Un estudo vincula as temperaturas extremas co risco de mortalidade por ictus

As probabilidades de ter accidentes cerebrovasculares asociados á calor ou ao frío intensos son maiores en países de renda baixa

Tanto a calor como o frío extremos asócianse a un maior risco de morte por ictus isquémico e hemorráxico, segundo un novo estudo dun equipo internacional. Os investigadores descubriron que a relación entre as temperaturas extremas e a mortalidade por ictus era maior nos países de renda baixa que nos de renda alta. O novo artigo científico publicado na revista Stroke, no que o investigador Dominic Royé da Fundación para a Investigación do Clima (FIC) é coautor, cuantifica por primeira vez os riscos de ictus asociados ao frío e á calor en 522 cidades do mundo.

“Os nosos achados son un paso máis cara á comprensión dos efectos do cambio climático no ictus”, afirma o autor principal, Barrak Alahmad, investigador do Departamento de Saúde Ambiental da Universidade de Harvard. “A medida que as temperaturas se volvan máis extremas, prevemos un aumento da disparidade na mortalidade por ictus entre os países de ingresos altos e os de ingresos baixos, xa que é probable que estes últimos leven a peor parte do cambio climático”, concreta Royé, director de Ciencia de Datos da FIC.

Publicidade

Unha base de datos multinacional

As investigacións anteriores sobre a relación entre as temperaturas extremas e a mortalidade por ictus lanzarían resultados dispares ou pouco concluíntes ata o momento. A maioría dos estudos limitábanse a cidades ou países concretos, na súa maioría de renda alta, e poucos diferenciaran entre subtipos de ictus. Para completar estas lagoas, os investigadores recorreron á Multi-Country Multi-City Network, un consorcio mundial de saúde ambiental, para crear unha base de datos multinacional e multirrexional sobre a mortalidade por ictus isquémico e hemorráxico. A base de datos estaba composta por máis de 3,4 millóns de mortes por accidente cerebrovascular isquémico e máis de 2,4 millóns de mortes por accidente cerebrovascular hemorráxico, notificadas entre 1979 e 2019 en 522 cidades de 25 países.

Relacións combinadas de exposición-resposta entre os percentís de temperatura e o risco relativo (RR) de enfermidade isquémica e mortalidade por accidentes cerebrovasculares hemorráxicos en 522 cidades de 25 países. Foto: FIC

O estudo descubriu que por cada 1.000 mortes por ictus isquémico ou hemorráxico, unhas 11 eran atribuíbles a días de frío ou calor extremos. Desas 11 mortes, o 2,5% dos días máis fríos e máis calorosos contribuíron a un exceso de 9,1 e 2,2 mortes, respectivamente. De cada 1.000 accidentes cerebrovasculares hemorráxicos, o 2,5% dos días máis fríos e máis calorosos contribuíron a un exceso de 11,2 e 0,7 mortes. O estudo tamén achou que os países con ingresos baixos soportaban unha maior carga de mortalidade por ictus hemorráxico relacionado coa calor que os países con ingresos altos, e pode que tamén soporten unha maior carga de mortalidade por ictus hemorráxico relacionado co frío (aínda que as probas eran suxestivas, non concluíntes). Non se achou ningunha relación entre o produto interior bruto dos países e o risco de mortalidade por ictus isquémico relacionado coa temperatura.

Por que hai tanta disparidade entre países?

En España, o 11% e o 5% son atribuíbles a frío e calor no caso dun accidente cerebrovascular isquémico, respectivamente. Pola contra, cun accidente cerebrovascular hemorráxico a fracción atribuíble é do 11% en situación de frío e do 0,35% na de calor. Os investigadores expuxeron a hipótese de que uns mellores sistemas de control da temperatura interior e unhas taxas máis baixas de traballo ao aire libre nos países de ingresos altos, así como unha atención sanitaria de peor calidade nos países de ingresos baixos, poderían explicar as disparidades. Sinalaron que son necesarios máis estudos para descubrir as causas da maior mortalidade por ictus hemorráxico relacionado coa temperatura nos países de renda baixa e identificar intervencións útiles.

As limitacións do estudo incluían que o seu alcance xeográfico era limitado —as contornas rurais e os países do sur de Asia, África e Oriente Medio estaban infrarrepresentados— e que non se recompilaron nin examinaron datos demográficos a nivel individual. Ademais, o estudo só se centrou nas mortes por ictus; se se investigase máis a incidencia dos ictus non mortais, comprenderíase mellor a carga real da temperatura e dos ictus.

“Facemos un chamamento ás sociedades profesionais de accidentes cerebrovasculares para que invistan en máis investigacións deste tipo, especialmente a medida que o cambio climático segue aumentando, e para que lancen máis luz sobre os novos factores de risco ambientais que farán que os accidentes cerebrovasculares —que xa son un importante factor de mortalidade en todo o mundo— sexan aínda máis mortais”, di Royé. “A principal solución é investir: para salvarse do ictus o tempo é esencial, e é cuestión de ter un sistema sanitario que poda responde a esta urxencia”, conclúe.


Referencia: Extreme Temperatures and Stroke Mortality: Evidence from A Multi-Country Analysis (Publicado en Stroke)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

A enerxía eléctrica foi a maior fonte de gases de efecto invernadoiro en Galicia en 2022

A actividade deste sector produciu 2,2 megatoneladas de emisións no territorio galego, cun forte impacto da empresa Repsol

Identificada unha proteína clave na recuperación tralo ictus

En España, unha persona sofre un accidente cerebrovascular cada seis minutos

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade