Venres 19 Abril 2024

A volta ás aulas coa Covid-19: distancia, ventilación e poucos alumnos para reducir o risco

As evidencias crecentes sobre a transmisión do SARS-CoV-2 por aerosois expoñen que o comezo do curso pode aumentar as infeccións

A apenas dúas semanas de que o curso escolar bote a andar, as incertezas seguen sendo moitas diante da volta ás aulas no medio da pandemia do coronavirus. A alta incidencia acumulada de casos de Covid-19 en Galicia e España, as diferentes estratexias propostas en cada país e mesmo en cada comunidade autónoma e as dúbidas sobre a capacidade de propagación do SARS-CoV-2 nos nenos e nenas expoñen un panorama complicado para boa parte da sociedade. Hai un acordo maioritario en que o comezo do curso ten que ser presencial, e non a distancia, para facilitar a aprendizaxe de todos e cada un dos alumnos e alumnas e pola necesidade de garantir a conciliación familiar e laboral. Pero que din as investigacións realizadas ata agora sobre o risco de contaxios no ambiente escolar?

A transmisión por aerosois

A situación sen precedentes causada polo alcance mundial do novo coronavirus nun planeta máis conectado ca nunca e a gran cantidade de información que está circulando desde o comezo da pandemia están xerando confusión na cidadanía respecto a diversos asuntos. Un deles é o da transmisión do virus por aerosois; é dicir, partículas virais que poden quedar durante horas suspendidas no aire en estancias pechadas, sobre todo se non se ventila ben.

Publicidade

Pero a Covid-19 pode contaxiarse polo aire ou non?

Desde os primeiros casos da pandemia quedou claro que a transmisión de persoa a persoa mediante o contacto directo (ao falar sen distancia de seguridade, ao tusir ou esbirrar, por exemplo) a través de pequenas pingas respiratorias era evidente. Pero non foi así no caso dos aerosois. En xullo a Organización Mundial da Saúde comezou a abrir a porta á posibilidade de que os aerosois eran tamén moi relevantes. Foi despois dunha carta publicada en xullo por dous expertos e avalada por outros 239 científicos na que se insistiu en que a transmisión por pingas ou por fómites (obxectos) non explica suficientemente todos os contaxios, propoñendo un modelo de dispersión do virus en espazos pechados.

O risco dos espazos pechados

A análise dos brotes que sucederon durante a chamada “desescalada” amosan patróns comúns: acumulación de persoas en espazos reducidos, moitas veces pechados, e, na maioría dos casos, relaxación das medidas de protección. Ao non usar máscara, non manter a distancia interpersoal de 1,5 a 2 metros, e falando en voz alta ou berrando, o risco increméntase notablemente. Son aspectos, por tanto, a ter en conta na volta ás aulas.

Nunha análise publicada polo British Medical Journal, onde se inclúe unha táboa de niveis de risco en función do uso ou non de máscara, a ventilación do espazo, a densidade de persoas no mesmo, o nivel de comunicación oral que se establece entre elas e o tempo de contacto, vese que a situación máis acaída para o contaxio do coronavirus xorde nun escenario  como o mencionado no parágrafo anterior. E o risco segue sendo importante na situación na que estarán as aulas nas que entrará o alumnado e o profesorado en Galicia e no resto de comunidades autónomas desde mediados de setembro.

O protocolo avanzado pola Consellería de Educación eleva ata 25 o número máximo de alumnos por aula, coa obrigatoriedade de manter un mínimo de 1 metro de distancia e o uso de máscara en todo momento a partir dos seis anos. Así, o ‘semáforo’ que amosa o British Medical Journal expón un risco medio ou alto en parte das situacións con alta densidade de persoas en espazos pechados durante tempo prolongado e, canto menos, falando entre elas, aínda que se utilice a máscara.

O ‘semáforo’ que mide o risco de que te infectes coa Covid-19

A distancia

As recomendacións nas aulas galegas falan de 1 metro, pero a distancia está lonxe de ser garantía de protección contra un posible contaxio. O mesmo texto do British Medical Journal lembra que o comité científico que asesora ao goberno británico na crise (SAGE) estima que o risco de transmisión a 1 metro increméntase de 2 a 10 veces en comparación aos dous metros. Con todo, salientan que estas cifras poden verse afectadas polas condicións ambientais (maior ou menor humidade), a ventilación e, o comportamento das persoas e, como é lóxico, o uso de máscara.

Baixa incidencia

No marco da preparación para a posible chegada de novas ondas, as análises coinciden en que cómpre manter unha incidencia baixa do virus para garantir a seguridade nas aulas, tal e como lembraba unha analise de Juan Ignacio Pérez en The Conversation.

Así, segundo unha información de Nature que abordaba a volta ás aulas en diversos países, as investigacións realizadas ata o momento constatan que, nos lugares nos que a transmisión comunitaria era baixa, a apertura das escolas non causou brotes de tamaño considerable. Pola contra, en áreas de alta incidencia e con poucas medidas de prevención (menciónase o caso dun brote en Georgia, Estados Unidos), as probas detectaron o SARS-CoV-2 en ata o 75% dos participantes nun campamento de verán.

1 comentario

  1. Boas tardes, son Mónica, mestra de quinto e sexto de primaria nunca escola pública.
    Uso os vosos textos na aula de maneira regular, adaptándoos un pouco ao nivel dos pequenos. Felicítovos pola vosa labor. Sodes un referente claro e fiable dentro desta sociedade de desinformación.
    Atrévome a pedirvos, agora que temos o protocolo e que as circunstancias son as que son, un artigo científico dirixido aos nenos e nenas e adolescentes para aprender a coidarse e coidar de todos dentro da aula, do cole e da comunidade.
    Moitas grazas por todo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade