A adolescencia –hoxe máis longa que nunca– é un risco en si mesma. Contén un virus que os parasita a eles e a elas. É o virus do corpo que descobre a súa condición de sexuado e que se fai presente en forma de imperativo: Goza! Non se pode ignorar, ninguén é inmune a el e fai falta todo un percorrido para xerar anticorpos.
Freud usou unha metáfora moi esclarecedora para ilustrar o impasse da puberdade: están no medio dun túnel escuro e deben cavar dúas saídas ao mesmo tempo. A que lles converterá en membros dunha sociedade adulta na que levar a cabo os seus proxectos e aqueloutra que lles permitirá subxectivarse, elixir unha parella ou unha maneira propia de obter a satisfacción sexual.
Momento de experimentar
A primeira saída é a que os adultos lles lembramos decote, aínda que a que lles preocupa máis é a segunda, porque para esa andan máis curtos de referencias. Hai moitos influencers para axudarlles a elixir profesión, empezando polos propios pais, pero non hai tantos que os orienten coa sexualidade. Entre outras cousas porque, a diferenza das matemáticas ou a historia, que se poden ensinar, a experiencia da sexualidade non se pode transmitir. Como a propia palabra indica, só se pode experimentar e iso empeza sempre de novo para cada un e cada unha. Hai clases de sexoloxía, pero iso non garante que o que se ensine poida replicarse como modelo.
Por iso, os mozos e mozas confían neles mesmos e refúxianse no grupo para esas iniciacións, as sexuais e outras (consumos, aventuras, transgresións). O grupo produce a ilusión dun saber compartido e alivia a angustia da soidade diante das metamorfoses da puberdade. Aquí, nin sequera os seus influencers máis destacados teñen moito que dicir. Por iso as súas especialidades (xogos, moda, libros, música) mantéñense afastadas da sexualidade.
O verdadeiro risco da rapazada
Cada un e cada unha ten que domesticar ese corpo que non para de enviarlles sinais de tensión. Muscúlano, tunéano, intoxícano, manipúlano, e mesmo o abandonan deixándoo tirado. Ese é o verdadeiro risco vital das adolescencias.
Por que debe preocuparlles o coronavirus, se eles xa teñen o seu propio ‘virus’, co que loitan día a día? Como pensar en distanciarse daqueles cos que poden recoñecerse, autoafirmarse, vivir de maneira “auténtica”? Como se considera iso un problema se xustamente esa é a súa solución?
Unha das súas principais armas son as ilusións que se crean e que alimentan. Esas fantasías son operativas porque lles axudan a comprender o mundo (e o seu) e lles permiten trazarse obxectivos. Hainas de varios tipos e, xunto ás que van dando forma ao presentimento que todos teñen, de que un día serán adultos e terán as súas propias cousas, hai tamén outras que poden deixalos atrapados no túnel.
A fantasía da invulnerabilidade
Unha desas fantasías é a da invulnerabilidade, a crenza de que eles, pola súa condición, estarían a salvo dos límites que impón o corpo (degradación, enfermidades, capacidades). Iso empúxaos ás chamadas condutas de risco. Que ademais, no caso do coronavirus, moitos sexan asintomáticos non fai outra cousa que confirmar na súa tese.
Outra ilusión é que os límites impostos derivan dunha norma encarnada polos adultos (pais/nais, goberno, sanitarios) e, por tanto, posible de transgredir. Descoñecen así que o virus impón as súas propias leis, e que o fai de maneira implacable e sen negociación nin transgresión posible.
A terceira ilusión é que o contaxio non pode vir do familiar (amigos, coñecidos, familiares) xa que se trata dun ente estranxeiro que só os estraños poderían portar.
Claves para protexerse e protexer
É certo que non todos os mozos ignoran as medidas de protección: hai moitos que si que as respectan. Seguramente aqueles que menos apoio atopan no grupo para resolver as súas dúbidas sobre como abordar a nova realidade sexual que lles acosa. Eles e elas aceptan mellor o distanciamento porque esa era xa antes a súa fórmula de transitar a adolescencia. E a distancia dálles máis tempo para pensar as respostas.
Pero como animar ao resto para protexerse, a eles e á súa contorna?
En primeiro lugar, sabendo que é máis importante o lugar desde onde se escoita algo que o contido do que se di. Igual que os adultos, os adolescentes escoitan a aqueles aos que supoñen algún saber, aos seus influencers. Por iso, as mensaxes preventivas deberían tomar en conta iso e promover contactos seguros. Aceptar un ‘non’ require primeiro recibir un ‘si’: si aos lazos, non á irresponsabilidade.
En segundo lugar, hai que ter presente que os contidos deben apuntar non á normativa senón a producir efectos de responsabilidade vinculados a outros (amigos, familia) para os que os seus actos poderían ter consecuencias graves. Unha sorte de empatía polos máis vulnerables.
En terceiro lugar, é clave visibilizar social e mediáticamente – influencers mediantes– os efectos graves que a Covid-19 ten tamén entre algúns mozos.
Finalmente, e para cando falle o anterior –porque sabemos que non todo é educable e que non todos consenten renunciar á súa satisfacción– existen as sancións e a vixilancia. A súa irresponsabilidade, a diferenza dos que a xustifican co seu cinismo, é unha falsa saída temporal.
* José Ramón Ubieto Pardo é proesor colaborador dos estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación na Universitat Oberta de Catalunya.
Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.