Mércores 6 Decembro 2023

Restos de Cova Eirós confirman que o ADN do oso das cavernas sobrevive ata hoxe

As montañas de Lugo gardaron durante milleiros de anos uns segredos que a ciencia comezou a desvelar só nos últimos decenios. En xacementos como Cova Eirós e Valdavara atopáronse restos humanos e animais que axudan a comprender cómo era a vida na Prehistoria no territorio que hoxe é Galicia. Hai pouco máis dun mes, investigadores galegos publicaban a catalogación dos 1.400 restos fósiles de 40 especies que viviron en Triacastela hai máis de 100.000 anos. Un tempo no que leopardos, leóns, bisontes ou rinocerontes percorrían estas montañas. E a pasada semana, uns restos atopados en Cova Eirós axudaron a confirmar unha noticia impactante: parte do ADN do mítico oso das cavernas (Ursus spelaeus), extinguido hai 10.000 anos, sobreviviu ata os nosos días dentro do código xenético do oso pardo común (Ursus arctos), a través da hibridación, cando convivían as dúas especies.

[box size=”large”]Parte do xenoma do oso cavernario permanece no oso pardo actual como resultado da hibridación de ambas especies[/box]

Así o sostén un traballo dirixido pola universidade alemá de Potsdam e publicado na revista Nature Ecology and Evolution, no que tamén participaron as científicas galegas Gloria González Fortes (que traballa na actualidade na universidade de Ferrara, en Italia), Ana García e Aurora Grandal (Universidade da Coruña). En declaracións á Axencia Sinc, Grandal apunta: “O artigo desvela que parte do xenoma do oso das cavernas permanece no oso pardo actual como resultado da hibridación de ambas especies na antigüidade. Deste xeito, unha especie como esta non está completamente extinta, pois o seu xenoma permanece, polo menos en parte, nos osos actuais”.

Para chegar a estas conclusións, o equipo de científicos tivo que estudar o xenoma dos osos das cavernas. E aquí entrou en xogo Cova Eirós. Neste xacemento atopáronse fósiles de Ursus spelaeus de 35.000 anos de antigüidade, que foron analizados polas investigadoras galegas. “Os osos das cavernas probablemente parecíanse a un oso pardo moi grande e torpe e alimentábanse principalmente de plantas. Extinguíronse hai uns 25.000 anos, da cal o home probablemente non era do todo inocente”, explican as científicas. Este animal era un 30% máis grande que o Ursus arctos.

[box size=”large”]O estudo apunta a que os osos pardos actuais conservan ata un 2% do xenoma do seu ‘curmán’ das cavernas[/box]

Para os científicos, “claramente, os osos pardos e das cavernas produciron ocasionalmente descendentes comúns, os chamados híbridos, hai polo menos 25.000 anos, e estes híbridos tamén deben ser fértiles, de modo que o material xenético do oso das cavernas chega á reserva xenética do oso pardo e conservouse alí ata o día de hoxe”.

“A nosa participación foi a selección e estudo dos exemplares da península Ibérica, tanto do oso pardo cantábrico actual como do oso das cavernas”, engade Grandal. Os cálculos do estudo apuntan a que, na actualidade, os osos pardos teñen entre o 1% e 2% do xenoma do oso das cavernas, xa que esta especie conserva diferentes áreas do xenoma do oso extinto. “Os resultados mostran que as especies que xa están extintas a nivel xenético poden seguir participando na evolución durante decenas de miles de anos”, conclúen as investigadoras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres turistas entran en Cova Eirós e provocan un incendio de 5.000 metros no monte

É o xacemento de arte rupestre máis antigo de Galicia, que logrou salvarse grazas á colaboración dos veciños que deron a alerta do lume

As escavacións en Cova Eirós constatan períodos de ocupación nunca rexistrados

O achado de 50 moedas romanas na Cova das Cabras demostra que a cavidade estaba ocupada na segunda metade do século IV d.C.

Os neandertais da montaña galega foron coetáneos cos sapiens do cantábrico

Un estudo da USC sobre Cova Eirós afonda na substitución entre os últimos grupos de neandertais e os primeiros 'Homo sapiens' que poboaron o noroeste ibérico

Demostran como os osos pardos deixan marcas nas árbores para comunicarse

Unha investigación realizada na Cordilleira Cantábrica expón que o marcado visual podería representar un método de comunicación pouco estudado ata agora