Sábado 20 Abril 2024

Estrada Catoira, médico e historiador

O ilustre científico foi un autor polifacético que combinou a docencia e a investigación

Foi un médico insigne e un científico cunha sólida formación en Medicina, Farmacia e Ciencias, pero tamén foi un excelente historiador, autor de obras fundamentais dacabalo entre os séculos XIX e XX, ademais dun cidadán con inquedanzas políticas e unha acción cultural por exemplo dende o seu cargo de tesoreiro da Real Academia Galega. Porque Félix Domingo Estrada Catoira foi, sobre todo, un personaxe polifacético.

Nado en Camagüey, en Cuba, en 1853, afincouse dende cativo en Galicia, onde faleceu na Coruña en 1938. As súas raíces familiares estaban en Betanzos, de onde procedía o seu pai, Domingo Estrada, e a súa nai, Ramona Catoyra.

Publicidade

Estrada estudou na Coruña Peritaxe mercantil na Escola de Comercio (1866-1869), e iniciou na Universidade de Santiago as carreiras de Medicina e Farmacia, e obtivo a licenciatura na primeira delas en 1874. Nada máis rematar exerceu como Profesor axudante de Patoloxía (1874-1875) e axudante de prácticas de Fisioloxía e Terapéutica. En 1875 obtivo o doutorado en Madrid.

Posteriormente, elixiu a carreira militar, entrando por oposición en marzo de 1877 no corpo de Sanidade, onde foi destinado a Burgos como Médico Segundo, tras o que ascendeu a Médico Primeiro e foi destinado a Cuba, onde exerceu no Hospital Militar da Habana. Na capital antillana, rematou os seus estudos de Farmacia, acadando o doutorado en 1880, ao tempo que estudaba a carreira de Ciencias, na que tamén se doutoraría en 1883. Con este notable curriculum conseguiu por concurso a cátedra de Historia Natural e Zootecnia na Escola de Agricultura de Illa de Cuba, mentres fixo algunhas estadías de docencia de volta a Europa, en Córdoba, Ferrol e Vigo, aínda que non retornou definitivamente ata 1895.

Estrada Catoira.

O seu incansable espírito de acumular coñecementos lévao, nada máis chegar a Madrid, a cursar quinto de Dereito, para así rematar os estudos que iniciara en Cuba. Ascendido a Médico Maior en 1896, recalou no Hospital da Coruña, onde permaneceu dez anos, ata que foi destinado a Segovia, onde foi nomeado director a partir do 15 de xaneiro de 1908. Logo dun traslado a Alacante, volveu a Coruña en 1911 como Médico da Capitanía e Xefe de servizos do Hospital Militar da cidade. Realizou ademais funcións como Inspector Médico de Segunda. Retirouse do seu posto na Coruña en 1915. En xuño de 1921, na toma de posesión como Director da Escuela de Artes y Oficios da Coruña, ofreceuse á sociedade herculina para todo o que redundara a prol do ensino e da cultura.

Fortemente implicado na sociedade galega da súa época, foi nacendo en Félix Estrada Catoira un importante vencello social con Galicia. Así que resultou natural que, a proposta de  Florencio Vaamonde, Uxío Carré Aldao e Andrés Martínez Salazar, o 8 de agosto de 1921, ingresou na Real Academia Galega, co discurso “Algunhas consideracións sobre a transcendencia que para a transformación social de Galicia tivo o reinado dos Reis Católicos”, respondido por Juan Barcia Caballero, e foi tesoureiro desa institución desde 1924 ata 1938.

Además, de 1924 a 1926 foi presidente do Círculo de Artesáns, sobre o que publicou o libro “Contribución á Historia da Coruña”. Entre 1931 e 1936 foi concelleiro e tenente alcalde do Concello coruñés.

Estrada Catoira foi un intenso autor de artigos de investigación, que publicou nas revistas más sobranceiras da súa época. Entre estas obras destacan “Medios fáciles de investigar las adulteraciones de los alimentos más usados en Galicia”, ou “Enfermedades y mortalidad en el Ejército” (Estrada, 1889), publicado durante a súa estadía na Habana. Tamén publicou textos de Medicina en publicacións como Anales de da Sociedad Ginecológica Española, El anfiteatro anatómico español, El siglo médico, Revista de terapéutica ou Gaceta de Sanidad Militar.

Fixo tamén achegas importantes á docencia sanitaria, coa publicación de “Zootécnia. Programa de esta asignatura” (Estrada, 1885), onde planifica a programación didáctica de varias materias da carreira, introducindo ademais temas tan innovadores como a piscicultura.

Pero Estrada Catoira foi un grande apaixonado da historia en xeral, polo que publicou numerosas oras de investigación, entre as que destacan sus “Breves apuntes para la historia de los Hospitales de La Coruña”, primeiro premio do Certamen del centenario del P. Feijóo, celebrado en Ourense. Tamén escribiu a “Historia da Ciencia en América”, con artigos como “Los médicos en la conquista de América” (Estrada, 1928). O seu traballo “Reseña de la reconquista de Vigo” foi premiado en 1909 no Certame Histórico-Literario do Concello de Santiago, e todavía na actualidade constitúe unha das máis importantes achegas historiográficas sobre este feito histórico, para o cal traballou no Arquivo Histórico Nacional e na súa colección de documentos Duque de Bailén.

“Cunha formación científica máis que completa (Medicina, Farmacia e Ciencias), Félix Estrada Catoira non foi só un observador privilexiado, senón que se mergullou nos problemas da sociedade que o rodeaba e utilizou o seu saber para poñelo ao servizo da súa mellora en medicina, en educación, en integración social, en política, demostrando, en definitiva, o seu compromiso como científico e como persoa”, explica a súa biógrafa Ánxela Bugallo no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega. Félix Estrada Catoira faleceu na Coruña o 13 de marzo de 1938 tras unha intensa e polifacética vida dedicada á ciencia e ó humanismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos