Xoves 18 Abril 2024

Estas son as medidas para o peche da Mariña debido ao brote da Covid-19

Levar máscara "en todo momento", limitacións de aforos e reunións semellantes á fase 2 e atención preferente a maiores de 65 anos, son algunhas das normas

O Diario Oficial de Galicia publicou unha orde na tarde do domingo na que establece en detalle algunhas das medidas de prevención indicadas a raíz do peche de 14 concellos da comarca da Mariña despois do brote detectado o pasado 24 de xuño, que xa suma máis de 100 casos confirmados de infección polo SARS-CoV-2 e arredor dun milleiro de contactos en corentena.  Nas últimas horas do domingo, debido a que o peche da zona entraba en vigor á medianoite, permitiuse aínda o tránsito de entrada e saída de persoas na comarca. Pola súa parte, o Goberno de Asturias pediu este domingo “extremar a vixilancia” debido ao brote detectado no norte de Lugo, “de maneira moi especial” nas áreas sanitarias de Jarrio e Avilés, no noroeste do Principado, pola mobilidade existente entre estas zonas e A Mariña.

Na orde, a Consellería de Sanidade, expón que “de acordo co informe sobre a situación epidemiolóxica no distrito sanitario da Mariña a raíz do abrocho de Covid-19, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xullo de 2020”, a situación exixe “a adopción, con urxencia, de medidas de prevención específicas neste distrito sanitario, formado polos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, para facer fronte ao abrocho e garantir a súa contención”.

Publicidade

Ademais das medidas xa indicadas con anterioridade (corentena para os positivos e para os contactos), a distancia social, a hixiene de mans e respiratoria ou uso de máscaras, achéganse novidades con esta orde. Estas son algunhas das decisións:

Duración

As medidas limitan a entrada e saída de persoas do ámbito territorial determinado polos devanditos concellos a partir da medianoite do 5 ao 6 de xullo. Aínda que Sanidade avanzou que o peche terá unha duración de cinco días desde a súa entrada en vigor, a orde di que “as medidas recollidas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”, o que abre a porta a cambiar a duración do peche de acordo á situación epidemiolóxica.

Excepcións ao peche

A orde establece permiso para entrar e saír da Mariña polas seguintes razóns:

1º) Desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a prestación laboral, profesional ou empresarial, incluíndo o transporte, a prestación de servizos, o comercio e as actividades empresariais e económicas.

2º) Retorno ao lugar de residencia habitual.

3º) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

4º) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

5º) Calquera outra actividade de análoga natureza.

Do mesmo xeito, poderase atravesar A Mariña a través de autovías e outras vías de comunicación “cando se trate de mobilidade con orixe e destino fóra del, sempre e cando non comporte a mobilidade fóra destas vías”.

Limitacións de capacidade

  • Velorios e enterros: limitación 25 persoas ao aire libre e 10 en espazos pechados. Comitiva do sepelio cun máximo de 25 persoas, ademais do oficiante da cerimonia.
  • Lugares de culto: Máximo do 50% da capacidade, que deberá estar especificada en número nun lugar visible. Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
  • Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís: nos lugares de culto, segundo o indicado no punto anterior. As celebracións que puidesen ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do servizo nestes establecementos. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas en espazos pechados.
  • Establecementos e locais comerciais, centros e parques comerciais, locais de hostalaría, bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, eventos culturais e deportivos etc.: non poderán superar o 50% da súa capacidade, aínda que se establecen medidas específicas para cada sector que se poden consultar no DOG.
  • Outras reunións: limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación

Uso de máscara

Será obrigatoria en practicamente todas as situacións. Isto abrangue tamén aos locais de hostelería e comerciais, agás no momento do consumo. Exceptúase o uso no momento de realizar unha actividade física ou deportiva ao aire libre ou instalacións pechadas, sempre que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal, baixo a responsabilidade do deportista e do titular da instalación. Do mesmo xeito, exceptúase o seu uso nas praias e piscinas exclusivamente no momento do baño.

Eleccións

A proximidade das eleccións autonómicas, que se celebrarán o domingo 12, fixo necesario aclarar na orde “que as limitacións á mobilidade previstas nesta orde non poden afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o de sufraxio, polo que se considerará en todo caso xustificada a entrada ou saída do ámbito territorial delimitado para o exercicio deste dereito”, di o texto.

Neste sentido, e de acordo ás medidas específicas para contactos estreitos, estas “non impiden tampouco o exercicio do dereito fundamental de sufraxio, por considerarse, evidentemente, unha causa xustificada para a saída do domicilio, sen prexuízo de que deban cumprirse as medidas de seguridade establecidas e, en particular, o uso de máscara cirúrxica en todo momento, e a saída se limite ao tempo estritamente necesario para o exercicio deste dereito ao voto”, polo que se deduce que se permitirá o voto presencial aos contactos, aínda que non para as persoas infectadas pola Covid-19 na comarca (o domingo había 99 casos activos). Para estes efectos, a Consellería de Sanidade cursará as oportunas instrucións para que esta cuestión se aclare nas comunicacións que teña o Centro de Seguimento de Contactos do Servizo Galego de Saúde con estas persoas.


O resto das medidas poden consultarse en detalle nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade