A catedral de Santiago agochaba un tesouro: unha ventá románica na capela de San Salvador que acaba de saír á luz durante unhas obras de restauración. Segundo explican os técnicos, a fiestra estaba detrás do retrablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe durante os traballos. Así o confirmou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita á catedral para facer seguimento das obras impulsadas pola Xunta no templo compostelán. Os traballos están a realizarse en colaboración coa Fundación Catedral.
Segundo informaron durante a visita, celebrada este martes, as actuacións que se están a levar a cabo no templo tamén permitirán recuperar pinturas murais e relevos pétros. Estes traballos supoñen un investimento de 250.000 euros. Así mesmo, tamén están en marcha as intervencións nas capelas absidais do Salvador e San Bartolomé. Ademais, prevense destinar 350.000 euros ao longo de 2024 para a posta en valor da capela do Cristo de Burgos, que abrangue a fachada do patio Xelmírez e o proxecto de restauración do interior do templo.
O Plan Catedrais de Galicia
Durante a visita, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor a importancia da colaboración con entidades como a Fundación Catedral para levar a cabo actuacións tan complexas como estas que garanten que “un dos maiores tesouros de todos os galegos sexa legado ás vindeiras xeracións nas mellores condicións”, ademais de ampliar o coñecemento que temos sobre este monumento.
Nesta mesma liña, o conselleiro lembrou “o firme compromiso que o Goberno galego mantén desde o ano 2009 coa conservación desta basílica” na que, co apoio da Xunta de Galicia, leváronse a cabo distintas intervencións nas fachadas, torres ou cubertas. Trátase dun compromiso que, tal e como salientou, continúa vixente co Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta dotada con 38 millóns de euros para actuar nos grandes templos galegos co horizonte de 2027.














