Defendido e odiado, o eucalipto é hoxe unha especie chave do noso sector forestal e supón o 26% de todas as árbores que hai en Galicia, se falamos de existencias, segundo o último Inventario Forestal Nacional de 2011 do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Entre os argumentos a favor ou en contra desta especie que chegou a Galicia, posiblemente xa no século XVIII, xurdiron nas últimas décadas algunhas crenzas que hoxe queremos desmontar ou confirmar coa axuda de Manuel Marey, catedrático na área de Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O eucalipto foi importado desde Australia con fins ornamentais e medicinais. Nos pazos e nas casas señoriais a naturalización dos espazos no século XIX estaba de moda e a árbore empezou a plantarse nos xardíns das familias con alto poder adquisitivo e tamén nos xardíns e parques públicos. Era unha peza exótica, rara. Daqueles tempos quedan algunhas testemuñas como os que atopamos hoxe na Alameda de Santiago de Compostela o no Souto da Retorta en Viveiro onde se encontra o Avó de Chavín, o que é considerado un dos de maior envergadura de Europa.
O eucalipto foi importado desde Australia con fins ornamentais e medicinais
O comezo do seu uso industrial foi posterior, asegura Marey: “A xente tende a pensar que chegou aquí directamente para as plantacións forestais ou cun interese relacionado co ferrocarril e aí confúndese coa acacia que foi a árbore empregada. Os primeiros que utilizaron o eucalipto desde o punto de vista industrial, segundo os rexistros que existen, foron os enxeñeiros de minas para construír as galerías subterráneas. Esa é a súa orixe, chegou aquí por temas paisaxísticos, formando parte de xardíns nos pazos ou parques públicos. Un dos máis interesantes é o Eucalyptus deglupta ou arco da vella polas súas cores, por exemplo”.
Eliminador doutras especies?
Falar de eucalipto é falar de centos de especies, por iso, asegura o científico, non podemos asocialo cunha forma concreta, a súa morfoloxía pode ser moi variada, nin podemos dicir que é unha especie de crecemento rápido porque non todas o son. “Ten diferentes usos, hai especies inútiles para a industria. O que si que é certo é que, as que seleccionaron, que son as que máis coñecemos aquí, o Globulus e o Nitens, demostraron a enorme plasticidade que pode chegar a ter esta árbore, é dicir, a súa capacidade para adaptarse a diferentes solos e diferentes climas”, explica Manuel Marey.

Segundo o catedrático da USC tamén é incorrecto pensar que se trata dunha árbore con efecto eliminador doutras especies ou que seque o solo. “Na estrada de Vegadeo a Lugo había plantacións e os gandeiros foron adquirindo esas terras para os cultivos que precisaban e as producións son exactamente as mesmas que en terreos onde nunca houbo eucalipto. Esa é unha proba. O problema son as colleitas sucesivas, sobre todo se se retiran todos os restos vexetais. Iso pode provocar un problema de fertilidade do solo, pero como acontecería con outro cultivo. O solo ten a súa propia dinámica e se extraes tes que incorporar algo de novo ou deixalo descansar, en barbeito. Nas zonas onde xa levan quendas importantes de produción de eucalipto habería que evitar plantar porque os rendementos van ser baixos. O camiño está na fertilización, no control ordenado”, afirma.
A planificación para evitar riscos
Respecto ao seu aproveitamento de auga, o eucalipto tamén é unha árbore polémica. E aquí o problema, explícanos Marey, está na densidade ou porcentaxe de superficie ocupada pola árbore sobre unha cunca hidrográfica ou hidrolóxica.
“Se está cuberta completamente dunha superficie forestal, iso vai supoñer que nas épocas de verán, cando hai menor dispoñibilidade de auga no solo, esas especies vexetais consomen máis auga porque están cubertas de follas. Iso significa que van secar os acuíferos, que sequen os ríos, pero, evidentemente non pode ou non se debe chegar a ese extremo. É certo que se hai unha alta densidade nesa cunca si parece que pode haber descensos no nivel da auga das capas freáticas. Subtrae auga? Si, pero non máis ca un bosque de frondosas. A planificación é moi importante, hai que establecer límites pero non só co eucalipto senón tamén con outros cultivos”, subliña.
“O eucalipto substrae auga? Si, pero non máis ca un bosque de frondosas”
MANUEL MAREY, catedrático da USC
Pero é a súa relación co lume cando o eucalipto é moitas veces sinalado. O catedrático da USC explícanos que ningunha conclusión científica pode demostrar hoxe que esta árbore estea asociada á presenza dos incendios. “A correlación é máis ben a contraria. Segundo os datos e as diferentes e numerosas investigacións realizadas, non podemos dicir que exista unha asociación directa. Nas parroquias onde hai máis eucalipto, por exemplo, hai menos incendios. Outra cousa é se falamos da propagación, aí si que é certo que cando se producen incendios o eucalipto pode ser un factor de propagación. Nós traballamos xustamente nun proxecto que estuda as charamuzas, ata onde poden chegar se o lume sube ás copas, estas balancéanse moito pola forma que teñen e, se hai moito vento e o aire é moi quente, poden chegar lonxe e provocar o que se chaman incendios secundarios. Pero isto é un caso particular, cando se dan determinadas condicións. O que si podemos afirmar, con rigor, é que o eucalipto non é un factor explicativo de incendios, só podemos falar dos secundarios e cando se dan condicións precisas polas charamuzas”, insiste.
O desafío do cambio climático
Tanto os grandes incendios cada vez máis numerosos no sur de Europa, con intensidades caloríficas altas, como outras consecuencias do cambio climático como a falta de auga e as secas, forzarían unha adaptabilidade aos eucaliptos, pero tamén a todos os xéneros de árbores.
“Substituír a especie, cambiala? Iso é unha decisión que hai que tomar con posterioridade. Baixar a densidade desa especie no sentido de superficie ocupada en determinadas zonas? Creo que si, o camiño pasa por aí. Non podemos ter masas continuas no noso territorio, quilómetros e quilómetros. Fronte ás novas condicións que se van dar, calquera especie vai ter problemas de xestión sobre todo no relacionado cos incendios. Insisto, isto é válido para o eucalipto, pero tamén para o castiñeiro, o carballo ou outras formacións agrícolas sensibles ao lume como o cereal”, finaliza Manuel Marey.
Realmente hai que ter moi pouca vergoña para defender con este artigo e video o cultivo do eucalipto en Galicia cando todo o mundo que esté minimamente informado sabe que as explotacións forestais desta árbore se centran no mundo nos paises terceiromundistas sobre todo africanos amais do norte da Peninsula Iberica e Portugal. Pola contra apenas hai cultivos desta planta en varios dos paises europeos mais desenvolvidos nos que tamen é posible o seu cultivo. Será que son bobos e nós somos moi intelixentes? ou mais ben que aqui se practica unha política forestal depredadora da que só uns poucos tiran proveito mais nunca o conxunto do Pais pois todos os estudos comparativos que se poidan facer indican que hai moitas alternativas ao eucalipto mais rentables, mais respectuosas coa paisaxe e o medio ambiente e incluso co turismo… o problema é que non interesan ao stablishment que desde a época de Franco ten aferroado este noso Pais. O que si interesa e ter adormiñado e desorganizado ao rural galego o que é garantía de que eles van seguir no poder. Mais nada me sorprende do autor… o que non sabía era que tamén estaba implicado, luxado, como moitos avispados, nesta defensa interesada e ben pagada do indefendible e que tanto esta a degradar mediambientalmente e economicamente ao noso Pais. Como antes decía nada me sorprende deste home que para solucionar o seu futuro persoal non dubidou no seu dia en traizoar aos seus propios compañeiros de movilizacións na USC e aos propios afiliados do seu sindicato…mais non importaba… ao final conseguiu o seu obxectivo que era o importante.