Un xuíz advirte ao Sergas de erros reiterados na diagnose de torsión testicular

A Xunta anuncia que revisará os protocolos asistenciais e valora impartir formación específica aos profesionais sanitarios

O maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra condenou ao Sergas a indemnizar a un paciente con 35.000 euros por unha deficiente asistencia sanitaria practicada no Punto de Atención Continuada (PAC) de Silleda, onde se errou na diagnose da torsión testicular que sufría. O fallo provocou que días despois, no hospital de Santiago de Compostela, os profesionais tivesen que extirparlle un testículo infartado e necrosado. Na sentenza, o xuíz advirte que, na elaboración do fallo, puido comprobar que no sistema sanitario público galego “ao parecer estanse producindo con reiteración nos centros de saúde ou nos PAC erros de diagnose sobre este tipo de doenza, coas mesmas consecuencias fatais que as do caso aquí examinado”.

Segundo informou a Consellería de Sanidade, o Sergas lamenta as consecuencias deses casos puntuais e asume as responsabilidades que se establezcan para cada un deles. En relación coas torsións testiculares, “a Consellería analizará a incidencia dos erros advertidos na senteza e revisará os protocolos asistenciais para melloralos no caso de que sexa necesario”. Asimesmo, dende Sanidade están a valorar a posibilidade de impartir formación específica sobre esta doenza aos profesionais do sistema sanitario galego.

Publicidade

Cinco casos idénticos en catro anos

O xuíz pon como exemplos “supostos idénticos” ao analizado no fallo sobre os cales se pronunciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, condenando ou ratificado condenas indemnizadoras por mala praxe médica en ata cinco sentencias, producidas dúas delas neste 2024 e as outras nos anos 2021, 2022, 2023 respectivamente.

Ademais, o maxistrado acordou remitir unha copia da sentenza á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), pertencente á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, “a fin de que proceda a revisar os protocolos e formación do persoal dos centros de saúde e PAC para evitar ou reducir estes erros no diagnóstico”.

Publicidade

No informe indica que a doutora que atendeu ao derradeiro paciente concluíu que a causa da dor radicaba nunha inflamación por distinta causa. O xuíz afirma que, neste caso, incorreuse en mala praxe. Así, sinala que, tal e como explicou o perito, cando un paciente novo acode a urxencias con dor de testículo, a primeira patoloxía que hai que descartar, por ser a máis probable, é a torsión testicular.

Carencia de medios

A mellor maneira de comprobalo, segundo explica na sentenza, é mediante unha ecografía Doppler. No caso de que o PAC carecera de medios para practicala, asegura, a doutora debeu remitir “con carácter de urxencia ao paciente ao hospital de referencia para que se lle realizase dita proba”. O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra afirma que a perda de oportunidade é “evidente”, pois na consulta realizada en Silleda non había indicios de edema nin necrosamiento no testículo: “Moi probablemente a torsión produciuse pouco antes”.

O xuíz incide en que unha cirurxía urxente houbera salvado o testículo con gran probabilidade. Ata o de agora a sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe