Asocian o uso de psicodélicos a un menor risco de doenzas cardíacas e diabetes

Un estudo publicado por "Scientific Reports" describe unha correlación, mais non causalidade, entre o consumo destas substancias cunha mellor saúde cardiometabólica

Cogomelo da especie Psylocibe mexicana, que contén psilocibina, un dos psicodélicos de orixe natural máis coñecidos. Foto: Alan Rockefeller / CC BY-SA 3.0.
Cogomelo da especie Psylocibe mexicana, que contén psilocibina, un dos psicodélicos de orixe natural máis coñecidos. Foto: Alan Rockefeller / CC BY-SA 3.0.

Desde o descubrimento e síntese de compostos con efectos psicodélicos como o LSD ou MDMA, ou a través de alcaloides presentes en fungos, como a psilocibina, a ciencia explorou durante décadas os seus posibles beneficios na saúde, alén dos xa coñecidos riscos que se derivan do seu uso e abuso sen un control axeitado. Así, estanse a desenvolver ensaios clínicos para avaliar posibles tratamentos contra a depresión con psilocibina, controlar a dor co LSD ou tratar o estrés postraumático con MDMA.

Un novo estudo vén a sustentar os posibles efectos positivos destas drogas psicodélicas, ao atopar unha correlación (que non causalidade) entre unha mellor saúde cardiometabólica e o consumo de psicodélicos clásicos.

O traballo publícao a revista Scientific Reports, do grupo Nature, e usa datos dunha enquisa nacional sobre o uso de drogas desenvolvida entre 2005 e 2014 nos Estados Unidos. Os investigadores, pertencentes a institucións como a Universidade de Oxford, o Imperial College de Londres ou o Instituto Karolinska de Estocolmo, examinaron as asociacións entre o consumo de psicodélicos e o padecemento de enfermidades cardíacas ou diabetes.

O alcaloide dos fungos alucinóxenos amosa bos resultados como antidepresivo

A comezos de 2021, os resultados da enquisa nacional realizada nos EUA amosaron esta correlación, vinculando o consumo recoñecido de psicodélicos cunha mellor saúde xeral autoinformada, menos probabilidades de sobrepeso e de afeccións cardíacas, como a presión arterial alta. Estes datos puxeron sobre a pista aos científicos para afondar nestes vínculos, que se analizan no novo artigo. O vínculo mantívose presente mesmo cando se cruzaron factores como a idade, xénero, estado civil, orixe, nivel de ingresos ou educación.

Posibles explicacións

Sobre as posibles explicacións, os autores postulan que, tal e como é coñecido, a depresión, a ansiedade e a saúde mental en xeral están estreitamente relacionados coa saúde cardiovascular, o que podería fomentar efectos indirectos a partir do uso de psicodélicos.

Podería producirse un efecto simultáneo, xa que os receptores sobre os que actúan os psicodélicos no cerebro están relacionados non só coa saúde mental, senón tamén coa cardiometabólica.

E tamén existen estudos que atribúen a drogas como a ayuahuasca posibles propiedades antiinflamatorias e inmunomoduladoras, vinculadas á súa vez a unha mellor saúde cardíaca.

Os resultados amosan que as persoas que participaron na enquisa e recoñeceron probar polo menos un psicodélico dos considerados ‘clásicos’ (LSD, MDMA, psilocibina, mescalina, ayahuasca ou peyote) tiveron menores probabilidades de padecer enfermidades cardíacas no último ano. Deste xeito, os autores conclúen que o uso destas drogas podería ser beneficioso para a saúde cardiometabólica, aínda que advirten que serían precisos máis estudos para investigar a causalidade non confirmada entre os dous factores, como ensaios clínicos ben controlados, con dobre cego, aleatorizados e con placebo”.

Entre outras limitacións, os científicos advirten que o deseño usado no estudo “limita a inferencia causal” e advertir da presenza de “variables latentes” non incluídas no conxunto de datos e que non puideron ser controladas. “Por exemplo -din os autores- un factor común que predispón aos enquisados ao uso de psicodélicos clásicos podería predispoñelos igualmente a comportamentos de vida saudables asociados a unha mellor saúde cardiometabólica”. Por outra banda, o estudo ten tamén limitacións sobre o contexto do uso de psicodélicos, a dose utilizada ou a frecuencia de uso, polo que a análise non puido avalialas.

Ademais, “a dirección da posible causalidade é descoñecida”,declarou Otto Simonsson, investigador da Universidade de Oxford e primeiro autor do artigo. “Non sabemos se o uso de psicodélicos está impactando na saúde cardíaca, ou é ao revés”, aclaran os expertos.


Referencia: Associations between lifetime classic psychedelic use and cardiometabolic diseases (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.