiencias derivadas da neurodexeneración. É a primeira vez que conseguimos mellorar a regulación da presión sanguínea en persoas que presentan MSA”, salienta unha das directoras do estudo.
O outro líder da investigación, Courtine, indica que este tipo de tecnoloxía estaba pensada, inicialmente, para o alivio da dor. “Xunto á nosa empresa Onward Medical pensamos en desenvolver un sistema dirixido especificamente á hipotensión ortostática que poida axudar a persoas de todo o mundo afectadas por este trastorno”, concluíu o investigador en declaracións recollidas pola Agencia SINC.
Referencia: Implanted System for Orthostatic Hypotension in Multiple-System Atrophy (Publicado en New England Journal of Medicine)