Se os datos se len en bruto, os 285 casos de Covid-19 sumados este mércores en Galicia segundo a Consellería de Sanidade (o Ministerio de Sanidad informou que se diagnosticaran 171 casos no día previo pero engadiu 326 á serie desde o comezo da pandemia) supoñen a meirande cifra desde que comezase a baixar o cumio da curva a principios de abril. Pero as comparacións con aquelas datas precisan contexto: nese momento, e tal e como constataron máis tarde os estudos de seroprevalencia, só se estaban detectando arredor do 10% de todas as infeccións. As estimacións actuais, segundo palabras de Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), é que se localizan máis do 60% dos casos reais que causa a Covid-19. Por tanto, as cifras reais de marzo e abril, como xa se apuntara nun primeiro momento, serían en realidade moito maiores ca na actualidade.
Con todo, o escenario non deixa de ser preocupante. Despois de máis de dous meses sen ningunha morte, Galicia suma 14 falecementos en 20 días, e algúns brotes, como o da residencia do Incio, afectan a persoas maiores cun maior risco de desenvolver formas graves da doenza. E outro dos indicadores, o dos hospitais, segue medrando, aínda que a carga asistencial segue sendo pequena no que respecta ao virus.
Do mesmo xeito, e despois de que a chamada “desescalada” aumentase a mobilidade e, con ela, o risco de contaxios, o comezo do curso escolar sementa moitas incertezas cara ás vindeiras semanas. Pero como está a situación a tal hora, tendo en conta a evolución recente? Cales son os brotes que preocupan? Como evoluciona cada área sanitaria?
Canta xente está afectada?
Desde que comezou a pandemia, e segundo as cifras da Consellería de Sanidade, 15.517 contraeron a infección por mor do SARS-CoV-2 ata o 25 de agosto. Delas, faleceron 633, curaron 12.086 e mantéñense como casos activos 2.798. Así se distribúen por cada área sanitaria:
Mais non todos están desenvolvendo síntomas. Por exemplo, segundo o Ministerio de Sanidade, só 167 dos 1.558 casos diagnosticados na última semana en Galicia iniciaron síntomas neste tempo; é dicir, pouco máis do 10% do total de positivos detectados. Nos últimos 14 días, son 2.583 os casos confirmados, 386 deles con síntomas. Porén, e ante a posibilidade de que as persoas que sexan asintomáticas ou presintomáticas poidan ter capacidade de contaxio, as autoridades insisten en cumprir coa corentena que indiquen os profesionais sanitarios.
Desde o comezo da pandemia, Sanidade detectou 15.517 casos de Covid-19 en Galicia
Neste punto, é salientable que Galicia é unha das comunidades autónomas que detecta unha maior porcentaxe de infeccións nos que a Covid-19 non manifesta síntomas. Segundo o último informe semanal do Instituto de Salud Carlos III, o 71,3% dos casos desde o 10 eran asintomáticos, o que podería gardar relación (hai que ter en conta máis factores) cunha detección precoz máis efectiva para impedir a propagación dos brotes e a transmisión comunitaria do virus. No conxunto de España, a porcentaxe de persoas asintomáticas baixa ata o 45,2, caendo ata o 21% en Madrid.
En relación á detección precoz das posibles cadeas de transmisión, o maior número de probas PCR (o martes foi o día con máis análises desde o comezo da pandemia, con 4.604) está facendo aflorar un maior número de positivos. Con todo, Galicia segue por baixo da media de España en canto á taxa de PCR realizadas por cada 1.000 habitantes: 113,93 fronte a 124,2.
O 70% dos casos detectados en Galicia desde o 10 de maio non presentan síntomas
Pola súa parte, os datos do Ministerio reducen a 13.081 a cifra de casos totais en Galicia desde o comezo da pandemia, xa que exclúen nesta clasificación os positivos detectados a través doutras probas que non sexan PCR nin de detección de anticorpos IgM mediante técnicas de laboratorio. É dicir, non se inclúen aquí os positivos detectados, por exemplo, mediante as probas rápidas de anticorpos, que podían amosar, por exemplo, que unha persoa que xa curou pero que desenvolveu anticorpos fronte ao novo coronavirus. Estas persoas si que se inclúen como curadas no informe diario de Sanidade, mais é posible que non chegaran a figurar como casos activos.
De novo, unha incidencia menor
Dos datos de Sanidad despréndese que, como na primeira gran onda, varias comunidades amosan de novo unha incidencia acumulada menor cá media de España. Galicia é unha delas, xunto a Asturias, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias ou Extremadura. Á espera das análises que poidan explicalo, e que poden ter tamén en conta variables sociais, demográficas ou xeográficas, parece patente que o impacto da Covid-19 volve ser menor en Galicia. Así, o presidente da Xunta apuntou este mércores a que a situación seguía sendo “menos mala” ca noutras partes de España.
A análise dos casos detectados e dos estudos de seroprevalencia na primeira gran onda da pandemia apuntaron a que Galicia era unha das comunidades que máis infeccións detectaba respecto ao total das infeccións, o que indicaría que a incidencia real en comparación co resto de comunidades autónomas é aínda máis baixa.
Porén, nas últimas semanas a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes nos anteriores 14 días triplicouse, pasando do 30,23 do 12 de agosto ao 95,68 deste mércores 26, medrando a maior ritmo que a media de España.
Os brotes
Na súa comparecencia do mércores, o presidente da Xunta de Galicia fixo mención concreta a varios brotes que preocupaban especialmente ao comité clínico, aínda que os informes diarios de Sanidade non achegan datos sobre cada un deles, e son os propios municipios e cada unha das xerencias das áreas sanitarias as que achegan a información.
Ademais da transmisión comunitaria na área da Coruña, onde os datos dos últimos días apuntan cara a unha remisión das infeccións, Feijoo nomeou a situación en Monforte de Lemos, Melide, a residencia do Incio ou a provincia de Ourense, con varios brotes activos. Alén da transmisión na Coruña, que deu pé a centos de casos, destacan os surtos trazados na residencia do Incio (113 casos), Monforte de Lemos (89), Melide (57), Santa Comba (28), Lugo (28), Culleredo (15) ou Viana do Bolo (15).
Segundo os criterios de Sanidad, considérase brote calquera agrupación de tres ou máis casos nos que se puidera establecer un vínculo epidemiolóxico, excluíndo os que afectan a convivintes nun mesmo domicilio. E o 76%, segundo os últimos datos do Ministerio, teñen menos de 10 casos. Por tanto, en situacións como a da Coruña, onde a transmisión comunitaria do virus impide establecer o vínculo nunha importante parte dos casos detectados, non se pode cuantificar con exactitude o número de afectados. Esta situación provocou a posta en marcha do cribado voluntario na área metropolitana coruñesa, e estendeuse a poboacións como Melide debido ao elevado número de contactos dalgunhas das persoas afectadas.
A maioría deles vincúlanse ao ámbito social, a raíz de encontros en locais de ocio, reunións familiares e de amigos. Outra das causas máis habituais detrás destes surtos é a de familias que viven en distintos domicilios, ou ben os mixtos, que se definen como os focos nos que a transmisión se despraza do edio familiar a outros, como o laboral ou social, e viceversa. En menor medida están os surtos laborais e os de centros socio-sanitarios.
Os hospitais
Un dos indicadores que preocupa ás zonas con poboación de maior idade, como Galicia, é a posible sobrecarga asistencial nos hospitais polo aumento de casos nos que a infección se complica. Desde hai uns días, o Ministerio de Sanidad tamén informa, ademais dos novos ingresos, da capacidade e a actividade dos centros en cada comunidade. Nos últimos sete días ingresaron nos hospitais de Galicia 98 persoas, nove delas na UCI, por mor da Covid-19.
No referente á ocupación de camas, o 1,5% do total en Galicia estaban este mércores con pacientes de coronavirus fronte ao 5,5% da media de España. En Madrid ou Aragón a porcentaxe supera o 13%.
Tal e como informou o Sergas, hai 13 pacientes en UCI e 84 noutras unidades de hospitalización, o que supón menos do 4% dos casos activos. A pesar do aumento das últimas semanas desde o mínimo do 1 de xullo, cando só había tres persoas hospitalizadas con coronavirus, a cifra segue moi lonxe dos peores momentos da primeira onda, sendo semellante á de mediados de maio.
Pensei que eran mais rigurosos coa información: momean os brotes e olvídanse do Concello de Vilamarín, que niste momento xa ten 18 casos e nomean, sen embargo Culleredo e Viana do Bolo que teñen menos casos. No mapa nen aparece.
Creo que lerei outro xornal para informarme. Non hai forma de atopar datos rigurosos nesta pandemia, cando non é a manipulación é a desinformación ou directamente a opacidade mais absoluta.