Os novos avances na detección do cancro de colo de útero, o cuarto máis común entre as mulleres, teñen o potencial de salvar moitas vidas. A pesar de que este cancro se pode tratar se se diagnostica a tempo e os resultados melloraron nos últimos anos, o número de mortes pola enfermidade segue sendo demasiado alto, máis de 340.000 mulleres morreron por mor da enfermidade en 2020.
Segundo indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), a maioría das mortes prodúcense en países de ingresos medio-baixos, onde as mulleres adoitan ter un acceso limitado aos servizos de detección temperá. Mesmo cando as mulleres realizan a proba, pode haber unha demora de varios meses antes de obter o resultado e, se dan positivo, outra espera antes de recibir o tratamento.
“Se xa ten un estadio avanzado do cancro, estes meses poden ser a diferenza entre a vida ou a morte”, explica Olivier Degomme, coordinador dun proxecto chamado ELEVATE, que está a desenvolver un kit de detección portátil para levar a zonas desfavorecidas. “Queremos reducir este período de tempo ata conseguir un intervalo ideal de 24 horas”, engade.
Equipo móbil
O kit móbil de ELEVATE está deseñado para o seu uso en comunidades con acceso limitado á atención médica. Desta forma, os traballadores da saúde explicarían a importancia de facerse a proba, logo ofrecerían a proba en si mesma e poderían darlles ás mulleres os resultados nese mesmo día. O kit require pouca capacitación para o seu uso. As propias mulleres collen unha mostra, que logo os traballadores da saúde pasan por unha unidade de análise que funciona mediante baterías. A unidade utiliza unha proba de ADN para verificar a presenza de infeccións polo virus do papiloma humano (VPH) de alto risco, que poden provocar cancro de colo uterino. Os resultados téñense en minutos.
O importante é chegar a mulleres ás que doutro xeito non se podería chegar e salvar vidas, con sorte moitas vidas
OLIVIER DEGOMME, coordinador do proxecto ELEVATE
Os investigadores pretenden comezar a utilizar o conxunto de ferramentas en vilas de montaña e áreas urbanas desfavorecidas en Ecuador e Brasil. Tamén queren usalo con mulleres con difícil acceso aos sistemas de detección de Bélxica e Portugal. Inicialmente, os investigadores centráronse nas comunidades de inmigrantes e outras comunidades marxinadas que teñen dificultades para acceder á atención médica ou que poden non ter suficiente información sobre a importancia de facerse as probas de detección.
Mulleres demasiado ocupadas
Pero tamén descubriron que era máis probable que as mulleres cun alto nivel de estudos ou demasiado ocupadas no seu traballo non realizasen a proba por falta de tempo. Entón, ademais de levar o kit de proba a comunidades desfavorecidas, tamén podería ser útil en determinadas áreas laborais. “A nivel mundial, as ganancias serán moito maiores ao centrarse nas mulleres difíciles de alcanzar nas comunidades máis pobres. Pero tamén poderiamos usar isto en grupos de mulleres cun alto nivel educativo”, expón Degomme, profesor asociado na Facultade de Medicina e Ciencias da Saúde da Universidade de Ghent, Bélxica.
Entre as metas plantexadas pola OMS está a de conseguir que o 70% de mulleres poidan somenterse a unha proba de alto rendemento aos 35 anos
Os programas de detección varían entre países. Algúns convidan a todas as mulleres a facer a proba, outros fan probas de detección nas que se lle informa á paciente só se esta visita unha clínica, algunhas comunidades directamente non examinan as pacientes… Neste contexto, a OMS estableceu, entre os obxectivos para 2030, reducir as taxas de cancro de colo uterino en todo o mundo. Entre as metas formuladas está a de conseguir que o 70% das mulleres poidan someterse a unha proba de alto rendemento aos 35 anos e novamente aos 45.
O profesor Degomme espera que o kit portátil de ELEVATE axude aos países a cumprir estes obxectivos marcados pola OMS, mais aínda ten que probar e avaliar en canto á súa aceptabilidade, viabilidade e rendibilidade para os países de baixos ingresos económicos. “O importante é asegurarse de que chegará a mulleres ás que doutro xeito non se podería chegar. E de feito podemos salvar vidas, con sorte moitas vidas”, dixo.
Análise Raman
O virus VPH ten máis de 100 cepas diferentes, das cales 14 están asociadas a un risco alto de cancro de colo uterino. Cada vez son máis os países que contan con programas de detección temperáns para probar as infeccións por VPH de alto risco. Neste contexto, os investigadores deseñaron recentemente unha proba que consegue distinguir entre unha infección que se resolverá soa e unha que se volverá crónica e posiblemente conducirá a cancro.
Para que isto sexa posible usan a espectroscopia Raman, para verificar cambios na composición molecular das células cervicais tomadas durante unha proba de frotis. A espectroscopia Raman é unha técnica de escaneo para identificar a composición química dos materiais medindo a súa resposta vibratoria á luz láser. A investigación consiste en lanzar unha luz sobre as células para facer vibrar as súas moléculas. A “pegada dixital” da vibración resultante indica se o contido recollido foi modificado polo virus.
Especialista celular
Actualmente, se alguén dá positivo por unha infección por VPH de alto risco, as súas células cervicais analízanse a través dun microscopio. Estes controis realízaos un especialista en células, chamado citólogo. A célula pode verse ben co microscopio, pero mediante o uso da espectroscopia Raman pódense detectar cambios a nivel molecular que son invisibles para o ollo humano, segundo a profesora Fiona Lyng, coordinadora dun proxecto chamado ARC-HPV. O proxecto, que finalizou en 2018, concluíu que a espectroscopia Raman podería usarse para detectar infeccións que poderían provocar cancro.
Cremos que melloraría os resultados para as mulleres ao detectar antes os cancros ou precancros
FIONA LYNG, coordinadora do proxecto
Os seus achados xa foron patentados. Desde 2018, os investigadores probaron o método en mostras máis grandes e descubriron que tiña polo menos un 90% de precisión á hora de diferenciar entre as células preocupantes e as que probablemente se recuperarán da infección. O próximo paso será probar a precisión da espectroscopia Raman entre as mulleres que asisten a exames rutineiros.
Éxito da vacinación
Outra forma importante de prevención é a vacinación. As vacinas dispoñibles son moi eficaces, pero non protexen contra todas as formas de VPH de alto risco. “A vacina realmente reducirá os precancros e cancros de pescozo uterino, o cal é xenial”. Pero o seu éxito expón un problema para os programas de detección, alega a profesora Lyng, directora do Centro de Ciencias Ambientais e de Radiación da Universidade Tecnolóxica de Dublín. Con menos casos de precancros e células cancerosas na poboación, os citólogos non estarán tan afeitos a atopar estas anomalías, o que significa que a súa capacidade para detectalas podería diminuír. “É por iso que a xente está interesada en desenvolver novos métodos que sexan máis obxectivos, como é o caso da espectroscopia Raman”, explica Lyng.
“A espectroscopia Raman ten unha maior sensibilidade que a citoloxía, polo que melloraría os resultados”
FIONA LYNG, coordinadora do proxecto
“Hai historias horribles de mulleres novas que morren por mor desta enfermidade. Iso non debería suceder porque é moi tratable se se detecta nesa etapa temperá do precancro”, engade. Os resultados, ata o de agora, indican que a espectroscopia Raman é máis precisa que a citoloxía. “Todas as probas teñen falsos positivos e falsos negativos, e Raman tampouco é 100% precisa. Pero ten unha maior sensibilidade que a citoloxía, polo que cremos que melloraría os resultados para as mulleres ao detectar cancros ou precancros antes”, conclúe a profesora.
A investigación descrita neste artigo financiouse con fondos da UE. Artigo publicado orixinalmente en Horizon, a revista de Investigación e Innovación da Unión Europea.