Xoves 22 Febreiro 2024

Abonda un peche de cinco días para conter o brote da Mariña?

Expertos e Sanidade coinciden en que é probable unha extensión da medida e insisten na necesidade de extremar as precaucións na comarca

O peche temporal, durante cinco días, de 14 concellos da comarca da Mariña despois do aumento de casos de Covid-19 nos últimos días abriu numerosas interrogantes, acrecentadas pola proximidade das eleccións autonómicas que se van celebrar o vindeiro domingo 12. Aínda que a Consellería de Sanidade e os responsables do Sergas contemplan a posibilidade de estender o peche, a evolución do brote nos vindeiros días marcará as decisións que se tomen. Desde o anuncio da medida, o domingo pola mañá, o debate arredor da situación da comarca foi gañando protagonismo nas conversas en Galicia.

Cal é a situación?

Na mañá do luns, a Consellería de Sanidade confirmou 22 novos casos positivos de Covid-19 na comarca da Mariña. o que elevaba a 128 o número total desde o 23 de xuño. Porén, 9 persoas xa superaron a infección, polo que os casos activos son 119 (son 143 en total na área de Lugo). A maioría dos casos son asintomáticos ou síntomas leves, e catro persoas están ingresadas no hospital da Mariña en relación ao brote. Con todo, é de agardar que os resultados das probas pendentes e a realización de novas análises incremente as cifras a pesar do peche.

Publicidade

A de Lugo é, desde o sábado, a área sanitaria (coincide coa provincia) que máis casos activos rexistra en Galicia, toda vez que aumentou o número de curacións nas áreas da Coruña e Vigo, as máis poboadas. Así está a situación respecto a este indicador.

Pola súa parte, o Ministerio de Sanidad publicou de novo este luns a súa serie diaria, despois da interrupción da fin de semana. En atención a estas cifras, Galicia diagnosticou na última semana 118 casos de Covid-19 (27 deles con síntomas), cifra que ascende a 158 nas últimas dúas semanas. A incidencia de toda Galicia segue sendo inferior á media de España, pero en Lugo a cifra xa é superior, só comparable ás zonas que tamén viviron ou están vivindo nos últimos días importantes brotes en Aragón, Cataluña ou Navarra.

Revisión diaria da situación e o peche

Na mañá do luns, tanto o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, aclararon que o prazo de cinco días marcado pola Xunta de Galicia é un horizonte suxeito a revisión en función da evolución dos casos. “Nós pensamos que o asunto non é tanto cuantitativo como cualitativo”, explicou Fernández-Campa na Radio Galega. O xerente do Sergas expuxo que a situación podería complicarse “se detectamos algún caso máis fóra do ámbito das persoas que xa están vixiadas e en corentena, é aí onde temos a maior preocupación”. Deste xeito, avanzou que é posible un aumento de casos entre as persoas “que xa están illadas e baixo vixilancia”, pero que ao aplicar estas restricións “dificilmente puideron transmitir o virus a outras” e, polo tanto, sería menos preocupante.

Pola súa parte, nunha entrevista á Cadena Ser, Jesús Vázquez avanzou que “a idea é continuar” co peche da Mariña alén do venres, data que marcou como “un período de revisión”. Sobre a decisión de establecer marxes máis curtas do habitual nestes casos, expuxo Vázquez que “estamos restrinxindo a liberdade de movementos dos cidadáns”, polo que se contempla levantala en canto sexa posible, ao tempo que desvinculou a medida das eleccións. “Creo que non é unha decisión electoral, os técnicos consideran que é o mellor”. E avanzou que, cos datos dos que se dispoñían na mañá do luns, “non pensamos que sexa necesario” o confinamento nos domicilios da poboación da Mariña.

Sobre a duración do peche falou tamén o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, na comparecencia do luns. “Hai que combinar varias variables: cinco días é un período no que se ten que seguir de forma moi estreita e con moito coidado a evolución, e entendo que se ten que decidir ao cuarto ou quinto día se hai que estender este período, pero é unha decisión que teñen que tomar as comunidades autónomas”. “A miña percepción é que a valoración se ten que facer con moito coidado”, concluíu.

Con todo, algúns expertos apuntan, recoñecendo a “boa decisión” de pechar a comarca, que se debería ir máis alá. É o caso de Saúl Ares, investigador do grupo de Bioloxía de Sistemas do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC e experto na predición matemática de dinámicas de epidemias. “Vendo a evolución dos últimos días, é posible que haxa unha parte de asintomáticos non controlados, polo que habería que actuar tamén sobre a transmisión local, con medidas máis estritas dentro da Mariña”, expón o científico.

Ares ve unha posible influencia do calendario electoral na decisión. “Non se pode dicir que está baseado en criterios exclusivos de saúde pública, porque o período debería ser máis longo en todo caso; hai persoas que comezan a desenvolver síntomas despois de 6 ou 7 días de incubación, ás veces incluso máis, e o prudente sería prever, de primeiras, un marco temporal máis amplo. Os efectos das restricións non se ven ata que pasan case dúas semanas”, apunta.

Estas son as medidas para o peche da Mariña debido ao brote da Covid-19

O epidemiólogo Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, cre que a decisión de pechar A Mariña está xustificada pola posible existencia de casos sen trazar: “Cando ante un brote ten que procederse a confinamentos ou peches de territorios é porque o número de cadeas de casos incrementouse moito en pouco tempo, e resulta difícil localizar a todas as fontes de infección, debido á existencia de ‘casos cegos’ sen rastrexabilidade. Esta debe ser por tanto a situación, e neste momento deben estar facéndose moitos test PCR en diferentes colectivos para tratar de controlar o brote”, valora Gestal, que tamén se remite a evolución do brote nos próximos días para contemplar a posible extensión das medidas.

Neste sentido, tanto Gestal como Ares inciden en extremar as precaucións, tanto na Mariña como na comarcas próximas, tal e como expuxo o Goberno de Asturias no occidente do Principado. “A situación no resto de Galicia é boa”, destaca Gestal, aínda que expón que “nas comarcas limítrofes é lóxico tomar precaucións”. Saúl Ares advirte, pola súa parte, que cómpre “actuar con firmeza” se xorden casos nas comarcas limítrofes.

Máis preparados

Aínda que o risco de transmisión comunitaria segue presente, todas as voces coinciden en sinalar que tanto o sistema sanitario como a propia sociedade están máis preparados para frear a propagación do SARS-CoV-2. “Hai que ver tamén o lado bo, a pesar da lóxica preocupación que xeran estes brotes. Nestes meses aprendemos que hai que levar máscara, manter a distancia física, evitar aglomeracións, ser estritos coa hixiene… Isto leva a confiar en que o crecemento sexa máis lento do que puidera ser en marzo”, aclara Saúl Ares.

A celebración das eleccións, prevista para o domingo 12, abre tamén un escenario complexo, debido á colisión entre os criterios de saúde pública e o dereito ao sufraxio. A Xunta de Galicia avanzou que as persoas infectadas co SARS-CoV-2, ou á espera de resultados, non poderán votar de forma presencial, aínda que deixa a porta aberta a que os contactos estreitos si poidan ir votar coas precaucións debidas. Con todo, Juan Gestal expón as súas dúbidas: “Non creo que se autorice que acudan a votar nin a formar parte das mesas electorais aos contactos estreitos dos casos, que deben estar en corentena, e moito menos os casos activos que deben estar illados, nin tampouco os que estean de alta se non pasaron os días de corentena establecidos”, di.

O profesor emérito da USC aclara, con todo, que “outra cousa é a poboación non afectada, que pode ir votar ou formar parte das mesas electorais sen problemas, e sempre cumprindo coas normas establecidas de levar máscara, manter a distancia de seguridade e facer con frecuencia a hixiene de mans. De todos modos a autoridade sanitaria ditará as normas procedentes que deban cumprirse”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade