“A interacción de radón e tabaco multiplica o risco de cancro de pulmón ata 45 veces”

Juan Miguel Barros, da USC, indica que non hai "evidencia científica firme" da relación do gas con outras doenzas como a leucemia

Galicia é unha das zonas de España con maior exposición ao radón. Un gas incoloro, inodoro e insípido que supón unha ameaza para a saúde. De feito, a exposición prolongada a este gas é un factor de risco á hora de desenvolver cancro de pulmón. Así o recolle a Organización Mundial da Saúde e o ratifica Juan Miguel Barros, o responsable do Laboratorio de Radón de Galicia, adscrito á Universidade de Santiago de Compostela. Pero o científico vai un paso máis alá e declara: “A interacción da exposición do gas co tabaco multiplica o risco entre  25 e 45 veces de padecer cancro de pulmón“.

Segundo indica, só existe “evidencia científica firme” que relacione esta enfermidade coa exposición ao radón. No que respecta a outro tipo de doenzas, como as leucemias e linfomas ou os tumores de encéfalo, Barros insiste en que hai indicios e estudos que abordan esta cuestión, pero que non é posible afirmar —polo menos de momento— que haxa unha asociación directa entre estas enfermidades e a exposición ao propio gas.

Publicidade

O proceso de desintegración

A orixe do radón está na cadea de desintegración do radio, que á súa vez procede do uranio, que se atopa de maneira natural e en cantidades variables na cortiza terrestre. Durante o seu proceso de desintegración, o radón produce unha serie de partículas radioactivas. E é xusto aquí, en Galicia, onde se atopan algúns dos maiores “niveis de contaminación”, tanto nas casas como nos postos de traballo. Isto débese a que esta é unha zona na que están presentes rochas ricas en uranio 238, como é o caso do granito.

Tal e como explica Barros, o radón atópase nos interiores das vivendas, suspendido no ar ou desprazándose segundo as correntes. Como adoita ser máis pesado que o propio aire, é habitual que se atope radón nas zonas baixas dos edificios. Non obstante, as correntes móveno cara aos pisos superiores a través de escaleiras, ascensores ou chemineas. “A contribución das paredes de granito aos niveis de radón en interiores non adoita chegar ao 20% porque a meirande parte del provén do subsolo a través das canalizacións de auga, gretas ou escaleiras”, explica o doutor.

Publicidade

Afondar na cuestión

Sobre todas estas cuestións afondará Barros nun relatorio que se celebrará este 19 de outubro no Museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela. A súa conferencia, titulada Radón e saúde. Implicacións sanitarias, económicas e sociais, comezará arredor das 19,30 horas abordará todas as cuestións relacionadas con este gas. Dende o seu risco para a saúde da poboación xeral como a publicación da nova sección HS6 do Código Técnico da Edificación. Así mesmo, afondará en protocolos, lexislación e posibles solucións fronte ao radón.

A charla de Juan Miguel Barros está organizada pola delegación que o Colexio de Arquitectos de Galicia ten en Santiago. O seu ciclo de conferencias está baseado na arquitectura e na saúde e leva por nome “A Casa Invisible”, no que se analizan aqueles aspectos descoñecidos das vivendas que teñen ver coa saúde e o benestar dentro delas. Aínda que a charla de Barros é de libre acceso, precísase inscrición previa.


Para rexistrarse nos relatorios de “A Casa Invisible” pode premer na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Respirar o fume dos incendios xa é un problema emerxente de saúde pública

Estudos recentes mostran que a exposición prolongada ou intensa aumenta a mortalidade, eleva os ingresos hospitalarios e xera riscos en colectivos como os bombeiros

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

Unha nova tecnoloxía galega predí a resposta ao tratamento contra o cancro de pulmón avanzado

O proxecto do IISGS anticipa cunha análise de sangue se o paciente cun dos tumores máis frecuentes se beneficiará da inmunoterapia

Os numerosos beneficios para a saúde que nos ofrece o peixe a un baixo custo climático

O alimento mariño resulta unha fonte accesible de nutrientes esenciais que impulsa o benestar físico e apoia á sostibilidade