As augas do porto de Ribadeo agochan un feixe de historias. Algunhas máis recentes, outras máis antigas, pero todas elas igual de emocionantes e valiosas. A súa importancia xa transcende a curiosidade e está amparada pola arqueoloxía. De feito, nos últimos catro anos realizáronse varias campañas no porto, co obxectivo de obter máis información sobre os restos do San Giacomo di Galizia, un galeón español do século XVI, xa considerado por algúns expertos como o mellor conservado do mundo. Ao abeiro destes labores arqueolóxicos, que tratan de dilucidar a historia completa do barco, atopouse outro tesouro. A finais de agosto confirmábase o achado doutros restos. Esta vez, dunha barca medieval do século XIII. O seu valor xa é incalculable, posto que se trata da nave máis antiga empregada polos peregrinos en dirección a Compostela.
Segundo confirmaron dende a Xunta de Galicia —un dos organismos que promoveu as campañas arqueolóxicas na porto de Ribadeo—, atopouse unha peza lonxitudinal de madeira labrada en forma de L que estaba profundamente incrustada no sedimento. Máis en concreto, determinouse que os restos se correspondían co costado e a parte inferior, case plana, da embarcación. Ao parecer, esta nave serviría para cruzar a ría e continuar a peregrinaxe cara a Compostela, e así evitar dar un rodeo obrigado dada a ausencia de pontes. De todas formas, a barca non está completa, senón que faltaría outra peza simétrica para pechar a outra banda. Tampouco se descarta a existencia dunha ou máis pezas planas de madeira na embarcación que servirían para aumentar a capacidade de carga.
A nave serviría para que os peregrinos cruzasen a ría e evitasen dar un rodeo
Ao parecer, a nave serviría para transportar os fieis dun lado ao outro da ría, como construción semellante á que se empregaba no norte de Europa para cruzar os grandes ríos continentais. Neste caso, sería a ría de Ribadeo a protagonista, que recibiu maior afluencia de peregrinos ao aumentar a sona do Camiño grazas ás lendas. O porto, ademais, era canle de entrada dos peregrinos pola súa vinculación a San Xulián O Hospitalario. De feito, no texto francés Légende de Saint Julien, escrito arredor de 1260, San Xulián aparece como peregrino a Santiago a outros lugares santos. Pero esa non é a única evidencia. Tamén en 1260 se fixo unha doazón para establecer un barqueiro en Ribadeo que dese paso gratuíto na ría. E xa como colofón, as análises de carbono 14 datan a barca medieval nese mesmo ano.
Un barco impoñente
O achado da barca, todo un fito arqueolóxico para Galicia, non é o único tesouro que sobrevive baixo as augas da ría de Ribadeo. O primeiro gran descubrimento foi o do San Giacomo di Galizia ou o Santiago de Galicia, que se atopou de maneira casual en 2011. Durante uns traballos rutineiros no porto, a mangueira de succión quedou atoada por restos de chumbo, madeira e pedras. Unha análise posterior determinou que as rochas non se correspondían coa xeoloxía da zona e, ademais, a madeira e o chumbo resultaron ser parte do casco dun buque. O arqueólogo Miguel San Claudio foi quen reconstruíu a historia e descubriu os restos do San Giacomo, un buque afundido no século XVI en Ribadeo que participara na cuarta expedición contra Inglaterra organizada por Felipe II.
Segundo detallan nunha publicación de 2021 do CSIC, o galeón atopado nas augas do porto era o máis forte e o mellor dotado da súa frota. O buque, de feito, fora construído en Nápoles e tiña un claro obxectivo: servir en combate. Porén, a expedición da armada de 1597 foi un fracaso. Os ventos facilitaron o asalto das costas españolas polas armadas do norte de Europa, pero tamén favoreceron a retirada dos buques. Un deles foi o de San Giacomo que, segundo estima o CSIC, puido ter que enfrontarse a outros catro buques inimigos ao mesmo tempo, o que dá conta do ben preparado que estaba para a guerra. Con todo, e dada o forte que era a construción, esperábase que o galeón non se afundira, senón que se puidera refuxiar nalgún porto do norte. E ese porto foi o de Ribadeo. De feito, hai constancia escrita de que o barco chegou á viña mariñeira con moitos enfermos.
Malia que os tripulantes estaban a salvo, non así a embarcación. Nunha data indeterminada, pero entre o 6 de setembro e o 13 de novembro de 1597, queda constancia do seu naufraxio. De feito, dos escritos da época pódese intuír que o motivo do seu afundimento foi algun tipo de neglixencia. E máis de 400 anos despois de permanecer baixo as augas, uns traballos rutineiros sacárono do esquecemento. Nese 2011 confirmouse que os restos achados se correspondía cos dunha embarcación de alto interese patrimonial e anos despois leváronse a cabo varias campañas arqueolóxicas co obxectivo de entender, coñecer e afondar na historia dun buque excepcional.
A última das campañas que se levaron a cabo foi en xuño deste ano, co obxectivo de dar continuidade aos traballos iniciados en 2018. O que perseguen os investigadores é avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española no século XVI. Segundo a Xunta, o San Giacomo é “un dos grandes xacementos” localizados ata o momento da súa época e pode achegar unha importante información arqueolóxica. De feito, nestas campañas recuperáronse varios obxectos e identificáronse os restos doutra embarcación, que resultou ser a barca medieval. En todos estes traballos non só participou a Xunta, senón un feixe de organizacións de diversa índole: Unidade de Buceo da Armada Española, Instituto of Nautical Archeology de Texas, CSIC, University of Wales Trinity Saint David, Maritime Archaelogy e outras institucións. O obxectivo: sacar a frote o que permaceu afundido máis de 400 anos.