Os tractores, unha anécdota en Galicia ata os anos 60

Bruno Esperante, historiador e profesor da Universidade Complutense de Madrid, analiza a motorización do agro galego entre o 1939 ata o 2000

O historiador Bruno Esperante

Falar da introdución e difusión do uso dos tractores é falar da transformación da agricultura, da motorización das tarefas do campo, de economía e de emprego; mais tamén é falar de estrutura social e de cultura. Un calidoscopio que analiza o historiador e profesor da Universidade Complutense Bruno Esperante Paramos, poñendo o foco no que ten acontecido en Galicia, unha comunidade agrogandeira de pequenos propietarios e traballo familiar entre os anos 1939 e 2000. Unha análise que non perde de vista o marco referencial do Estado e dos países europeos da contorna.

Os tractores non foron máis cunha anécdota en Galicia ata a década dos 60 do pasado século, 10 anos máis tarde que noutras áreas do país onde comezaran a chegar pouco a pouco e baixo a supervisión do Estado, sinala Esperante Páramos, experto en Historia agraria e innovación e cambio tecnolóxico na agricultura.

A adquisición desta maquinaria non era libre, os potenciais compradores tiñan que pedilo a través do Programa Oficial de Adxudicación de Tractores (POAT). A Ditadura franquista —autárquica por ideoloxía e necesidade, sen capacidade de producir  ou importar equipamentos, illada e fóra da recuperación da Europa democrática post 1945— priorizou a agricultura de cereal, oliveira, arroz ou remolacha azucreira do centro e sur peninsular e deixou de lado comunidades agrogandeiras como a nosa.

“A adquisición non era libre, os potenciais compradores tiñan que pedilo a través do Programa Oficial de Adxudicación de Tractores (POAT)”

BRUNO ESPERANTE, historiador

Esperante exemplifica esta realidade co caso de Antonio Fabeiro, galego con terras e cartos suficientes para comprar un tractor que no ano 1959 escribíalle ao ministro de Agricultura nestes termos: Hay rumores que salvo usted lo ordene, no hay tractores para Galicia.

Anuncio de tractores
Anuncio de tractores

Na década dos 60 iníciase a recuperación da maltreita economía española e con ela o país comeza a fabricar e importar tractores, e outros equipamentos mecánicos e tecnolóxicos que axudan a redefinir o traballo no campo e a aumentar a súa produtividade.

Porén, en Galicia, cunha poboación empobrecida e coas súas estruturas agrarias cooperativas arrasadas pola ditadura, os labregos non podían facer fronte a un gasto individual tan grande, o que, unido á conxuntura internacional, propiciou un importante mercado de tractores de segunda man. Foi ao abeiro deste mercado por onde a “tractorización” entrou con forza na nosa terra.

Para  Bruno Esperante hai dous períodos que supuxeron un salto cualitativo na historia do agro galego: por unha banda o 1970-1986 (incorporación á Unión Europea) “cando os tractores entraron en masa en Galicia, pasando da escaseza ao sobreequipamento”. Tal como recolle o seu traballo La motorización de una agricultura atlántica y ganadera de pequeños propietarios, no ano 1960 en Galicia había 407 tractores censados, o que representaba o 0,77% do total do Estado; no 1970, xa eran 10.744, o 4,35%; e no 1981, o rexistro recollía 59.380, o que equivalía ao 11,35% do total. 

Un cambio tecnolóxico e cultural

Foi neste momento cando o agro galego vive, ademais dun cambio tecnolóxico, un cambio cultural. A posesión dun tractor e outros equipamentos supoñen o paso de labrego-propietario a gandeiro-empresario. Unha recategorización ligada ao prestixio social e a conceptos como modernidade, innovación ou rendibilidade.

Por outra banda, está o período 1990-1994 “coincidindo coa aplicación das cotas lácteas que supuxo a reconversión do sector”. Un cambio que levou por diante moitas explotacións, ao tempo que melloraba a competitividade doutras adaptadas aos parámetros comunitarios.

 “A posesión dun tractor e outros equipamentos supón o paso de labrego a gandeiro-empresario, unha recategorización ligada ao prestixio social e á modernidade”

BRUNO ESPERANTE, historiador

Malia que neste momento se deixan de mercar tractores en masa, paralelamente fóronse xerando novas liñas de negocio, unha delas vencelladas aos propios tractores e a maquinaria agrícola especializada. Como explica Bruno Esperante, hoxe en día Galicia é punteira na creación de empresas de servizos agrarios, como o aluguer de maquinaria a outras rexións, por exemplo, Castela e León ou Estremadura, cunha agricultura de traballadores asalariados na que os propietarios non invisten en equipamentos de alto custo.

Cada vez é máis común nas explotacións gandeiras galegas, engade o historiador, esta sucesión: “Os pais compraron tractores nos anos 80 do pasado século; os fillos nos 2000 alugan a terceiros a maquinaria como complemento dos ingresos, e eles ou a terceira xeración crean empresas de servizos agrogandeiros independentes”.


Referencia: La motorización de una agricultura atlántica y ganadera de pequeños propietarios: La difusión de tractores agrícolas en Galicia, 1939-2000 (Publicado en Historia agraria)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.