“Hai un antes e un despois da covid. Parezo a mesma, pero non o son”

Alejandra C. estivo ingresada no hospital de Ferrol un mes a causa do coronavirus e aínda hoxe arrastra secuelas derivadas da infección

Alejandra está convencida de que se contaxiou de covid-19 no metro de Londres na primavera do 2020, cando o virus apenas empezaba a ensinar as gadoupas en Europa nun intervalo de total incerteza e desconcerto. Pronto se atopou moi mal e sospeitou que podería ser aquel virus do que falaban os medios. Tiña, entón, 35 anos e unha bebé ao seu cargo.  Esta investigadora universitaria empezou a poñer máscara antes de que o recomendasen as autoridades pero xa era tarde. Foi unha infección grave que a mantivo hospitalizada no CHUF case un mes. Perdeu moito peso, masa muscular, capacidade pulmonar e desde entón arrastra unha fatiga e unha fraxilidade que, dous anos e medio despois, non desapareceron por completo.

“A miña cabeza non vai tan rápido e o meu corpo non a acompaña”

ALEJANDRA C., paciente de covid persistente

É paciente da unidade Poscovid pola cantidade de complicacións que se lle derivaron e que se agrupan como “néboa mental”. Procura estar ao día na divulgación científica a través das distintas asociacións estatais e internacionais que segue en Twitter para estar ao corrente dos avances médicos e farmacolóxicos que buscan como reverter unha néboa cerebral que non a deixa ser ela mesma. 

Publicidade

“Hai un antes e un despois do Covid na miña vida. Parezo a mesma pero son completamente outra. A miña cabeza non vai tan rápido e o meu corpo non a acompaña. A veces pasa un anaco de tempo ata que me veñen á palabra as cousas máis correntes”, conta. Afirma que sen os coidados que lle deron no hospital ferrolán non tería superado a pandemia e aínda se lle ensombrece o rostro ao lembrar un pesadelo próximo. 

Máis de 17 millóns de afectados

Alejandra C. é unha dos 17 millóns de persoas afectadas pola covid prolongada ou covid persistente que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) hai contabilizadas nos 53 Estados da rexión europea. A néboa cerebral, apuntan os expertos, é sibilina e complexa e un dos rastros que quedan tras da infección. Maniféstase con dores de cabeza, vahídos, esquecementos frecuentes e dificultade para lembrar cuestións sinxelas e xa mecanizadas, alteracións do sono e outras manifestacións neurolóxicas.

Publicidade

“Non se perden os recordos, pero o cerebro non lembra como procesalos ben”

GORKA ORIVE, investigador

“Non é depresión nin resaca. É unha desorde funcional que afecta á actividade cognitiva. Non se perden os recordos, pero o cerebro non lembra como procesalos ben. Hai pacientes que o arrastran máis de dous anos”, sinala Gorka Orive, doutor en Farmacia e investigador. Calculan que afecta a entre un 10% e un 20% dos pacientes que superaron a covid con intensidades variables. Non se cingue a un rango de idade pero ten maior prevalencia sobre as mulleres. 

Por todas estas dificultades, incluso a OMS tardou en estandarizar unha definición da covid persistente ou prolongada, síndrome poscovid ou long covid, como se denominou. Basicamente, acouta a condición dun individuo que despois de tres meses da infección probable ou confirmada de SARS-CoV-2, manifesta síntomas que se manteñen durante polo menos dous meses, que flutúan en intensidade e que non pode explicarse cun diagnóstico alternativo. 

O colectivo en Galicia

Desde Long Covid Galicia, a entidade que encabeza Lucía Estrada Csaky, lamentan que aínda non exista en Atención Primaria un protocolo específico a pesar de que a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) editou unha guía porque o que os pacientes se atopan con que os facultativos tampouco saben como abordalo. A entidade Long Covid Galicia conformouse en decembro do 2021 e aínda que suman xente de idade avanzada, a maioría, explican a GCiencia, son mulleres de idade media e alto grao de formación. 

Non hai diagnóstico preciso porque é a suma dun conxunto de alteracións neuronais e tampouco hai un tratamento probado ou efectivo, o que leva a quen a padece a automedicarse para ir paliando os síntomas agrupados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade rexistra un aumento na incidencia da gripe e a covid

As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos aumentaron un 24,5 % e un 88,9 %, respectivamente, en comparación coa semana anterior

Unha tese galega explora o potencial inmunomodulador e neuroprotector do litio fronte á covid-19

A investigación identifica cambios en biomarcadores inflamatorios e parámetros inmunolóxicos en pacientes tratados co fármaco

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte