Sábado 20 Abril 2024

As vacinas e a saúde pública erradican a polio en África

A OMS constata a desaparición do poliovirus salvaxe no continente despois de que pasaran catro anos desde o último caso en Nixeria

Parece unha doenza doutro tempo, pero en Galicia aínda viven os coñecidos como nenos e nenas da polio: no tempo de penurias da posguerra, infectáronse co virus que causa a poliomielite, unha doenza que pode xerar parálise ao afectar ao sistema nervioso central. A enfermidade leva décadas desaparecida en boa parte do planeta, e esta semana acadouse un novo fito, ao anunciar a Organización Mundial da Saúde que o poliovirus salvaxe desapareceu de África, despois de catro anos desde o último caso, detectado en Nixeria en 2016. É o segundo virus que desaparece do continente desde a eliminación da varíola hai 40 anos.

“Hoxe é un día histórico para África. A Comisión Rexional Africana para a Certificación da Erradicación da Poliomielite (ARCC) ten o pracer de anunciar que a rexión cumpriu con éxito os criterios ao non notificarse ningún caso do virus desde hai catro anos” dixo a presidenta da comisión Rose Gana Fomban Leke. 

Publicidade

Hai pouco máis de 20 anos, máis de 75.000 nenos e nenas africanas (a infección prodúcese, sobre todo, na infancia) ficaban coas súas extremidades paralizadas pola polio, o que dá conta do gran esforzo de saúde pública, a través das campañas de vacinación e vixilancia. Estímase que desde 1996 se conseguiron salvar mediante estas accións 180.000 vidas, e impediuse que 1,8 millóns de nenas e nenos desenvolveran parálises.

Naquel ano, os xefes de Estado do continente comprometéranse a erradicar o virus durante un encontro da Organización da Unión Africana. Foi entón cando o presidente de Suráfrica, Nelson Mandela, co apoio do Rotary International, liderou a campaña “Kick Polio Out of Africa”. Á súa chamada, os países involucráronse en campañas de vacinación que chegasen á meirande parte da rapazada.

Co anuncio da OMS, o poliovirus, do que existen trestipos, desaparece da circulación na natureza. Porén, tal e como advirte a organización, o continente segue a experimentar pequenos surtos puntuais en 16 países por mor do poliovirus circulantes derivados da vacina de tipo 2 (cVDPV2), xa que o virus atenuado que inclúe esta vacina pode chegar a infectar a persoas nas poboacións nos que os niveis de vacinación seguen sendo baixos, de aí que continúen os esforzos para estender a cobertura vacinal ao resto da poboación.

“É un marco memorable para África. As futuras xeracións de nenas e nenos poden vivir agora sen medo de contraer o poliovirus salvaxe”, destacou a doutora Matshidiso Moeti, Directora Rexional da OMS para África. “Este feito histórico foi posible grazas ao liderado e compromiso dos gobernos, das comunidades, dos socios mundiais de erradicación da poliomielite e dos filántropos”, engadiu Moeti, que pediu unha “homenaxe especial aos profesionais de saúde e aos vacinadores na liña da fronte, algúns dos cales perderon a vida por esta noble causa”. Insistiu, con todo, en “continuar vixilantes e manter as taxas de vacinación” para “evitar a reaparición do poliovirus salvaxe”.

A Iniciativa Mundial para a Erradicación da Poliomielite (GPEI) conseguiu reducir desde 1988 nun 99,9% os casos da doenza. Trátase dunha alianza público-privada composta por gobernos nacionais; OMS; Rotary Internacional; Centros de Prevención e Control de Doenzas dos Estados Unidos; UNICEF; Fundación Bill e Melinda Gates; GAVI, A Alianza para as Vacinas; e un amplo grupo de institucións.

O virus da polio

A poliomielite é unha doenza moi contaxiosa, transmitida por un enterovirus, principalmente a través da vía fecal-oral ou, menos frecuentemente, de agua ou alimentos contaminados, e multiplícase nos intestinos, de onde pasa ao sistema nervioso e pode causar parálise. Comeza con síntomas como febre, cansazo, dor de cabeza, vómidos, rixidez no pescozo e dor nas extremidades.

Aínda que non hai cura, pode previrse a través da administración dunha vacina sinxela e eficaz por vía oral. Na actualidade, Pakistán e Afganistán son os dous países do mundo onde o polio virus salvaxe segue circulando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Luces e sombras do cribado de cancro de pulmón: “Hai moitos falsos positivos”

O catedrático de Medicina da USC Alberto Ruano cuestiona un procedemento que pode ser moi caro e producir sobrediagnósticos

Estes son os alimentos que conteñen o edulcorante declarado “posiblemente canceríxeno” pola OMS

O aspartamo atópase en miles de produtos que consumimos habitualmente, dende a pasta dentífrica ata as píldoras para a tose

A OMS podería declarar canceríxeno o edulcorante máis usado no mundo, o aspartamo

Os expertos do organismo internacional poderían establecer límites ao uso desta substancia presente en bebidas e lambetadas