Nunha sociedade que premia a mocidade e deosta a vellez, os tratamentos antiavellentamento suscitaron un gran interese na poboación e nas industrias dermocosmética e alimentaria. E entre todos eles, o coláxeno hidrolizado (CH) converteuse nun dos complementos alimenticios máis demandados nos últimos anos. Pero cales son os seus verdadeiros efectos?
O coláxeno —do grego kola (goma) e xene (xeración)—– suma o 30% das proteínas corporais e desempeña unha función estrutural de vital importancia no tecido conectivo da pel, os músculos, a cartilaxe e o óso. É o elemento principal da matriz extracelular (sistema de moléculas que rodean e dan soporte ás células e tecidos do corpo) xunto ás fibras elásticas, o ácido hialurónico e uns compostos chamados proteoglicanos (polisacáridos unidos a proteínas).

A idade e o sol, inimigos dunha pel tersa
O problema é que, a partir dos 40, perdemos o 1% do coláxeno da pel cada ano.
A isto temos que sumar o efecto da radiación ultravioleta, o factor extrínseco máis importante de deterioración. A exposición ao sol provoca alteracións no ADN e a oxidación de macromoléculas estruturais da pel. Produce a fragmentación e desorganización das fibras elásticas e de coláxeno. Todo iso tradúcese na aparición de engurras, a perda de firmeza e o aumento da secura e rugosidade da pel.
Diversos estudos e metaanálises publicados no últimos 10 anos demostraron que o consumo de CH por vía oral si pode ser beneficioso para a pel: reduce as engurras en zonas expostas á luz solar, incrementa a hidratación cutánea, mellora a elasticidade, diminúe a fragmentación de coláxeno e aumenta a súa densidade na derme. Con todo, o mecanismo de acción destes suplementos segue sen dilucidarse.
Segundo algunhas investigacións, consumir CH aumentaría a síntese de proteínas da matriz extracelular ao activar os fibroblastos (células do tecido conectivo) da derme e ao retardar os efectos do fotoavellentamento inducido pola radiación ultravioleta. Así diminúe o dano oxidativo e mellora o pregamento das proteínas da citada matriz extracelular.
Con todo, estes traballos adoecen de nesgos e limitacións. En primeiro lugar, son investigacións escasas e moi heteroxéneas. O tamaño das mostras é pequeno, e en moitos casos están financiados e promocionados polas compañías fabricantes. Por riba, non distinguen entre fontes ou tipos de coláxeno, métodos de extracción, solucións bebibles e xelatinas, duración do tratamento ou dose diaria.
De onde se obtén?
No que se refire á procedencia, o CH pode obterse de coláxeno recombinante (producido a partir de bacterias, mofos, insectos, plantas ou células de mamíferos) ou de fontes naturais (animais e vexetais). A maioría provén de mamíferos, como vacas e porcos, e de aves.
A súa produción e métodos de extracción son sinxelos e baratos, pero o consumo de moitos destes coláxenos vese limitado por razóns relixiosas, culturais ou dietéticas. É o caso das persoas vegetarianas, xa que a miúdo a materia prima para elaborar os suplementos ten orixe animal. Ademais, aínda que os seus efectos secundarios son moi escasos, pode ser unha potencial fonte de infeccións, como a encefalopatía bovina esponxiforme.
Ultimamente, as fontes mariñas chamaron a atención dos investigadores. As vísceras, cabezas e espiñas dos peixes producen unha cantidade inxente de refugallos: preto de 20 millóns de toneladas anuais. Aprovéitanse a pel, as espiñas e as escamas de peixes de auga quente e fría como o esturión, o siluro, o linguado…
Luces e, sobre todo, sombras
A pesar da variación na dose (de 2,5 a 10 gramos diarios), supostamente despois de 60–90 días pódense ver resultados, aínda que para medilos tamén se utilizan ferramentas diferentes. O custo do tratamento pode ascender a 600 dólares (uns 550 euros) anuais.
O primeiro problema para valorar a súa verdadeira eficacia é que a maioría de compostos comerciais combinan vitaminas, minerais, antioxidantes, coenzima Q10, ácido hialurónico ou sulfato de condroitina, pero os beneficios atribúense só ao coláxeno.
Xunto ao seu consumo, a promoción destes produtos en redes sociais tamén se disparou. Moitos divulgadores —na súa maioría non sanitarios e sen datos científicos contrastados— non só encomiaron os seus beneficios reais, senón que tamén atribuíron ao CH outras virtudes difíciles de contrastar (ou directamente falaces). Así, por exemplo, afírmase que mellora a calidade do sono e o estado de ánimo, que combate a acidez de estomago e a artrite, que prevén o alzhéimer ou que ten efectos protectores na saúde cardiovascular e gastrointestinal.
Se a difusión destas propiedades evita que os consumidores sexan tratados con medicamentos apropiados para as súas doenzas, pode supoñer un grave perigo para a saúde desas persoas.
É evidente que os efectos do CH son prometedores, pero fan falta estudos máis rigorosos para determinar a súa utilidade. Por todo iso, podemos concluír que medidas como a fotoprotección con filtros solares ou o uso de retinoides (derivados da vitamina A) seguen sendo hoxe máis eficaces e rendibles na prevención e redución dos signos prematuros do envellecemento que o consumo de coláxeno hidrolizado.
*Aitor de Vicente Aguirre é profesor asociado de dermatoloxía da Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea.
Cláusula de divulgación: Aitor de Vicente Aguirre non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.














