A Ría de Ribadeo posúe unha riqueza arqueolóxica por descifrar. O equipo que traballa en Castropol sabe que quen busca, atopa, e así descubriron ata 17 canóns de tres metros de lonxitude. Os mergulladores toman fotografías e posteriormente realizan modelos 3D para identificar a súa procedencia. O obxectivo a medio prazo é crear un parque arqueolóxico subacuático para que quen queira, poida somerxerse ata cinco e seis metros de profundidade para ver os canóns, porque si, aí van quedar. Mais de momento o grupo aínda se atopa nunha primeira fase do proxecto, e cando rematen a área que están explorando ampliarán o radio de acción para seguir obtendo datos. “Non é que a Ría de Ribadeo destaque por enriba das demais. Por que aparecen estes elementos? Porque se buscan”, explica Antón López, responsable da área de patrimonio cultural somerxido para o departamento científico da zona norte da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS).
Para o responsable, as rías de Galicia son plataformas económicas. Dende tempos moi antigos, as embarcacións buscaban refuxio temporal dos ventos na costa. Así aparecen as cidades, con asiduidade de mercancías, viaxeiros, buques de guerra e a construción de instalacións, como asteleiros, para acentuar estas estancias. A decena de canóns estaba localizada en Ribadeo dende 2007. Na actualidade, a FEDAS, a Federación Española de Actividades Subacuáticas do Principado de Asturias (FASPA) e o Club de Vela de Castropol pasan ata seis horas na auga para agrupar todo o material posible. “Despois de medilos, sentamos para facer arquivos e repasar regramentos, encaixar os datos e descubrir cantos anos teñen”, afirma López.
Nestes momentos, o equipo ten 17 identificados, pero os mergulladores aseguran que hai ata 19. “Se aumentamos as horas de traballo aumentaría o número de canóns, pero estamos traballando nunha área reducida pola necesidade que teñen estes canóns de estar todos xuntos”, explica López. Xa en 2019, este grupo realizou unha aproximación ao xacemento en colaboración coa armada e con Asturias. A enseada de Arnao está a cuberto dos ventos, ten pouca profundidade e moi boa visibilidade, polo que os materiais arqueolóxicos son moi doados de ver. Por iso consideran que é o “sitio perfecto” para desenvolver un parque subacuático como os que se poden atopar no Mediterráneo, mais como di López, “as cousas non se poden facer ao tolo”. En primeira instancia, presentaron un proxecto de documentación dos canóns e a supervisión da área, para saber que hai e de que forma se poden realizar os traballos sen danar os elementos históricos que residen baixo as augas.
Cando rematen os traballos, o equipo poderá afirmar que non hai perigo en realizar visitas cun equipo de mergullo e que, sobre todo, hai moito material de interese. Como explica López, acceder a un xacemento subacuático é moito máis complicado que a un de terra. O perigo é maior, tanto para o material como para a persoa. Mais a intención é a mesma: unha conxugación para achegarlle á cidadanía todas as historias que nos contan as profundidades mariñas. “O patrimonio é da cidadanía”, explica o responsable. De feito, os vindeiros días o equipo realizará o primeiro ensaio coa FEDAS. A súa filosofía é “contar coa cidadanía” e realizar “moita difusión cultural”, polo que haberá actividades para o público: unha charla sobre a temática e unha visita ao xacemento con equipos de mergullo, na que participará tamén a FASPA; no porto xuntarase un equipo reducido de persoas a cargo dun arqueólogo que se encargará de explicar todos os detalles do proxecto; despois, sairán ao mar e farán unha ruta polo grupo de canóns, á vez que desfrutarán de toda a fauna da contorna.
As historias da Ría de Ribadeo
Sen dúbida, o elemento patrimonial máis destacable que apareceu na Ría de Ribadeo é o San Giacomo di Galizia ou Santiago de Galicia, un galeón español do século XVI considerado por algúns expertos como o mellor conservado do mundo. Foi construído entre 1570 e 1580 en Nápoles e para moitos era o mellor buque da armada. Na súa primeira acción de guerra sufriu grandes danos e un tras un forte temporal, volveu á ría de Ribadeo. A tripulación foi acollida nas casas dos veciños e o 13 de novembro de 1597, o galeón afundiu durante catro séculos. Cando se estaban realizando os labores arqueolóxicos do Santiago de Galicia, atopouse tamén unha barca medieval do século XIII, é a nave máis antiga empregada polos peregrinos que se dirixían a Compostela. Servía para cruzar a ría e evitar dar un rodeo debido á ausencia de pontes.
O responsable de patrimonio explica que a Ría de Ribadeo foi un refuxio de embarcacións e ao seu abeiro foron xurdindo entidades poboacionais para dar servizo ao transporte de mercadorías e nacendo empresas para a explotación de recursos mariños. Nestes días, López e o equipo intentan “optimizar os recursos” para recompilar todos os datos posibles sobre os canóns. Cre que tamén os hai en terra, pero, aínda que teñan un pasado en común, non volverán xuntarse cos da Ría de Ribadeo por motivos de conservación. Segundo López, a auga é o mellor sitio para eles.